SEGUNDA FEIRA
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Non hai demasiados anos, nun Febreiro, saimos de Maceira (Covelo) coas bestas ao paso. Por Piñeiro, rubimos a costa pina que, deixando á esquerda a poza comunal, nos leva ás altas chans: aquel ano había profusión de abrotias. O cume do Vidueiro estaba ao alcance da man e atravesamos sesteiros e trepamos camiños milenarios e xa perdidos para sempre. Había intres nos que baixo un ceo límpido só se vía desolación e terra deserta: era o Suído e o arreguizo que produce ao viaxeiro. Demos unha grande volta, na que visitamos algún chozo ou refuxio de pegureiros, e fomos baixando pola mítica e misteriosa freguesía da Graña. Xa no Trastea, país de boas aldeas na marxe dereita do río Tea que no seu curso alto é chamado Val de Tielas, Albino, algo maior ca min, díxonos a todos:
Ð Hai moitos anos había aquí grande entroido. Viñan ranchos de homes dacabalo, coma nós. Levaban plumas nos chapeos e tocaban buguinas e cornos. Hoxo desapareceu todo.
Cando desmontamos na freguesía de Campo para dar conta dun bon cocido (naturalmente con feixóns e non con garbanzos) púxenme a pensar en cando a Serra do Suído era un lugar fortemente humanizado no que as aldeas circundantes dos concellos de Covelo, a Lama, Fornelos, Beariz e Avión celebraban entroidos ecuestres seguramente semellantes aos dos xenerais que se moven actualmente desde a Estrada ao Castiñeiriño de Compostela. Desapareceu este entroido ancestral, coas súas figuras a cabalo de caracter divino, sen deixar pegada ningunha na veciñanza.
Acordóuseme a evocación que o meu amigo Albino fixera no Trastea ao ler un artigo, moi sólido e rigoroso, de Paula Ballesteros Arias en Cuadernos de Estudios Gallegos. "Arquitectura tradicional galega na Serra do Suído", titúlase o estudo no que ademáis de consideracións teóricas e programáticas moi anovadoras, ten o acerto de pór en contacto a cultura pastoral do Suído coa correspondente da vertente administrativa española da serra do Laboreiro, que Xocas estudara con criterios ben diferentes aos de Ballesteros Arias. Fica ben claro no traballo que a Serra do Suído non é un "espazo natural" senón un espazo modificado polos humanos desde a noite dos tempos e no que as construcción que serven á cultura gandeira son marcas de información que debemos interrogar até que ceiben a totalidade dos seus segredos. A paisaxe considerada como intervención do home na natureza orixinaria é a noción que sostén as bases intelectuais do estudo de que lles falo.
Estudo que se centra nos chozos e na súa morfoloxía, nos currais, nos cortellos, nos valos, nos sesteiros (tamén lles chamamos así no Laboreiro) e nos foxos dos lobos, algún dos cales aínda pon medo (asegúrollo eu co corazón na man). O que non topou Paula Ballesteros no Suído foron neveiras ou depósitos de neve para facer sorbetes os frades das abadías, como pode ser a Casa da Neve que se recoñece nas abas da Serra do Laboreiro que caen sobre a vila mesma da Celanova. Pero han de aparecer sen dúbida as neveiras perdidas do Suído, esa inmensidade sobrecolledora que merecía un coidado público adecuado en forma de Parque Natural (e Cultural, diría Paula Ballesteros Arias cun mundo de razón).