FARO DE VIGO. Edición Digital LUNES 31 JULIO 2006 
Edición digital n. 2706
SEGUNDA FEIRA
 
Curro novo de Dimo, no Xiabre
 

"Un curro novo, pequeno pero moi ben preparado acolleu a grea das bestas" | X. L. MÉNDEZ FERRÍN


Coido que este é o terceiro ano que se celebra o curro de facos galicianos do Xiabre, que agora chaman rapa das bestas seguindo a terminoloxía moderna de San Lourenzo de Sabucedo introducida con éxito polo opúsculo de Víctor Lis Quibén (de negra memoria por asuntos que non son para tratar hoxe). Organízano os gandeiros e homes do monte de Dimo, no concello da Catoira. O novo curso do Xiabre celébrase nun lugar ateigado de misterios e reminiscencias pagáns e cristiás arcaicas: alí está un dos moitos santuarios dedicados a San Cibrán. Como todos eles en Galicia, o de Dimo está encristado no monte, lonxe da xente, en eremus ou espazo desértico. Dá a imprensión de que na Igrexa Católica tolerase mal o culto a San Cibrán e o refugase aos lugares apartados, ás paraxes desoladas. Visiten coma tal, San Cibrán dos Penedos, en Terra de Turonio, polo Confurco do Porriño, e vivirán unha atmósfera wagneriana que encolle o corazón.
Na memoria popular conflúen, polo menos en Galicia, dous santos Cribán/Cibrao: un máis histórico e outro máis fantástico. Teñen en común o trato co Demo (considéranse precursores da figura do Fausto) e seren sabios libidinosos, e logo castos ou casados. Ou ben con Santa Xustina, ou ben con Santa Comba. Impúxose finalmente un Cibrán meigo, máis ou menos convertido e, mesmo, mártir. Toda Europa leu, até onte mesmo, libros de esconxuros e de maxia atribuídos a San Cibrán. Eu mesmo coñezo Ciprinallo desde a miña nenez. Era tan perigoso o culto oficial a un dos Cibráns, o de Anquioquía chamado, que o Concilio Vaticano II decidiu decanonizalo e declaralo inexistente, en compaña, segundo teño entendido, de Santa Xustina, a súa amante. Que o Marqués de Sade botase a man de Justine e que Francisco Delicado fixese da Pícara Justina arquetipo de divertida muller da vida non deixa de ser unha curiosa coincidencia.
Os de Dimo, conscientes do valor cultural, simbólico e identitario das bestas do monte Xiabre, puxeron en marcha a súa festa cabalar, na que mesmo repartiron gratuítamente racións de carne de poldro. Un curro novo, pequeno pero moi ben preparado, acolleu a grea das bestas e houbo festa de vivencias comunitarias moi fondas.
En Catoira ten lugar cada mes de xullo unha Escola de Xestión do Patrimonio. Ocórreseme proporlle a Marcial Gondar, ideólogo do acontecemento, a Margarita Lobato, secretaria, e a Alberto García, alcalde, unha idea. Que unha das próximas edicións da Escola de Xestión do Patrimonio de Catoira verse monograficamente sobre o mundo do gando ceibe dos montes de Galicia e sobre a cultura do pastoreo no século XX. Por suposto, a cultura da equitación tradicional estaría presente cunha xeira de campionato galego de andadura e non podería faltar un concurso morfolóxico e unhas conferencias devulgativas sobre cabalo PRG (Pura Raza Galega) así como a participación activa do alumnado e profesores nos traballos do curro do Xiabre, onda a ermida de San Cibrán, Dimo, Catoira.