QUÉN SOMOS? (data 10.02.2004)
Os montes veciñais en man común son terreos de titularidade colectiva. A súa propiedade atribúese á comunidade veciñal, independentemente dos membros que a formen en cada intre. A veciñanza é a única condición para ser copartícipe dos dereitos sobre estas terras, que non poden ser transmitidas individualmente.
Os montes veciñais en man común conforman unha propiedade de carácter xermánico, con ausencia de cotas e, xa que logo, inalienabel, indivisibel, imprescriptibel e inembargabel.
Os montes veciñais en man común son espacios xeográficos que deben cumprir, para un uso sostibel, as tres funcións tradicionais (social, eclóxica e productiva) de xeito compatibel e integrador.
Os montes veciñais en man común, unhas 2.900 comunidades de montes, exténdese por 248 dos 316 Concellos de Galiza ocupando un 25% do territorio galego aproximadamente.
---oooOOOooo---
As Comunidades de Montes están constituidas polos veciños e veciñas comuneiros, os cais, reunidos en Asemblea Xeral, deciden democraticamente a xestión e administración dos seus montes. Soamente ós veciños comuneiros corresponde a decisión sobre os usos e aproveitamentos destas propiedades, sen interferencias alleas de ningún tipo.
---oooOOOooo---
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) é unha Asociación composta exclusivamente de comunidades de montes o ó servicio delas. Pretende ser a voz dos comuneiros e comuneiras galegos en todos os temas que atinxan ós montes veciñais en man común.
A ORGACCMM é, xa que logo, a unión das comunidades de montes para xuntar esforzos e experiencia na defensa do monte veciñal en todos os eidos e para traballar no desenvolvemento de todas as potencialidades dos montes.
A ORGACCMM é actualmente a única entidade de comunidades de montes de ámbito galego con recoñecemento legal ó abeiro da Lei de Montes Veciñais en Man Común.
---oooOOOooo---
Para integrarse na Organización, as comunidades de montes deben aprobalo na súa Asemblea Xeral. Tamén poden tomar o acordo na Xunta Rectora, co compromiso de levalo á seguinte Asemblea Xeral para a súa ratificación. INTEGRACION: Preme aquí.
---oooOOOooo---
Os Obxetivos da ORGACCMM son:
A defensa do monte veciñal como propiedade xérmanica e como realidade singular de Galiza.
A esixencia a todos os organismos públicos e privados, e especialmente a Administración Galega, do comprimento da lexislación vixente sobre o monte veciñal.
A toma de decisións en común diante dos problemas de todo tipo que afecten á propiedade veciñal.
O posicionamento común fronte as iniciativas políticas, lexislativas, sociais ou económicas que incidan hoxe ou o fagan no futuro sobre as terras veciñais.
Servir de voz unida das comunidades de montes ante os organismos públicos e priovados en todos os asuntos que sexan de apricación ó monte veciñal.
Traballar para acadar a completa devolución dos montes veciñais en man común ós veciños, os seus lexitimos donos.
---oooOOOooo---
Os servicios que presta a ORGACCMM son:
Facilitar asesoramento legal, xurídico, administrativo e técnico ás comunidades de montes.
Favorecer o intertroco de experiencias que axuden á formación técnica das xuntas rectoras das comunidades de montes e á concienciación social dos veciños comuneiros.
Organizar xornadas monográficas sobre cuestións que atinxan ó monte veciñal: fiscalidade, xestión administrativa, usos e aproveitamentos do monte
Edición dunha revista informativa periódica: "O Común dos Veciños".
Manter unha páxina web, www.orgaccmm.org , que axuda á información, instrucción e comunicación entre e para as comunidades de montes.
Organización dos Congresos Galegos de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
---oooOOOooo---
Datas istóricas no novo andar das comunidades de montes:
Primeiros anos da década de 1970.- En diversas parroquias de Galiza os veciños comezan a recramar a devolución da titularidade dos montes veciñais.
1977.- Nace en Pontevedra a Coordenadora de Montes Comunais co obxetivo de defender os montes e solicitar a súa devolución ós veciños.
Primeiros anos 80.- Devolución da maioría dos montes veciñais en man común ós seis lexítimos donos e formación das primeiras comunidades de montes.
1989.- Criación da Coordenadora de Montes de Galicia co obxetivo de impedir que a aprobación do proxecto de Lei de Montes Veciñais en Man Común non contribuia á destrucción da propiedade veciñal.
1992.- Legalízase a Mancomunidade do Val Miñor, primeira Mancomunidade de montes veciñais constituida en Galiza.
Decembro 1996.- As Mancomunidades de montes do Morrazo, Val Miñor e Vigo constitúen a comisión organizadora do I Congreso Galego de Comunidades de Montes.
Maio 1997.- Celébrase o I Congreso Galego de Comunidades de Montes no Mosteiro de Poio coa asistenza de 140 comunidades de montes.
Decembro 1998.- Na Lei de acompañamento dos Presupostos Xerais do Estado apróbase a inclusión das comunidades de montes no Imposto de Sociedades.
Xaneiro 1999.- Celébrase en Vigo a Asemblea Constituinte da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
Febreiro 2000.- Percorre Santiago a I Manifestación de comunidades de montes fronte a aplicación do sistema tributario do Imposto de Sociedades ó monte veciñal.
Setembro 2001.- As comunidades de montes celabran a II Manifestación contra o Imposto de Sociedades, recramando un sistema tributario especial para o monte veciñal que recoñeza a súa singularidade e as tres funcións que desenrola.
Xuño 2002.- Celébrase o II Congreso Galego de Comunidades de Montes no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Novembro 2003.- Apróbase a Lei estatal de Montes.