CELEBRADA A ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DA O.G.C.M.V.M.C.

 

O pasado día 25 de marzo de 2000 celebrouse en Lugo, no auditorio municipal Gustavo Freire, a Asemblea Xeral Ordinaria da Organización Galega de Comunidades de Montes.

A ela asistiron as case cen comunidades de montes que forman parte da Asociación, logo de aprobárense as contas do exercicio pasado sometéronse a debate diversas cuestións, entre elas fixouse a cota anual por comunidade, quedando aprobada en 20.000 pesetas.

O tema que máis debate suscitou entre as comunidades asistentes foi o da postura a manter pola Organización diante do Imposto de sociedades, acadándose finalmente o acordo de presentárense as correspondentes liquidacións do imposto, pero non abandonando a loita que se mantén contra do mesmo, dado que tódolos asistentes consideraron inxusto aplicar este imposto ós nosos montes. A Asemblea da OGCMVMC ratificou a postura que veu mantendo a Xunta Rectora da Organización, no sentido de que as comunidades de montes non se negan a someterse á fiscalidade, pero si ó sistema inxusto imposto polo Goberno central e apoiado polo Goberno autonómico, xa que o monte non é ningunha empresa, e polo tanto non pode ser sometido a un imposto pensado para as empresas. Igualmente se tildou pola Asemblea de discriminatorio este imposto para os intereses de Galicia, xa que o imposto de sociedades dos montes non se aplicará a todo o territorio do Estado, só a Galicia, única autonomía onde existen comunidades de montes veciñais en man común, xa que no resto do territorio do Estado español os montes comunais que existen son propiedade dos Concellos, e polo tanto quedan fora de tributación.

A asemblea rematou coa lectura dun comunicado da OGCMVMC apoiando a declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

Rematada a Asemblea celebrouse un xantar no Hotel Torre de Nuñez en Conturiz.

 

 

XORNADA SOBRE PARQUES EÓLICOS

 

Xa pola tarde celebrouse unha xornada monográfica sobre os Parques Eólicos, e a súa problemática.

Interviron na mesma representantes de: ADEGA, OGCMVMC, Empresas Promotoras de Parques Eólicos, e o letrado de Vigo, Sr. Calixto Escariz.

Todos os intervintes coincidiron en que a enerxía eólica pódese considerar coma unha das máis limpas, das que menos contaminan, se ben os conferenciantes discreparon enormemente en canto ó sistema de implantación desta enerxía no noso país.

O representante das empresas alabou a actual marcha da implantación dos Parques Eólicos e defendeu o mecanismo das expropiacións para o caso de que non existise acordo entre os donos dos terreos, sexan ou non comunidades de montes, e as empresas promotoras. Sobre este tema discreparon os outros intervintes, argumentando que o Interese social e Utilidade Pública dos montes veciñais en man común é superior á xeración de electricidade, sobre todo nun país coma o noso que é exportador de enerxía.

Foi moi criticada polo representante de ADEGA e da OGCMVMC a salvaxe implantación de parques eólicos, os que medran coma as setas por todos os nosos montes, sen nada que lles poida poñer couto. Aludiu o representante de ADEGA a que a falta dunha regulamentación restrictiva chega ata o extremo de que se está a punto de implantar un parque eólico a escasos metros dunha paraxe tan orixinal como é a Praia das Catedrais, na costa lucense.

O Letrado de Vigo, Sr. Calixto Escariz, considerou que o precio que se paga por aeroxenerador ó ano polas empresas promotoras é irrisorio, se temos en conta que o valor engadido que aporta o terreo ó parque eólico é algo esencial para este, xa que estas empresas non son coma outras que se poderían instalar noutro sitio, senón que teñen que instalarse precisamente nos cumes dos nosos montes. Concluíu o letrado que se se chegase a expropiar o monte, necesariamente no precio da expropiación teríase que ter en conta que o solo a expropiar debería recibir a cualificación de solo industrial.

Ó remate quitouse a conclusión de que pola OGCMVMC se deberá facer un especial seguimento da implantación de eólicos, promovendo todas aquelas accións que sexan conducentes ós intereses dos nosos montes.