FARO DE VIGO. Edición Digital LUNES 12 JUNIO 2006 
Edición digital n. 2657
SEGUNDA FEIRA
 
Montes do Leboreiro
 

"Terra e aldeas, que na miña mocidade estaban teiteadas de colmo, apoivigan a alma" | X. L. MÉNDEZ FERRÍN

Afreguesía do Castro Leboreiro ou Castro Laboreiro constitúe unha porción fascinante do Planeta e do actual termo municipal de Melgaço. En tempos tivo castelo famoso, ao cal aínda hoxe as xentes chaman de San Rosendo. Hoxe a freguesía dispérsase polos montes sen arboredo en brandas, estiveiras e aldeas de todo o ano, caso este do centro capital, que nós e a xente crasteja chamamos O Crasto.
Terra e aldeas, que na miña mocidade estaban teiteadas de colmo e hoxe están de tella plan, apoivigan a alma e nos ordenan silencio. Até os cuarenta non se construíu a estrada de Melgaço e a que, partindo de Terrachán (Entrimo), liga a freguesía de que falamos co val do Limia nin terá quince anos. Nos tempos de meu pai, para ir de Celanova ao Crasto Leboreiro era preciso facer uso dos camiños vellos, gravurados polo dente do carro. Poño por caso o que vai por Amoroce, corta a Chaira e entra en Portugal beireando o Penagache. Ou ben subíase desde Lobeira e San Xes, desde Bande, e ao pasa-la Fraga xa estabamos cruzando os marcos fronteirizos máis antigos de Europa e vendo os arrebaños de bestas e de vacas que por Sesteiro do Bañadoiros soen moverse. Finalmente era o camiño de Queguas, concello de Entrimo, reverenciado polo dolme dito Casa da Moura e que nos leva, xa na freguesía do Crasto Leboreiro, onda a ermidiña xeitosa de Nosa Señora de Anamán, da Anumán, da Numâo ou como queira que haxa de ser escribir tal topónimo enigmático. Por eses camiños baixaban os crastejos ás feiras e mercados, carregadiños, con burra ou sen ela, a vender o carbón que eles facían de torga e cádavos no monte.
O "Núcleo de Estudos e Pesquisas dos Montes Laboreiro", supoño que con sede no Crasto, editou un fermoso folleto da autoría de José Domingues sobre O foral de D. Afonso Henriques a Castro Laboreiro. Non consegue o autor convencernos da autenticidade do documento, extraído dunha pretensa transcripción do século XVIII debida á man do arquiveiro da Torre do Tombo Gaspar Álvares de Lousada Machado. Ora si, o doutor Domingues é capaz de evocar con vívida intensidade, entre outras cousas valiosas, os días do século XII nos que nacía Portugal e nos que o seu primeiro rei privativo, Afonso Henriques, non se resignaba a perder a parte septentrional do noso vello reino ("a miragen afonsina de conquistar Galiza": Domingues) e depuña o abade de Celanova, levantaba castelo novo no Castro de Verredo, sobre o río Sorga, chegaba á ría de Vigo e se declaraba, como conta Alexantre Herculano, "rei de Portugal e de Turonio".
O interesantísimo opúsculo de José Domingues, cuxa lectura recomendo a todos os afeccionados ao universo arraiano, ten, por parte, a virtude de nos facer acordantes de que os Montes do Leboreiro exceden en extensión á actual freguesía do Crasto. Comezan a cobrar altura onda a mesma praza de Celanova, Castro Mau e a Casa da Neve son as súas estrebeiras, érguense nunha plataforma que nos achegan ás estrelas por Outeiro de Eguas, ou de Augas, nas partes deste lado da fronteira. José Domingues fainos acordantes de que, da banda portuguesa, o Leboreiro chega ao Padrâo de Sistelo e ao Soajo, a viliña que aínda mantén feira do mes onde se mercan as máis belas vacas piscas, caracterizadas pola súa pequenez, a corna en lira e os ollos de puta babilónica.