|
Redacción
O lugar de Sobredo (Guillarei, Tui),
conmemora o 81º cabodano dos seus mártires o próximo 30 de novembro.
Os actos comezan cunha concentración na Carballeira de San Xosé, logo
da que os e as asistentes se desprazarán até o monumento adicado ás
persoas asasinadas en 1922.
Ás 12,00 intervirá Lidia Senra, representante do Sindicato Labrego
Galego (SLG) , e renderase homenaxe a D. Xosé Oseira e a D. Emilio
Vila, finalizando a xornada cunha ofrenda floral.
Os actos están organizados pola Confederación Galega de Asociacións
Veciñais 'Rosalía de Castro' e pola Organización Galega de
Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Para chegar ao lugar débese
ir pola autovía en dirección a Tui, e coller o desvío en Guillarei,
á altura do Hotel Alfonso I.
O 27 de novembro de 1922 presentáronse en Sobredo, un xuíz e axentes
da Garda Civil para embargar os bens dun veciño que non pagaba o foro.
Logo disto uns dous mil veciños/as da comarca xuntáronse a toque de
campás.
Ao disolver as forzas armadas a manifestación a tiros, houbo varios/as
feridos/as e tres persoas resultaron mortas: Cándida Rodríguez (de
Pazos), Xoaquín Estévez Besada (de Soutelo) e Venancio González
Romero (de Budiño).
Os feitos tiveron moita sona na prensa, parlamento, literatura,
conferencias... E o goberno decatouse entón da necesidade de darlle
unha solución ao conflicto agrario, o que finalmente levou á redención
dos foros.
Foi entón, pola actitude loitadora e comprometida destas mulleres e
homes do agro, que se conseguiu abolir un dos residuos da sociedade
estamental, que condenaba á morte en vida ao campesiñado deste País.
|