|
"Se vostedes visitan Salgueiro, na Serra do
Xurés, poden levar unha sorpresa" | X. L. MÉNDEZ FERRÍN
A Carbonaria ou a Carbonaría era, ou é, unha
sociedade secreta semellante á Francmasonaría. Se na Masonaría os graos
e a terminoloxía societaria están referidos ao mundo dos pedreiros,
albaneis e constructores, a simboloxía interna dos ritos carbonarios
céntrase monográficamente no universo da arte de producir carbón
vexetal. Os carbonarios semellan xirar á esquerda política dos masóns e
parece que actuaron moito nas revolucións do século XIX europeo,
especialmente no Rexurdimento italiano. Non sei que vida tivo ou tén a
Carbonaría en Galicia, pero é sabido que os carbonarios, ás veces cunha
dobre militancia masónica, influíron moito no movemento que instaurou a
República Portuguesa no ano 1910.
Hai quen opina que os carbonarios proceden dun intre socioeconómico no
que os pobres montañeses que producían carbón vexetal foron acumulando
capital producto da venda da sua mercadoría aos camponeses e vilegos até
formaren unha burguesía de especiais características. Como tales
burgueses, os carbonarios e carboeiros operativos estaban francamente
interesados en facer desaparecer a sociedade que privilexiaba o clero e
a nobreza e deixar paso á revolución burguesa.
Salgueiro é unha aldea situada nun repregue da Serra do Xurés, na caida
norte dos cotos coma dentes do Demo que coñecemos como Fonte Fría.
Pertence ao concello de Muíños e á freguesía de Prado. Hoxe Salgueiro
está abandonado e é patrimonio, cunha regular extensión de terra, da
Xunta de Galicia, a cal proxecta facer de tal poboación un centro activo
e vivo do Parque Natural do Xurés galego. Se vostedes visitan Salgueiro
poden levar unha sorpresa. Nada hai alí que nos evoque unha aldea pobre
de montaña. O urbanismo é racional é óptimo: as casas son todas de
pedra, de factura regular, dotadas de patín e dispóñense nunha caeira,
ben protexida das xistras e coriscos, a unha e outra man dunha rúa non
encostada. As terras de labor son escasas e semellan constituir simples
hortas familiares destinadas ao autoconsumo. Non se aprecia a presenza
de grandes cortes para o gando. Todas as casas son boas. Destacan
algunhas de fasquía decimonónica, con balcóns de ferro forxado e bolas
nas esquinas e excelente perpiaño, por ser Muíños terra de bons
pedreiros (alí non se di "canteiros").
Segundo falan os vestixios e maila tradición oral, a aldea de Salgueiro
foi habitada por carboeiros. Xentes que producían carbón coas torgueiras
da serra, carbón que logo vendían principalmente aos ferreiros para
estes utilizaren nas súas forxas. A venda do carbón vexetal orixinou
unha acumulación de capital na aldea de Salgueiro, acumulación
capitalista que explica casas burguesas nun lugar de montaña
verdadeiramente inhóspito, aínda que belo até a grandiosidade. Lémbrase
aínda hoxe no concello de Muíños que, cando as persoas precisaban de
liquidez e tiñan con qué responder, subían a Salgueiro para pedir
emprestado. Salgueiro foi pois, deica un intre indeterminado do século
XX, unha zona bancaria chantada no máis abrupto da Serra do Xurés.
Penso que o proceso que vai do carbón ao capitalismo financeiro é o
mesmo que levou a carboeiros de Italia e Francia semellantes aos de
Salgueiro a constituiren a Carbonaria e a intervir nas políticas
revolucionarias do século XIX e, en Portugal, do XX.
|