FARO DE VIGO. Edición Digital VIERNES 06 OCTUBRE 2006 
Edición digital n. 2773
OS CAMIÑOS DA VIDA
Que é o "monte"?
Chegaron as chuvas, fíxose ou estase a facer a vendima, pingan e seguirán a pingar as castañas, a feira dos cabalos de San Martiño abriranos a porta do inverno. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Chegaron as chuvas, fíxose ou estase a facer a vendima, pingan e seguirán a pingar as castañas, a feira dos cabalos de San Martiño abriranos a porta do inverno. Temperadas as mentes e as paixóns, é a hora de falar dos incendios que devoraron os montes de Galicia.
Calquera reflexión sobre os incendios do verán que morre agora deberá partir dunha pregunta que non todos os xornalistas, os opinantes, os políticos no exercicio do poder se teñen feito. De que falamos en Galicia cando falamos de "montes"? Toda muller ou home da aldea sabe o que é o "monte". Moitos e moitas xentes de cidade tamén o saben porque tiveron ollos e intelixencia para o perceber. Pero outros ignórano, e nos libros de textos da ESO e do Bararelato non se explica que é o "monte" en Galicia.
Arderon moitos montes o verán pasado. Vexamos o que ardeu. Chamamos en Galicia "monte" a toda superficie de terra inculta ou sexa que está a ermo ou a poulo. Un "monte" en Galicia non é unha "montaña", aínda que tamén se pode chamar así. Un "monte" pode ser chan coma a palma da mao, como ocorre nos grades espazos agrícolas do centro-norte do País. Aquela parte de Galicia que non é agrícola nin está ocupada polas habitacións dos humanos e polos seus servizos é o "monte". O monte galego está tradicionalmente poboado por unha vexetación baixa, de queirogas, urces, toxos, qarqueixas, diversas gramíneas, que antano daban estrume para as cortes do labrego e que hoxe seguen a proporcionar moi bos pastos para milleiros de cabalos e de vacas soltas. Tradicionalmente sempre houbo no monte vexetación arbustiva que produce ricas bagas que a nosa tradición popular ignora: o abruñeiro, o estirpeiro, o ceroleiro, o escambroeiro. Tamén o monte é explotado, e máis e máis, forzando a súa conversión en arboredo e tamén as entrañas do monte se abren para extraguer granito, lousa, outros minerais. De maneira que a ecuación: "monte" igual a "bosque" ou "monte igual a "masa forestal" é unha falacia de comenencia.
Digamos que Galicia tén, grosso modo, tres millóns de hectáreas. Sempre en números aproximados, estas divídense así: un millón de hectáreas ocúpannas a habitación humana e a explotación agraria e dos millóns de hectáreas son de "monte". Á súa ves, desta extensión de monte, a metade (un millón) é superficie arborada e a outra metade (un millón) é de monte baixo (vexetación de gándara ou landa ou bouza) ao que quizais haxa que sumar as pedreiras e minas. Destes dous millóns de hectáreas que forman a maior parte do País, ardería unhas noventa mil hectáreas este verán pasado, das cales cuarenta mil eran de arboredo, ou que diga de piñeral e arcolitos.
Ou sexa que cando falamos de "montes" estamos a falar da maior parte da superficie de Galicia. Que haxa unha verdadeira política, pois, para os "montes" e que se supere nesta materia o "laisser faire, laissez passer" que rexiu deica hoxe e que esa política se articule coa política xeral de ordenación do territorio e de medio ambiente natural é algo que lle debemos esixir aos gobernantes. E cando se fale de incendios, non hai que falar só de madeira.