|
O nacionalismo unionista,
isto é, o maioritario, tense a el mesmo como herdeiro privilexiado,
vinculeiro e patrucio, de Bóveda, de Castelao e do conxunto da memoria
do Partido Galeguista. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
O nacionalismo unionista, isto é, o
maioritario, tense a el mesmo como herdeiro privilexiado, vinculeiro e
patrucio, de Bóveda, de Castelao e do conxunto da memoria do Partido
Galeguista. Eles, sen dúbida, son herdeiros lexítimos, pro non
exclusivos. Non aceptan que tal herdo poida ser compartillado digamos
que polo outro nacionalismo, o independentista, e tamén non aceptan que
unha porción de leiras programáticas do nacionalismo histórico estean xa
socializadas e que constitúan territorios de natureza comunal e,
felizmente, propiedade nacional colectivizada.
Presántase, pois, o unionismo como o herdeiro único de Castelao e do
vello nacionalismo. Pro, en realidade, o partido nacionalista unionista
rexeita ou non asume os seus dereitos indiscutibeis sobre algunhas
leiras do legado. Por exemplo: a idea, patrimonial nacionalista, da
posta en vigor da freguesía ou parroquia administrativa é desbotado
polos nacionalistas maioritarios actuais.
Vivo en Vigo, concello galego de grande extensión territorial e moi
disperso en canto ao poboamento. Aquí Bouzas (caso especial de vila que
mantén a súa persoalidade), Teis, Lavadores, Cabral, mesmo a pequena
Zamáns que persiste na sua vocación agrograndeira, e mais un vasto
etcétera, considéranse a elas mesmas como parroquias e actúan como tales
mediante entidades supletorias como son as asociacións veciñais, os
patronatos de cemiterio privado, as xuntas de montes e de augas, as
culturais e esportivas.
Unha única freguesía ou parroquia de Vigo, Bembibre, goza actualmente de
personalidade xurídico administrativa de seu e elixe o seo alcalde de
bairro ou Vigairo. Isto ocorre, non por intervención dos herdeiros de
Castelao, senón porque no franquismo xa existía a entidade local menor e
o seu status procede de situacións anteriores á guerra de España nas que
o agrarismo e o nacionalismo tiveron influencia política e ideolóxica.
Alí onde gobernou o nacionalismo maioritario ou unionista non só non
executau o principio da parroquia administrativa promulgado pola
Asemblea de Monforte de 1918, senón que semella como se lle producise
usipra aos seus alcaldes e concelleiros a soa mención de tal
posibilidade. Naturalmente, os partidos sucursalistas nin sequera pensan
no asunto.
Sen embargo, a lei galega (e a española) de réxime local prevé a libre
constitución de entidades administrativas de rango inferior ao
municipio. Pro con todo, a lei portuguesa de autarquías é a que presenta
o modelo máis axeitado á nosa realidade, como soía decerse outrora.
Ao socio nacionalista da Xunta de Galicia aínda non se lle ocorreu
propór unha lei autonómica deste teor que nos homologaría efectivamente
con Portugal na liña estratéxica da euro-rexión na que tampouco ninguén
acredita. En todo caso, aquí e agora, coa lei vixente na man os
concellos poden crear se queren Xuntas de Freguesía e o pobo pode elixir
por sufraxio universal o seu Vigairo, cousa que Castelao considera
obxectivo irrenunciábel do nacionalismo en Sempre en Galiza.
Que eu saiba, nesta campaña electoral, só tratan en serio deste tema as
candidaturas de Mariano Abalo (Cangas de Esquerda) e de Moncho Lareu
(FPG) en Vigo. |