FARO DE VIGO Digital

Lunes, 30 de agosto de 2004

SEGUNDA FEIRA

No laboreiro

X. L. MÉNDEZ FERRÍN

Prepara Xerais a edición dun libro moi importante de Xosé Benito Reza sobre os espazos naturias de Galicia, neste caso os da actual provincia de Ourense. Das catro provincias nas que o liberalismo, seguindo o modelo francés, dividiu o noso Reino, a de Ourense semella a menos artificial. E elo porque coincide, aproximadamente, coa diocese e coa provincia tamén chamada de Ourense no Antigo Réxime.

Aínda que penso que en Galicia non existen espazos naturais en estado puro; é decer, en canto natureza selvaxe, como se di agora traducindo o wild anglosaxón. O home e a súa intervención sobre a natureza, na súa constante explotación, arrasou o bosco primitivo na revolución agrícola, deixando só devesas forestais controladas para o subministro de leña e madeira utilitaria. O chamado eiquí monte, ou poula, ou pousío, ou valdío, é intervido polos homanos, rozado en searas e roteas e barbeitos de cereal; ou ben orientado cara o toxo e monte baixo artificialmente para producir o mulime ou o estrume das cortes domésticas ou o pasto a avenza e o gado en réxime de pastoreo ceibe. Os grandes espacios incultos, coma o Suído ou o Laboreiro, sempre foron usados polos humanos e cruzados por camiños antiquísimos e por pistas e estradas modernas hogano.

(Con todo, os humanos de Galicia témenlle desde a noite dos tempos a eses espazos ceibes e non agrícolas nos cales, coma o terríbel emblema dun pasado selvaxe, corre o lobo ao que os galegos odian).

Coma unha demostración tanxíbel desa ocupación ancestral dos espazos menos frecuentados e do dominio deles polos home áchanse os megalitos que as xentes neolíticas, sedentarias e agricultoras, foron erguer nas máis recuadas soedades e nos camiños que conducían a aqueles campos de respouso dos mortos. Penso eu agora na Mota Grande, por tras do Penagache, e na mámoa que, nas proximidades, recibe no seu lombo un dos marcos que separan Portugal de España na Serra do Laboreiro.

Estivemos no Laboreiro que, segundo Reza, vai formando chanzos colosais nos que se alternan as chairas inmensas e os cotos ergueitos e descarnados. Primeiro é a Cortiña Grande, entre Castromao e a Poza da Serpe de Sete Cabezas. Lolo álzase un segundo nivel, que se desfraga sobre Celanova polo picouto da Casa da Neve e vai deica Cexo e Albos. Outra inmensidade sobe e sobe máis unha escada cara as nubes, por Auguella, aldea que eu coñecín teiteada de colmo, deica Outeiro de Eguas, e por alí, por cima dos mil metros, acabo eu de seguir un arrebaño de cincuenta cabalos coma cincuenta sinais do dominio humano sobre a Terra. Culmina todo na Mota Grande, coa súa mámoa pintada de ocre e logo, polo actual Portugal, a erupción de fragas (penedos) dos que destacan a Pena de Anamán cargada de lendas e o dolmen da Casa da Moura. Unha paisaxe sen casas nin edificacións modernas á vista, pero na que os humanos sempre estiveron para se aproveitar económicamente da natureza, nunha dialéctica cuxo sentido Marx non ensinara a detectar.

Esperamos con femencia o libro de Xosé Benito Reza.