Estamos no outono, comemos
castañas, desceron as temperaturas, hai quen estraga as tripas con viño
novo do país, velo aí o esta o outono e o inverno espreita. | X.L.
MÉNDEZ FERRÍN
Estamos no outono, comemos castañas, desceron
as temperaturas, hai quen estraga as tripas con viño novo do país, velo
aí o esta o outono e o inverno espreita. É o intre en que xa ninguén se
lembra dos montes incendiados, co cal nosoutros desistimos da teima de
falarmos cada semana da crise do dogma forestalista. Pro, sobre o tema,
quedan aínda por pronunciar as palabras maiores. Se do que se trata é
dunha nova e necesaria Política de Montes, a reflexión básica, que
deixamos para o fin destas columnas aborrecidas, deberá basearse nunha
pregunta que toca á propiedade. Ou sexa: de quen é o Monte de Galicia? A
quen pertencen os dous millóns de hectarias galegas que están a monte?
En números redondos: seiscentos millóns de hectáreas de monte son do
tipo dos que, no idioma noso, dicimos comunais e a lei chama Montes en
Man Común. E estes son propiedade colectiva, que os xuristas por
tradición din "xermánica", de tres mil Comunidades de Montes que se
rexen por unha lei promulgada no franquismo polas Cortes Españolas a
iniciativa do procurador Antonio Rosón. Un millón cincocentas mil
hectáreas de montes galegos son privados e están na man de seiscentos
mil propietarios, dos cales unha boa parte son absentistas; isto é: son
persoas que non residen nas localidades próximas á súa propiedade. Ou
sexa, que se Galicia, sempre en cifras redondeadas, ten dous millóns e
medio de habitantes, seiscentos mil son propietarios de montes, aos que
haberá que sumar un número indefinido que se asocia en tres mil
comunidades de montes en man común.
Existe monte público en Galicia? Si pro moi pouco. Algúns concellos
parece que son propietarios de montes porque os comunais dalgunhas
freguesías nunca foron reclamados nin clasificados. A Xunta posúe
extensións insignificantes de monte que foi adquirindo (Salgueiros,
Xurés) nos últimos tempos. Todo o cal indica que a Política de Montes
que a opinión popular está a reclamar dos poderes autonómicos ten como
destinataria unha parte moi importante da poboación galega.
Estes propietarios de montes de Galicia téñense comportado deica o día
de hoxe ao seu enteiro capricho. Un laissez-faire absoluto da Xunta de
Galicia permitiu que a propiedade dos montes se movese entre dous
extremos: ou ben abandonar o monte e deixalo estar sen tipo ningún de
uso, convertíndoo así nun isqueiro que con facilidade de converte en
catástrofe ou dedicalo á actividade que se considere máis lucrativa a
curto prazo, sen que en ningún intre fose considerado o interese
nacional, ecolóxico e colectivo. Deste xeito, vemos como as propiedades
particulares ou das Xuntas de Montes se aplicaron a actividades
forestalistas consistentes monograficamente en plantar e replantar
árbores de nula cualidade madeirábel e destinadas ás fábricas de pasta.
Por parte, amplas extensión de monte, comunal e privado, foron
sacrificadas en concesións a canteiras destructivas que xamáis coñeceron
procesos de recuperación natural. Finalmente, os aproveitamentos eólicos
diron lugar máis recentemente a grandes negocios especulativos nos que
participaron concellos, empresas ligadas ao poder autonómico e Comisións
de Montes.
Os montes de Galicia viviron e viven en réxime de absoluto salvaxismo,
sen orde nin concerto. Ao revés de toda as nacións civilizadas, Galicia
non coñece lei para os montes e tal caos conduce inexorabelmente ao
desorde dos incendios. Somos moitos os que esperamos unha mudanza. Pro,
ollo, calquera cambio debe pasar por unha intervención decidida e
drástica dos poderes públicos sobre a propiedade, así sobre a individual
como sobre a propiedade comunal dos montes de Galicia. Por temor aos
votos de castigo, e por vocación neoliberal case relixiosa, a anterior
Xunta permitiu que a propiedade dos montes actuase á súa vontade. Saberá
ou quererá a actual Xunta facer outra cousa? |
|