|
"Non só a fronteira lingüística de Galicia
estaba gardada no Leste polo oso" | X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Cando falamos do oso ou urso pensamos sempre no
Gardián da Fronteira de Galicia polo Leste. No século XIX o grande poeta
do Bierzo, inda que natural de Astorga, Fernández e Morales escribiu un
longo e vivísimo relato en verso galego sobre a caza do oso nos Ancares.
Tamén naquela centuria antepasada o zoólogo Víctor López Seoane,
ferrolán que se carteaba con Charles Darwin, ocupábase da poboación de
osos no Caurel e describía a súa caza con pica de ferro e escudo feito
con coroza de colmo. Novoneyra tenme comentado que nos faiados da súa
casa petrucial de Parada de Moreda aínda se gardaban arrombadas as picas
para cazar o oso en corpo a corpo da fera e co humano caurelao. Os
finais do século XIX e os principios do XX seguramente foron os tempos
da retirada do oso galego do Leste do País.
Pro veleiquí que nos últimos anos e debido ás medidas protectoras e á
política medioambiental de Asturias, o oso incrementou a súa reducida
poboación naquelas montañas. O feito de que no parque natural da Dehesa
de Muniellos, tan próximo á Galicia Administrativa que é chamado Devesa
de Moelos na lingua galega de Ibias (Asturias) tamén inzaron os osos a
sabor. E así, como son bichos moito andaregos, os osos aventuráronse
cara o Sul de novo e precisamente por onde é a nosa fronteira
lingüística a Leste. Xa hai anos que sabiamos do gozoso acontecemento.
Baixan os osos e son vistos polo Caurel, polos dominios do alcalde
rockeiro de Oencia, polos Ancares administrados por León e polos Ancares
abandonados que Galicia non coida. Mesmo din que foron albiscados pola
Serra da Lastra, máis ao Sul. Unha noticia conmoveu os amantes da
natureza: un cazador sen escrúpulos diulle morte (a tiro, non a pica) a
un oso non sei se pola Veiga do Valcarce ou por outro concello
galegoberciano ou ancarao.
Pro non só a fronteira lingüística de Galicia estaba gardada no Leste
polo oso. Tamén no Sul de Galicia había osos e tamén por esas zonas
foron exterminados. No macizo do Xurés parece que houbo osos até
mediados do século XIX, ou se cadra foron extinguidos mesmo antes. Os
habitantes das aldeas de Lobios teñen as colmeas ou albarizas rodeadas
por muriños circulares (coma no Caurel) que alí chaman "cortellos do
oso" aínda hoxe. O oso do Gerês ou Xurés gardaba a fronteira lingüística
entre o galego e o portugués na raia seca. Supoño que criaría no Mato da
Albergaria, que por moitos anos foi couto de caza do Rei de Portugal
polo cal tamén é coñecido como Mato Real.
Felizmente, hoxe o Parque Natural (galego) do Xurés, colindante co
inmenso Parque Nacional (portugués) de Peneda-Gerês, vai para riba e
aínda fara tal con maior forza. Como queira que o noso parque natural
ten autor, e el é o enxeñeiro Xosé Benito Reza, e dado que hoxe sopran
ventos en materia naturalística máis favorabeis ca os da era cativa e
miserente de Fraga Iribarne, vemos con satisfacción que as autoridades
van pór en funcionamento a aldea de carboeiros de Salgueiro e xa
incrementaron a poboación de grandes aguias cunha nova parella que alí
vivirá e se reproducirá en paz. Desde tempos aínda recentes, a cabra
montesa do Xurés, que fora alí exterminada, volve erguer a estampa
orgullosa nos picoutos daquela serra impar. Só falta que nos atrevamos e
que reintroduzcamos o oso no Xurés. Este cronista non podería glosar
para os seus lectores unha mellor noticia. Aquil día diríamos que o
Gardián da Fronteira tamén percorre as marcas do País pacificamente polo
Sul e face os territorios que se esgallaron de nosoutros no século XII.
|