De Suso de Toro, “A CARREIRA DO SALMÓN”, Edicións Xerais

 

Páx. 295: “ ... UN GRUPO DE VELLOS QUE NON PRECISA DE SESTA xogan a baralla debaixo dun cuberto. Teñen por costume xuntárense alí os de varias portas, xogan e parolan. Pouca xente fai iso xa, cada un fica na súa casa e xa case ninguén entra na casa dos veciños. A virtude da sociabilidade, da boa veciñanza. Case todas as virtudes naceron da necisadade, ese reunirse na beira do camiño ven de que as casas eran pequenas, hoxe quen máis quen menos meteulle un ou dos altos e construi o que puido, que o cemento é un mundo de barato a como era, e todos queremos facer ver que non precisamos de estar no camiño.

    A necesidade é o que crea a solidaridade, a fartura o egoísmo; carallo, mellor que haxa fartura. Agora que se houbese fartura e unha pouca de solidaridade era mellor. Hai que matinar en como recrear as virtudes, que sexan voluntarias e non obrigadas. ...”

 

Páx 296: “... DE TODOS XEITOS, SE UNHA COMUNIDADE, SE UNHA ALDEA DUROU TANTO quizais atope o xeito de reconfigurarse a seguir adiante, Quizais nunha nova volta da historia haxa xente que volva criar aquí ovellas, vacas, botar millo ou outros cultivos. O único certo é que non se sabe. ...”

 

Páx 299: “ARDE O MONTE. ¡E non ha de arder! Temos o monte no abandono. Témolo abandonado cando se seguen a abrir pistas en Cervantes (¿que cona é iso de Ancares?) para que pasen os 4X4 (deceseis); témolo abandonado cando os propietarios, que abdican de ser donos, déixano sen rozar e a eucalipto; témolo abandonado cando un bo sector da sociedade aínda apoia unha política forestal como esta.

    O eucalipto é a árbore do tempo do pelotazo, da cultura que despreza o traballo, o esforzo, e que fía na lotería e nos pesos a peseta para vivir. Unha árbore que volve area a terra de labor que levou séculos acarrexando esterco e coidados construir, é a árbore do noso tempo esteril, que esquece ós avós e vive sen ter en conta a filos e netos. Por falar claro e indo ao fondo da cuestión dun modo reflexivo e matizado, ¡cago no eucalipto e máis na nai que o inventou!

    MAIS O EUCALIPTO NON SO ACABA COA TERRA, TAMEN TOLLE A PAISAXE (ese invento moderno). Esa árbore condenada roúbanos a vista dos lugares. Neste camiño ao chegar a esta revolta víuse o mar alí diante, antes de estaren eses eucaliptos aí que non deixan ver. Un entende os intereses lexítimos dos propietarios de agros que precisan ingresos urxentes (os que non vivimos das rendas case todos precisamos ingresos). Agora que esa decisión individual e particular ten consecuencias para todos. A invasión do eucalipto é un fracaso do campo e de toda a sociedade. ...·

 

Páx 301: “UN CAMIÑO CERRADO DE SILVEIRA non hai quen o limpe. Outro camiño que cerra un particular apropiándose del, ninguén lle di nada tampouco; faino todo o mundo, os camiños, os lugares de paso están sendo apropiados e privatizados por cadaquén. Logo érguense muros altos. Aquí que non houbo sociedade civil, había ata hai pouco comunidade; a comunidade comprendía o de cada ún e o de man común. Iso acabou cos traballos colectivos que non hai. Hoxe nesta aldea non hai traballo comunal, os camiños e pistas están ao coidado do concello, ese ente abstracto. Cada veciño en cada casa, e cada un que se lamba. A aldea asumiu a privacidade pequenoburguesa como a cidade; cada casa é un tresillo diante dunha pantalla de televisión. Antes diciase dun lugar que tiña tantos lumes, hoxe poderíase dicir que ten tantos televisores (non sendo as que teñen varios).

   HOXE ARDEU O MATO. Non se formaron cuadrillas de veciños como se facía, de grao ou por forza da Garda Civil, caeron de ceo dous hidroavións e un helicóptero ademáis de dúas cuadrillas apagaincendios. Cada un ficou na súa casa, ninguén ten responsabilidades nese monte, nese incendio, o Estado encárgase de apagalo. (Xa non sei se de acendelo). ...”