FARO DE VIGO. Edición Digital SÁBADO 25 NOVIEMBRE 2006 
Edición digital n. 2823
Falar do monte veciñal
José Alfredo Pereira Martínez - Val Miñor

Cando se fala dende as alturas, dende a pretensión de ter a verdade absoluta, cando se pontifica, o normal é que ademais de demagoxia se digan parvadas. Esto é o que fixo o señor Méndez Ferrín na súa serie "Crise do dogma forestal" (sobor de todo no último capítulo) publicado no FARO DE VIGO.
Debe saber o señor Méndez Ferrín que os montes veciñais en man común (os baldíos de sempre) é dicir dos veciños e veciñas, non son montes comunais. Montes comunais son os que pertencen a unha administración (por exemplo, os montes dos concellos españois). Os galegos son montes veciñais, e dicir, montes dos veciños e veciñas, non entendendo a estes como entes administrativos, senón como grupos sociais. Son outra forma de pusuír que temos os galegos e as galegas. Debe saber tamén que a lei pola que se rixen os montes veciñais en man común, non é unha lei franquista. É unha lei do ano 1989 aprobada polo Parlamento Galego por unanimidade, cando na súa composición había seis partidos políticos (diversidade política que en outros artigos vota de menos o señor Méndez Ferrín).
Non é verdade cando afirma que os anteriores gobernos da Xunta de Galicia (todos do PP), permitiron que os titulares dos montes fixeran o que quixeran. Fixo algo pior, apostou por un monte somentes forestalista. E no que se refire a enerxía eólica, foron os anteriores gobernos galegos os que favoreceron ás empresas e non ás comunidades de montes. E isto debeuse a que a enerxía eólica foi declarada de utilidade pública. Polo tanto, os parques eólicos instaláronse en contra da opinión das comunidades de montes. Foi precisamente a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), a primeira que ante a expansión da enerxía eólica polos montes galegos, solicitou (sen éxito desgraciadamente) se diseñase unha ordenación do territorio.
Moitas comunidades de montes (ou se se quere algunhas), fumos as primeiras en demandar dos anteriores gobernos da Xunta de Galicia (e tamén do actual) unha política de montes que logre un monte multifuncional e que permita todo o desenvolvemento dos seus aproveitamentos de xeito sustentable no camiño de xerar emprego e fixar poboación no medio rural. Moitas comunidades de montes (ou se se quere algunhas), levamos tempo reclamando unha nova política de montes, unha política de montes insertada dentro de unha ordenación do territorio galego e levada adiante mediante planos de ordenación agrogandeiro-forestais. Unha política que montes que asegure que os montes veciñais en man común sigan sendo espacios abertos para que cumplan as funcións sociais, medioambientais e económicas que deben cumplir. É certo que cos gobernos galegos anteriores non o logramos, mais tamén é certo que o novo goberno galego está a iniciar os pasos para esa nova política de montes e sobor de todo tamén é certo que moitas comunidades de montes (ou se se quere algunhas) seguiremos a loitar por ese ouxectivo.
Certamente o señor Méndez Ferrín pode falar do monte veciñal. Mais falar do monte veciñal debe ter cancelas. Non as cancelas que priven a liberdade de expresión, pero si as cancelas que preserven a verdade, a honestidade e a realidade. Non todas as comunidades de montes son iguais, polo tanto, xeralizar é unha inxustiza. As comunidades de montes precisamos de voces amigas e xustas do monte veciñal xa que de voces enemigas e insensatas estamos rodeados.
José Alfredo Pereira Martínez - Val Miñor