"Vizoso non cobrou, como é hábito en xente
coma el" | X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Durante 70 anos intentaron que, xeración após
xeración, o pobo chegase a esquencer a masacre do Furriolo. Despois de
Auschwitz non se pode escribir poesía, dixera Adorno con grave
descontento de Paul Celan. O domingo antepasado dos poetas galegos
cantaron no Furriolo e demostraron ao mundo que, despois de Celanova,
entendida agora como centro de exterminio de presos políticos, pode
haber poemas. Porparte, a Asociación Arraianos Terras de Celanova puxo
en marcha unhas xornadas históricas sobre a represión de 1936 e
seguintes e levantou unha parede de tellón no alto do Furriolo e nela
estampou un fermoso mural X. Vizoso en memoria dos fusilados alí.
Setenta anos despois de dictada a cláusula de esquencemento nos pactos
cupulares da Reforma Política, por fin hai un acto de recoñecemento e de
memoria daquelas víctimas. De entre os centos de mortos e de escarnidos
no Furriolo, a reminiscencia e a teimosía do pobo leal quixo sempre
destacar un: Celso Pérez, alcalde da Frente Popular en Gomesende,
convertido nunha lenda baixo o nome familiar de Celso de Poulo.
Celso de Poulo dalle, na tradición nacional popular, nome e un rostro
entrevisto ou cuase adiviñado nos outros mortos. A súa honradez,
xenerosidade cos pobres e nobreza de espírito ocasionaran que as xentes
das Terras de Celanova o escollesen para representar os sen nome perante
o tribunal inapelábel da condición humana. Igual que Bóveda, que Lorca,
que Quintanilla, que Benigno Alvarez, que un batallón de notabres entre
os infortunados, Celso de Poulo representa no Furriolo a todos.
Explicouno mellor ca min Castelao nas páxinas d´A Nosa Terra cando
instituíu o Día dos Mártires Galegos (que el non chamou da Galiza
Mártir, por certo) poñendo en primeira fila, onde sigue estando, a
Alexandro Bóveda.
No acto de inauguración do mural en memoria dos asasinados no Furriolo,
había moitas autoridades políticas da Xunta de Galicia, e mesmo estaban
o seu vicepresidente e tres alcaldes que non militan no PP. Pro a
Asociación Arraianos, con Aser Alvarez González como figura principal,
quixo marcar aquilo que os maoístas Lázaros e Alain Badiou chaman hoxe
en París "a Distancia Política". Desde embaixo e desde a raíz das
cousas, Arraianos elixiu a Distancia. Chamou por todos e non agardou por
ningúen. Por iso, nin un céntimo dos destinados a subvencionar os actos
do Ano da Memoria contribiu a enxoitar os seus gastos. Vizoso non
cobrou, como é hábito en xente coma el, e foron pequenos empresarios de
Celanova os que puxeron, como contribución á reconstrución da memoria,
os materiais e os salarios dos traballadores que erixiron o monumento do
Furriolo. Os gastos das xornadas de estudo que durante toda a semana
tiveron lugar no ventre do vello horror, na antiga prisión do convento e
actual Instituto, sairon dos petos dos propios Arraianos. Alí no
convento falamos, por exemplo, de Lois Soto, que xa ían sendo horas. |
|