FARO DE VIGO. Edición Digital VIERNES 03 NOVIEMBRE 2006 
Edición digital n. 2801
OS CAMIÑOS DA VIDA
Crise do dogma forestalista (4)
Levo un monte (sic) de tempo a lles falar contra o dogma forestalista, ou sexa contra aquel enunciado en forma de verdade que asegura que o monte galego non tén outro destino posíbel que a plantación e corta de piñeiros ruins e arcolitos para á fábrica de pasta de papel de Lourizán ou a outras. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Levo un monte (sic) de tempo a lles falar contra o dogma forestalista, ou sexa contra aquel enunciado en forma de verdade que asegura que o monte galego non tén outro destino posíbel que a plantación e corta de piñeiros ruins e arcolitos para á fábrica de pasta de papel de Lourizán ou a outras.
Non serei eu quen diga que no noso monte non debe haber árbores. Pero o feito é que ningunha clase de madeira para mobeis e barricas e barcos e trabes (poño por caso) das que están a transformar en Galicia foi producida aquí e toda é de importación, incluídos o piñeiro e o carballo. Producir, pois, boa madeira para cubas, trabes, mobeis ou embarcacións podería ser un obxectivo estratéxico nacional. Nos nosos montes pode haber árbores, e unha repobocación das corgas e regueiros e zonas adecuadas con especies caducifolias podería constituir excelentes barreiras contra o lume. Pero, por cima, moitos consideramos que a extensión inmensa do monte galego pode ser destinada a outros fins diferentes aos da produción de arcolito e piñeiro cuxo fin é converterse en celulosa.
O noso monte pode voltar a ser rozado e nel poden criarse novos barbeitos productores de cereal, ao tempo que os poderes públicos promocionan o centeo, a avea, o orxo, o trigo, galegos (en galego, non en plan orujo e ternera como segue dicindo a Xunta). Un plan cinexético racional e compatíbel coa protección da natureza pode ser concebido e posto en práctica para ben. Un incremento dos espacios nacionais protexidos (os actuais son insuficientes e, na súa maioría, de caracter imaxinario) e unha política efectiva que invitase a todo o pobo galego e aos visitantes de outros países a coñecelos coñecendo así a nosa Natureza menos condicionada pola man do home constitúe unha necesidade clamorosa.
Chegados a este punto, non me resisto a insistir nun feito escandaloso: o Parque Natural dos Ancares pertence á comunidade autónoma de Castela-León. A zona administrativamente galega dos Ancares non ten a categoría de parque natural e a penas a de reserva de caza ou algo así. Se temos en conta que foi o escritor galego Xosé María Castroviejo, adiantado e pioneiro de todo ecoloxismo, quen convertiu os Ancares (a a pita do monte) en tema literario maior e o quen fixo daquel espazo prodixioso un mito para todos os galegos, decatarémonos da inoperancia e desconsideración dos pasados gobernos autonómicos do PP nos que o medio ambiente era rexido por persoas, coma Del Álamo, que desprezaban e se rían do País do que comían e no que mandaban coma sátrapas.
E finalmente, a gandaría. Galicia, que exporta masivamente hoxe potros para carne, goza das mellores condicións para manter enormes greas e arrebaños de cabalos (cunha raza autóctona que non se protexe debidamente, o PRG) de vacas, (con varias razas autóctonas), ovellas e cabras na inmensidade dos seus montes. Todo conspira na actualidade, e mesmo tamén as Comunidades de Montes máis forestalistas, para dificultar a existencia de tales greas e arrebaños, que porparte proporcionan nos curros as riquezas engadidas do turismo. Compre, pois, pór en marcha programas e plans para o desenvolvemento masivo dunha gandaría extensiva nos montes da nosa Terra. Cabalos contra incendios, dicimos nós.
Naturalmente, os intereses económicos van por diante da ideoloxía forestalista. Hai tempo que as pedreiras, as canteiras, a minaría da lousa e do granito (viaxen ao Porriño), ao Galiñeiro de Gondomar, a Valdeorras e Pena Trevinca, a Pasarela, a Pena Corneira) están a modificar a face do País sen regras nin normas. Os graniteiros e pizarreiros saben ben que a ideoloxía e o dogma forestalista non serven para os seus fins lucrativos. Os concellos e caciques do PP que ifectaron os nosos cumes (coa inestimabel axuda das Comisións de Montes) con molinetes que deforman a paisaxe e que desataron unha especulación privada insoportábel para o país, tamén van máis aló do forestalismo. Pro os molinetes eólicos e as pedreiras e canteiras do granito e da lousa deben ser freadas en favor dunha utilización do monte en beneficio de todos os humanos e da biodiversidade.
O monte galego está á espera dunha política diferente.