CASTELAO

Obra Completa: II. Sempre en Galiza (páx. 134)
AKAL EDITOR 1976

O ALBRE

    O albre é o símbolo do señorío espiritual de Galiza.
    O albre é un engado dos ollos, pol-a súa fremosura; é unha ledicio dos ouvidos, porque n-el cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.
    O albre danos a froita, que é un manxar composto pol-o mesmo Creador, para regalía do noso paladar: o derradeiro ben que nos quedou do Paradiso perdido.
    O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.
    O albre danos a sombra fresca no vrán e a quentura garimosa no inverno.
    O albre danos as traves, o sobrado e as portas da casa. Danos a cama, o almario das sabáns e a artesa do pan. Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa para baixar â terra.
    O albre danos o papel barato que nos trai a descotío as novas do que pasa no mundo.
    Val máis unha Terra con albres nos montes que un Estado con ouro nos Bancos.
    A calvicie dos montes galegos é unha terrible acusación contra o Estado unitario.
    As albres son as minas galegas que nos saberemos esplotar cando a nosa Terra sexa nosa.
    A repovoación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da colectividade.
    Na nosa Terra danse os mellores albres.
    O día que seipamos o que val unalbre, aquel día non teremos necesidade de emigrar.