Se partimos a superficie de
Galicia en tres, dous cachos son de monte. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Se partimos a superficie de Galicia en tres,
dous cachos son de monte. Até os anos vinte do século pasado, e máis,
ese monte era coidado co designio de producir molime da vexetación rasa
para as cortes e para esterco. Nos montes había pasto que aproveitaban
as vacadas e as greas de cabalos, e aínda o fan para dor de moitos. As
carballeiras eran devesas en xeral privadas para nelas chapodaren leña
destinada ás lareiras e ao fumeiro da matanza. Os soutos eran para as
castañas e as trabes. A Galicia cuberta por un bosco primordial e
autóctono é un mito. Os piñeiros eran máis ben veciños das partes
costeiras e, como o nome científico dunha especie indica, marítimos. Iso
non é todo, porque había ameneiros e salgueiros e freixos e bidueiros
espontánéos nas corgas, nos regueiros, nas beiras dos ríos e nos baldíos
húmidos.
Pro procendente da España regeneracionista, chegou nos anos vinte a
Galicia un dogma que chamamos forestalista (do francés forêt "bosco") e
os nenos das escolas foron convocados á Festa da Árbore. Os
forestalistas galegos nunca comprenderon a función económica da bouza e
do monte baixo e consideraban os montes calvos un desperdicio. Pensaron
que dous millóns de hectáreas estaban desaproveitadas e que compría
poñelas en valor para ben de Galicia. Xurdiu así a idea de repoboación
forestal, que se comeza a pór en práctica entre nós durante a Dictadura
de Primo de Rivera e a partir da Deputación de Pontevedra no intre no
que a presidía o militar Daniel de la Sota. O plan estratéxico da
repoboación forestal completábase coa posta en funcionamento dunha rede
de fábricas que convertiría a masa forestal en pasta de papel.
Na provincia de Pontevedra, pioñeira do dogma forestalista, destaca, con
De la Sota, a personalidade do enxeñeiro Rafael Areses, asistido polos
seus colaboradores nacionalistas, entre os cales destacaba Alexandro
Bóveda. Entre as obras emprendidas neste sentido, existen dúas ben
visíbeis: o centro forestal de Cotorredondo, onde se comezaron a
producir plantas de piñeiros en masa para a provincia e para toda
Galicia, e mais o Monte Aloia que sería algo así como a mostra, con
matices embelecedores de flora ornamental, da idea de repoboación
forestal que ía contribuir a modernizar o País.
O dogma forestalista continuou no franquismo e executouse coa
detentación dos montes comunais por parte dos concellos e coa política
de "repoblacións en consorcio" entre tais concellos e o Estado, política
que arruinou a riqueza gandeira en réxime de pastoreo ceibo.
Un frenesí de plantar arcolistos e piñeiros sobreviu unido á posta en
marcha da fábrica de celulosas de Lourizán (tamén Pontevedra) que
anteriormente fora rexeitada noutros puntos de Galicia. Castelao,
radicalmente equivocado nás páxinas que en Sempre en Galiza lle dedicou
a este tema, expuña as ideas de Bóveda e do PG desde o exilio, teses
forestalistas que se resumen nunha parella de termos: moitos piñeiros
nos nosos montes, moitas fábricas de celulosa a fumegar por todo o País.
O programa forestalista, logo do franquismo, continuouse sen descanso na
actual monarquía e autonomía coa introducción de empresas ligadas ao PP
e dedicadas á chamada silvicultura. O resultado é: un millón de
hectáreas de monte arborado e un millón de hectáreas de monte baixo ou
bouza. Espero que os incendios catastróficos do pasado verán sirvan para
fomentar a crise do dogma forestalista a para que a nación pense en
aproveitamentos do monte de signo diferente. Arderon unhas 90.000
hectáreas de monte. Suficiente para estimular a crítica ao forestalismo,
coméntase nos círculos nos que me movo. |
|