FARO DE VIGO. Edición Digital LUNES 25 SEPTIEMBRE 2006 
Edición digital n. 2762
SEGUNDA FEIRA
O esperpento continúa
Desde que perdeu a Xunta, todo parece indicar que o PP se desfai e se desmoraliza | XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

Percibimos que a trama social que até agora sostiña ao partido de Fraga Iribarne en infinidade de concellos está a se esmallar desde o día no que perderon a maioranza absoluta. A irrelevancia, e mesmo inexistencia, do PP nas zonas máis vivas do que, no ronsel de Gramsci, todos din agora sociedade civil, viña contrastando coa forza política coa que o PP, ao ter frente súa unha esquerda e unha democracia non franquista electoralmente dividida, se instalaba nos municipios e nas deputacións e acadaba maioría parlamentaria. No intre presente, e desde que perdeu a Xunta, todo parece indicar que o PP se desfai e se desmoraliza. Formados na escola do poder, non saben respirar fóra del. A actual degradación interna do PP fíxose evidente na filtración dos papeis que proban a súa implicación nos incendios que, máis que nos decer nada novo, nos indica que no interior do partido de Fraga Iribarne xa hai traidores, toupeiras, persoas dispostas e preparadas para favorecer ao inimigo e seguramente non por diñeiro inmediato. A figura dos leiróns abandonando as tillas dos barcos en situación de perigo é tan obvia que me dá un certo noxo sacala agora nesta columna. A imaxe de Núñez Feijóo é a dunha pálida pantasma, tanto que na Arousa xa o coñecen coma "O Defuntiño", coma aqueles retratos dos carteis electorais que o sol e a chuva, e sobre todo a derrota, fixeron esvaecer despois de que os votantes os convertesen en inútiles.
Porque si, apareceron as probas da implicación do PP nos incendios. A secretaria de organización da Coruña cursoulle instrucións e consignas aos seus alcaldes, que se supón que foron as mesmas que as dirixidas ás outras provincias: boicotear a formación das brigadas contra os incendios para criar o caos. Son tan precisas as instrucións que non requiren glosa ningunha. Naturalmente a folla de ruta para o verán non ía acompañada de latas de gasolina nin de isqueiros nin de mechas. Seguramente os alcaldes que obedeceron a consigna de boicot á organización contra incendios da Xunta estaban tamén nesa manifestación do PP que pretendeu emular, en clave de farsa, iso si, as de Nunca Máis o pasado domingo. O escándalo está a ser tan estrepitoso coma o fracaso da manifestación.
Fagamos memoria, pois é o ano dela, daquel Sancho Rof, ministro de UCD, que lle quitaba ferro ao asunto dos aceites de colza dicindo que contiñan un insignificante "bichito que se cayó de una mesa". Ou lembren, a lor da catástrofe dos "Prestige", a Rajoy e os do PP a falar duns tamén insignificantes "hilillos de aceite". Non máis onte, un destacado xornalista da dereita eterna das Españas, Fernando Ónega, saíu en auxilio do Defuntiño, esta vez máis pálido ca nunca, dicindo que o xefe dos dereitistas de Galicia nada sabía das instrucións sobre incendios e que o documento só era unha "chiquillada" insignificante. Defuntiño non dixo "chiquillada"; limitouse a recoñecer que aquel documento infame recollía algún que outro "párrafo infeliz" (e seguramente tamén insignificante).
O esperpento continúa.