O castro do Furriolo asentábase na divisoria
entre os territorios de dúas tribos galaicas importantes, a dos Limici e
a dos Coelrni, con capital éstes no actual Castro Mau (seguramente
chamado así pola contumacia dos seus habitantes, que perseverarían no
paganismo cando Cristo xa mandaba en Roma). | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
O castro do Furriolo asentábase na divisoria
entre os territorios de dúas tribos galaicas importantes, a dos Limici e
a dos Coelrni, con capital éstes no actual Castro Mau (seguramente
chamado así pola contumacia dos seus habitantes, que perseverarían no
paganismo cando Cristo xa mandaba en Roma). Os do Furriolo son uns
montes sombrizos, tristes, moi escasamente poboados na actualidade,
fríos, coa vexetación que os técnicos, á francesa, chaman de lande e nós
podiamos decer de gándara. Un lugar apartado e seestro que os asasinos
fascistas de 1936 consideraron sumamente adecuado para as execucións nas
amañecidas.
En 1936 a cadea provincial de Ourense, como todas as cadeas de Galicia,
ateigouse de presos políticos e as autoridades franquistas tiveron que
habilitar novos centros de detención e exterminio. A nova prisión por
excelencia foi a de Celanova. No que fora convento de frades bieitos, de
propiedade pública desde o século XIX, púxose a funcionar unha cadea
regular, ao mando dun director e gobernada por oficiais e carcereiros
dos corpos de prisións do Estado. Na parte do edificio do antigo
noviciado, coñecida popularmente como "O Poleiro", instalaron os presos,
que dispuñan do claustro mal chamado "herreriano" como patio. Arredor do
claustro do século XVI, logo no XVIII revestido cunha escenográfica
pantalla de barroco compostelano, instalouse o acuartelamento das
unidades militares que se ocupaban da guarda exterior da prisión,
unidades que, nun intre dado, estiveron integradas exclusivamente por
mouros ao servizo de Franco.
Antes da caída de Asturias e de Euskadi, a prisión de Celanova
custodiaba só presos da provincia de Ourense, de todos os partidos
integrandes da Frente Popular e máis sindicalistas. Logo viñeron os
prisioneiros de guerra. A parte dos que foron xulgados por tribunais
militares e fusilados, unha masa inxente de persoas presas en Celanova
foi sacada e asasinada sen formación de causa, dacordo con listas negras
que se confeccionaban no Goberno Militar da Rúa do Paseo, Ourense.
Era o que en Ourense se chamaba, "levar ás claudias" ou "claudiar". O
lugar preferido para os asasinatos era o alto do Furriolo, próximo a
Celanova, que daquela se convertiu en signo de horror, e así o evoca
Antón Tovar nun seu poema. Os centos de persoas sacrificadas no Furriolo
a partir de 1936 só eran recordadas nos círculos das conservas privadas
e no discurso da esquerda xenuína. Os pactos do que eles chamaron
Transición, e outros chamamos Reforma, prescribían, nunha cláusula de
obrigado cumprimento, a amnesia, a desmemoria, o esquencemento. Máis ca
en ningures, no Furriolo e en Celanova se executou con severidade e
rigor a orde de silencio selada co apretón de mans entre Carrillo,
Felipe, os franquistas, o exército, a banca, a Igrexa Católica e os EE
UU que trouxo o actual réxime político español da II Restauración
Borbónica.
Houbo que agardar 70 anos para que se fixese memoria pública da
carnicería do Furriolo, e iso aconteceu domingo pasado con grande
escándalo dun PP local que sinte como se se lle está a abrir a terra
baixo os pes. |
|