Sábado, 23 de noviembre de 2002 Índice CARTAS

 

 

 

Mártires de Sobredo

O vindeiro 28 de novembro cúmprese oitenta anos do tráxico acontecemento ocorrido en Sobredo (Guillarei, Tui). Facendo unha retrospectiva no tempo e penetrando polos camiños da historia, hai que sinalar que aquela traxedia ten o comezo nun tempo de abuso imposto polo dominio case absoluto sobre os medios de producción que ostentaban a propiedade da terra, que se traduce na percepción da renda agraria. Este poder ostentábao o clero e a fidalguía.

No extremo oposto o pobo liso, composto maioritariamente polo campesiñado que tras pagar unha serie de dereitos escasamente acadaba o mínimo nivel de subsistencia. En fin, un mundo de privilexiados e non privilexiados, de dominantes e dominados, de explotadores e explotados.

Dende tempos antigos a maior parte das terras en Galicia estaban sometidas a contratos de Foro. Esta carga era unha renda establecida sobre unha terra que se pagaba anualmente, en especies: millo, viño, animais... ou en diñeiro. Esta renda afogaba ó campesiñado e impedía o avance do agro.

Para elimina-lo Foro, poñerlle freo ó caciquismo... asoman a finais do século XIX as sociedades agrarias.

No ano 1907, a Sociedade de Agricultores de Teis, ponse á cabeza da loita e no ano 1908 constitúese o Directorio Antiforal de Teis, integrado totalmente por homes da Sociedade de Agricultores de Teis.

A campaña de axitación ten o comezo en Vigo, no Teatro Rosalía de Castro e coma un rego de pólvora percorre toda Galicia: propaganda, mitins, boicots ós pagos, asambleas multitudinarias, congresos, movilizacións con resultados tráxicos en Oseira, Nebra, Sofán, Narón e Guillarei.

Sobredo: o 28 de novembro de 1922, preséntase xuiz e garda civil, para embarga-los bens dun veciño que non pagaba o Foro. Uns dous mil veciños da bisbarra xúntanse a toque de campás. A forza pública disolve a manifestación a tiros. O resultado foi o tráxico balance de tres persoas mortas.

A longa loita antiforal deu froito en 1926, co Decreto Lei de Redención de Foros.

As entidades organizadoras do acto ós Mártires de Sobredo: Federación de Asociacións de Veciños de Vigo e Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, veñen de toma-lo acordo de sumar a homenaxe (para o próximo 24 de novembro) a lembranza do persoeiro e veciño de Cabral, Amante Caride Rodríguez, integrante daquel amplo movemento de masas, que tivo unha importancia decisiva e fundamental á hora de impulsar unha conciencia política-asociativa do campesiñado, facendo posible ergue-las fouces dos agraristas non só lavadoreños senón tamén de todo o campesiñado galego, que os levou a obter importantísimos logros.

José Manuel Álvarez Estévez - Vigo

 

Imprimir Subir

 

Carta anterior: "Negro" parque nacional galego
Siguiente carta: <**TIS**>

 

© FARO DE VIGO, 2002. Todos los derechos reservados digital@farodevigo.es