|
O
gonipterus e os monocultivos de eucaliptos en Galicia
Están
aparecendo ultimamente nos diferentes medios de comunicación de
Galicia diversas novas sobre a praga dun insecto, do xénero
gonipterus, que ataca o eucalipto devorando as súas follas e
producindo a morte da árbore. Ata o de agora as solucións
propostas polos técnicos que están avaliando e estudiando esta
situación (á que se chega despois de tantos anos de desastrosa e
suicida política forestal en Galicia, primando a productividade
inmediata con monocultivos de especies de crecemento rápido en
detrimento de formacións boscosas de especies varias de frondosas
autóctonas) son dúas: Primeiro: Loita biolóxica contra o
gonipterus mediante a introducción masiva dunha avespa que o
ataca. Segundo: Loita con productos químicos. Ambolos dous
sistemas son gravosos e de dubidosa eficacia. Por un lado, a solta
masiva de individuos dunha especie no ecosistema para controlar a
outra especie plantenxa unha serie de incógnitas: ¿esa avespa só
ataca ó gonipterus?, ¿é posible que atope especies máis fáciles
de cazar e "pase olimpicamente" do gonipterus?, ¿a
solta masiva e sen control da avespa causará algúns pequenos
desequilibrios no ecosistema que no futuro poden chegar a ser algo
máis que pequenos problemas?
Por outro lado, a utilización de productos químicos
fitosanitarios tamén xenera algunhas dúbidas. ¿acabarán con
individuos doutras especies de insectos?, ¿esta eliminación de
individuos doutras especies conlevará a exterminación de poboacións
enteiras?, ¿haberá consecuencias indirectas para as persoas?, ¿cal
é a súa toxicidade?
Aquí non cabe facerse a pregunta de se se producirán
desequilibrios no ecosistema xa que de certo se producirán. ¿Estamos
aportando solucións ou engadindo problemas? Abundando no tema das
sospeitas acerca da posible eficacia destas solucións, temos que
ter en conta que o exceso de eucaliptos nos montes (especialmente
das provincias de A Coruña e Pontevedra) creou auténticas
"autoestradas" anchas e de longo percorrido para o
gonipterus ou calquera outra praga que poida vir no futuro teña
problema algún de extenderse con máis ou menos rapidez (achan
alimento con facilidade) e en calquera dirección. Corolario: as
pragas neste tipo de ambientes son de difícil control; o tempo
dirá se ésta poderá ser controlada. O problema é estructural:
a forma de aproveitamento do monte. A solución é tamén
estructural: hai que cambiar esa forma de aproveitamento. Non
esquezamos o refrán: "A avareza rompe o saco".
Juan B. Cancelas Pérez - Huelva
|