FARO DE VIGO. Edición Digital VIERNES 20 OCTUBRE 2006 
Edición digital n. 2787
OS CAMIÑOS DA VIDA
Crise do dogma forestalista (2)

A xente pensaba así a principios do século XX: Posto que en Galicia hai dous millóns de hectáreas de bouza e monte raso, é unha política urxente o poñelas en valor mediante a reforestación ou repoboación forestal. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN

A xente pensaba así a principios do século XX: Posto que en Galicia hai dous millóns de hectáreas de bouza e monte raso, é unha política urxente o poñelas en valor mediante a reforestación ou repoboación forestal. Partíase da idea de que houbera unha época feliz en que todo o enorme espazo dos montes galegos estivera ocupado polo bosco. A non ser que se falase do paleolítico, esa crenza era falsa ou polo menos imprecisa e ideolóxica. Naceu, pois, o dogma do forestalismo o cal consiste en afirmar como verdade indiscutíbel que os nosos montes non teñen outro posíbel destino no marco da modernización de Galicia que o de se converteren en masas forestais. Moi concretamente en masas de piñeiros e arcolitos cuxa madeira habería de ser transformada, sen saír do País, en pasta de papel. Sospeito que o modelo escandinavo pesou sobre os pais do dogma galego do forestalismo o cal, nembargantes, procede inmediatamente de Joaquín Costa e da doutrina común do regeneracionismo español.
O enxeñeiro tudense Rafael Areses Vidal foi o principal teórico e impulsor, xunto con Jacobo Díaz de Rábago, do forestalismo en Galicia. O Congreso forestal gallego de 1920 marcou unhas directrices que se foron cumprindo a través dos diferentes reximes políticos deica os nosos días. Os traballos de Areses, incluído Los incendios en los montes públicos, 1926 (de proveitosa lectura aínda), constitúen un modelo teórico que outros, notoriamente Alexandro Bóveda e o PG, continuaron e foron facendo realidade. O conto regeneracionista do esquivo que viaxa choutando de ponla en ponla desde Santander a Cádiz prendeu con forza no imaxinario galeguista e as Festas da Árbore foron fomentadas nas nosas escolas polo maxisterio e a inspección avanzada de Primeiro Ensino desde a Dictadura de Primo de Rivera polo menos.
Dentro da Galicia ideal galeguista, Castelao soña que desaparecerán os baldíos, as bouzas, as poulas, o monte baixo, a riqueza do gado ceibo e a función económica do estrume. Para el, os montes sen árbores demostran a opresión do centralismo español. "A calvicie dos montes galegos é unha terríbel acusación contra o Estado unitario" -escribía Castelao. "A repoboación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da colectividade"- engadía. Coas árbores nos montes virían as fábricas de celulosa que, coas de fiar liño e as de productos derivados do leite, eran as únicas que tiñan un lugar no pensamento político-económico de Castelao, que nunca fai mención de se a propiedade destas industrias sería nacional, cooperativa ou capitalista. "Vexo o monte repoboado e cuberto de piñeirales. Vexo grandes fábricas de pasta de papel e de productos derivados do leite". Este era o programa de Castelao e por iso Filgueira Valverde viu ben unha grande fábrica de celulosa en Lourizán.
A brutal e rápida substracción ao monte galego das súas funcións económicas tradicionais entre os anos vinte do século pasado e hoxe (o tempo dun sospiro nos grandes ritmos da Natureza e da Historia) e a súa conversión ao monocultivo de piñeiros e arcolitos ocasionou, alén dun atentado á biodiversidade nos tres Reinos da Natureza, unha modificación económica que afectou tamén á agricultura e á gandaría. Os violentos incendios dos meses do verán pasado e maila oposición da cidade de Pontevedra (precisamente Pontevedra) á fábrica de celulosa de Lourizán marcará sen dúbida o inicio da crise do dogma do forestalismo que reinou sen discusión en Galicia desde os anos vinte a hoxe. Outros destinos diferentes á plantación masiva de piñeiros e arcolitos poden ter os dous millóns de hectáreas de monte galego que están á espera da política.