Deciamos que os incendios violentísimos que
castigaron os montes de Galicia no pasado verán deberían incidir na
crise do dogma forestalista; isto é na crise do dogma que afirma sen
aceptar discusión que a permanente repoboación con piñeiros e arcolitos
destinados ás fábricas de celulosa é o único destino posibel dos montes
de Galicia. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Deciamos que os incendios violentísimos que
castigaron os montes de Galicia no pasado verán deberían incidir na
crise do dogma forestalista; isto é na crise do dogma que afirma sen
aceptar discusión que a permanente repoboación con piñeiros e arcolitos
destinados ás fábricas de celulosa é o único destino posibel dos montes
de Galicia. En verdade a xeneralización das canteiras, pedreiras e
areeiras, e tamén dos molinetes eólicos, son realidades (lamentabeis
realidades) que amosan que o discurso oficial e universal forestalista
está a ser modificado polas bases da sociedade e polos que procuran
lucros aínda máis cómodos, rápidos grosos ca os que procede a madeira
para as fábricas de celulosa. A oposición á fábrica de celulosa de
Pontevedra, de natureza ecoloxista, contradí tamén o dogma forestalista.
O debate parlamentario organizado arredor dos lumes deste verao foi moi
pobre, como pobres son os argumentos e análises que sobre o mesmo tema
están a se procesar en comsisión. O noso Parlamento, en materia de
incendios, está a ser máis ca nunca aquel Parlamentiño que fora sempre.
Visto que non hai máis forzas políticas parlamentarias que as que forman
goberno (PSOE-BNG) e as que rabean na oposición (PP), o debate nace xa
tarado. Mentres no Parlamento catalán hai cinco partidos representados e
no vasco seis, no Hórreo de noso só hai tres: dous no poder e o de Fraga
Iribarne na oposición. Quer decer que nin EU ou FPG, poño por caso,
sentan no Parlamento e, ao non facelo, o goberno de coalición
moderantista (no económico-social e no autodeterminismo) carece dunha
voz á súa esquerda e desde o independentismo que lle plantexe liñas de
debate, en materia de incendios, do seguinte tipo: de quén é o monte e
qué medidas está disposto a tomar o BNG-PSOE de actuación pública de
expropiación e non neoliberais?
Nas primeiras intervencións de calquera debate pos-forestalista haberá
que responder á pregunta sobre a propiedade do monte. Ficou xa claro que
o monte destinado exclusivamente a arboredo para á produción de celulosa
só ten dous destinos: o lucro rápido ou o incendio devastador. Calquera
medida de goberno que pretenda actuar sobre os montes terá que actuar
sobre os propietarios dos montes. Daquela, de quen son os montes de
Galicia?
Se a superficie de Terra Patria é duns tres millóns de hectáreas, dous
millóns delas son de monte. Deste monte, aproximadamente un millón e
medio de hectáreas pertence a uns seiscentos mil propietarios
individuais que na súa maioría non residen en "medio rural". Seiscentas
mil hectáreas son as que ocupan os que en galego chamamos montes
comunais e que constitúen a propiedade colectiva de tres mil Comunidades
de Montes en Man Común. O resto son montes públicos ou sexa propiedade
da Xunta, do Estado, de certos Concellos: moi pouca cousa.
É decer que a reforma do monte deberá executarse sobre dous millóns de
hectáreas e haberíalle de afectar a seiscentas mil persoas e tres mil
comunidades de montes. Agora que se extinguiron os incendios, é o intre
de comezar unha política de reforma dos montes de Galicia que modifique
o forestalismo economicista, a práctica destructiva das pedreiras, o
oportunismo especulativo das eólicas, o "laissez faire"- ás Comunidades
de Montes e particulares, e que se atreva cunha liña intervencionista e
con alternativas ao uso do monte que revisen as repoboacións de árbores
con novos criterios ecolóxicos, que recuperen as searas de ce- reais,
que actúen sobre a caza con criterios conservacionistas, que protexan o
aproveitamento gandeiro en réxime de liberdade de cabalos, vacas,
ovellas e cabras, que aumenten a superficie raquítica dos parques
naturais e outras cousas das que iremos falando. |
|