Alí está o canto de Pondal e alí están os
Penedos de Pasarela que hoxe a barbarie cobizosa de lucro quer destruír
coa dirección asistida do alcalde de Vimianzo | X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Fálame Manuel Ferreiro, o filólogo restaurador
do Bardo Pondal, de xeografía relacionada co grande
poeta. Todos coñecen a fascinación daquel polos nomes de lugar
carregados de reminiscencia pagán ou prerrománica ou xermánica sen el o
saber. Tamén hai un Pondal popularista, brevísimo, no que canta o aldeán
contemporáneo seu con carga naturalística que lle facía ourizar a pel da
res a Emilia Pardo Bazán: "Penedos de Pasarela,/ cando vos vexo,
penedos,/ sospiro de amor por ela".
Vai o profesor Ferreiro e, de volta de Boborás, comeza a pintarme nunha
servilleta de papel unha xeografía así pondaliana como wagneriana
referida aos Penedos de Pasarela. Escribe Ferreiro e deseña na evocación
emocionada: Trabe de Laxe, Figueiral de Mórdomo, Monte Gundar, lugar do
Prazadoiro ou Aprazadoiro. E alí está o canto de Pondal e alí están os
Penedos de Pasarela que hoxe a barbarie cobizosa de lucro quer destruír
coa dirección asistida do alcalde de Vimianzo. Daquela eu sinto unha
frase cruel e sarcástica marmuriada por alguén decepcionado: "Socialismo
ou barbarie".
Ocorre que o alcalde socialista, ou o que sexa, de Vimianzo quer
converter os Penedos de Pasarela en porpiaño e destruír a paisaxe que en
modo ningún é súa nin da cía. granitera que desexa facer o negocio. Como
o suxeito parece non ter fechos na lingua, ao bon estilo do seu colega
Francisco Vázquez, dílle a quen o quer ouvir e á prensa: "Os penedos son
para o que foron sempre: para facer pedra destinada á construcción".
Neste caso o socialista de Vimianzo representa a barbarie pervertindo a
verdade que contén o adaxio marxista.
Non sei ben como se chama, despois da frívola mudanza de nome das
consellarías, a que rexe Manuel Vázquez. Supoño que será de Medio
Ambiente, aínda que, en todo caso, todos sabemos que se trata da
consellaría que maiores satisfaccións nos tén dado aos que estamos
horrorizados pola desfeita ecolóxica que o PP, unidos aos intereses máis
primitivos do capitalismo predador, fixo sobre a superficie e nas
entrañas de Galicia. A sensibilidade naturalística que se percibe no
departamento que rexe o doutor Vázquez e do que é director xeral o
enxeñeiro Reza estou seguro de que vai inspirar unha negativa á pedreira
que queren abrir en Vimianzo tan contundente coma a que lle parou os pés
a Pescanova non lonxe de alí e tamén en Terra de Pondal. Os Penedos de
Pasarela son singulares, ou senlleiros, a súa relación co patrimonio
literario é tamén única e, no ramo que na Xunta de Galicia entende na
materia, existe hoxe un grao de concentración cultural infinitamente
superior ao coñecido alí desde a pre-autonomía á longa noite de Fraga
Iribarne, ambas inclusive, polo tanto, é esperábel que os Penedos de
Pasarela se salven.
Orabén, fica pendente aínda unha política efectiva que pare esas
pedreiras que, en progresión acelerada, están destruíndo a imaxe da
Patria e degradando a nosa paisaxe loucamente en beneficio duns poucos,
coa comparecencia interesada de alcaldes coma socialistas de Vimianzo e
de xuntas de montes sen demasiados escrúpulos. Unha boa política galega
do medio ambiente natural non pode estar completa sen botarlle un
ferrollo en condicións ás canteiras ou pedreiras que hoxe campan ao seu
arbitrio por todo o País. Non convén esquencer que mesmo o liberalismo
máis feroche non pode menos de recoñecer que a propiedade é un dereito
que tén límites e estes son os do ben común. Xa sei que o que digo non é
socialismo. Pero é. |
|