ESTATUTOS DA MANCOMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE PONTEVEDRA

 

 

 

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1

Os presentes estatutos teñen por obxecto regular o funcionamento da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, ó abeiro do artigo 15.3 da Lei 13/89 de Montes Veciñais en Man Común, de 10 de outubro, e o artigo 47 do Regulamento que a desenvolve, aprobado polo Decreto 260/92, do 4 de setembro.

 

Artigo 2

O obxectivo fundamental da Mancomunidade de Montes de Pontevedra é a defensa e mellora dos montes veciñais en man común da zona de Pontevedra nos eidos económico, social, cultural e ecolóxico.

 

Artigo 3

Son tamén obxectivos da Mancomunidade os seguintes:

                a) A busca conxunta de información e asesoramento lexislativo, xurídico, técnico e administrativo.

                b) O intercambio de experiencias que contribúan á mellora da xestión das xuntas rectoras e a formación dos comuneiros das entidades asociadas.

                c) A promoción de planos de de desenvolvemento integral dos montes veciñais mancomunados.

                d) A loita mancomunada contra os incendios forestais a través de actividades de prevención e de colaboración na extinción.

                e) A adquisición ou aluguer de maquinaria para usos colectivos en traballos do monte. Neste caso deberán realizarse previamente planos de reparto de traballo e lugares de garda e mantemento da maquinaria.

                f) A representación unida das comunidades de montes asociadas perante as administracións públicas, institucións, empresas públicas ou privadas e persoas físicas e xurídicas en xeral nos casos que as comunidades así o estimen.

                g) Vixiar para que as administracións públicas, e en especial os concellos e a Xunta de Galicia a través da consellería correspondente, asuman os compromisos que se contemplan na lexislación vixente en cada momento, así como manifestar a opinión unida das comunidades asociadas en tódolos eidos que fagan referencia ós montes veciñais en man común.

                h) Calquera outra actuación no ámbito público ou privado que, dentro do eido de actuación das comunidades de montes asociadas na Mancomunidade, puideran resultar beneficiosas para o cumprimento dos seus fins e defensa dos seus intereses.

 

Capítulo II

Sobre os membros da Mancomunidade

Artigo 4

Poderán ser membros de pleno dereito da Mancomunidade de Montes de Pontevedra as comunidades de montes e mancomunidades de parroquia pertencentes ó concello de Pontevedra que estean legalmente constituídas e que libremente o decidan nas súas Asembleas Xerais respec- tivas.

 

Artigo 5

As comunidades veciñais dos concellos da comarca de Pontevedra poderán ser membros da Mancomunidade se así o solicitan as súas Asembleas Xerais e son admitidas pola Asemblea da Mancomunidade.

 

Artigo 6

Para promover a coordinación entre entidades parellas, a Mancomunidade, previa aprobación pola Asemblea Xeral, poderá estender o ámbito xeográfico da súa actuación, fomentando a creación doutras mancomunidades e establecendo con elas relacións axeitadas para a mellor consecucións dos seus fins.

 

Artigo 7

As comunidades de montes asociadas manterán o seu funcionamento interno con absoluta independencia, delegando soamente na Mancomunidade as competencias recollidas nos presentes estatutos ou aquelas outras que se establezan por acordo das Asembleas Xerais respectivas.

 

Artigo 8

1- A condición de membro pérdese por calquera das seguintes causas:

                a) Acordo da Asemblea Xeral da comunidade de abandonar a Mancomunidade.

                b) Incumprimento dos presentes estatutos.

                c) Incumprimento por parte da comunidade de acordo aprobado na Asemblea Xeral Mancomunidade, dentro das competencias recollidas nos presentes estatutos.

                d) Impago da cota anual sen causa xustificada.

2- A perda da condición de membro non dá dereito á devolución das cotas aportadas.

 

Artigo 9

a- A perda efectiva da condición de membro irá precedida da apertura dun expediente, o que garantiza o dereito á defensa pola comunidade afectada.

b- Namentres non sexa efectiva a perda da condición de membro, a comunidade veciñal manterá a condición de membro pleno da Organización.

 

Artigo 10

A perda da condición de membro non impedirá unha nova adquisición cando se resolvan as causas que a motivaron. A nova integración deberá ser aceptada previamente pola Asemblea Xeral de Comunidades.

 

 

Capítulo III

Sobre os dereitos e obrigas das comunidades asociadas

 

Artigo 11

Son dereitos das comunidades de montes asociadas:

                1) Exercer o dereito de voz e voto nas asembleas da Mancomunidade.

                2) Elixir e ser elixido para os órganos de goberno da Mancomunidade.

                3) Dirixirse cando o estime oportuno á Xunta Rectora e á Asemblea Xeral da Manco- munidade.

                4) Demitir de calquera cargo que ostente na Mancomunidade.

                5) Impugnar os acordos da Mancomunidade conforme ó disposto nestes estatutos e a lexislación vixente.

                6) Recibir información das disposicións de carácter legal que se publiquen e que afecten ós montes veciñais en man común.

                7) Recibir información de tódolos datos que desexe coñecer sobre a marcha da Mancomunidade e formular os reparos que considere precisos.

                8) Participar nas actividades programadas e servicios ofrecidos pola Mancomunidade, de acordo coas normas aprobadas pola Asemblea Xeral.

                9) Tódolos demais que deriven da súa condición de membro.

 

Artigo 12

Son obrigas das comunidades asociadas, as seguintes:

                1) Enviar representantes ás xuntanzas da Asemblea Xeral de Comunidades ás que fose convocado en tempo e forma.

                2) Cumprir os presentes estatutos e os acordos que saian da Asemblea Xeral da Manco- munidade.

                3) Desempeñar con dilixencia os cargos para os que fosen designados.

                4) Efectuar o pagamento das cotas que pola Asemblea Xeral se fixen dentro dos prazos establecidos polos presentes estatutos.

                5) Comunicar ós órganos de goberno da Mancomunidade a composición da Xunta Rectora e outros datos estadísticos da comunidade que se lle requiran.

                6) Favorecer o bo funcionamento da Mancomunidade e os seus órganos de goberno en tódolos aspectos.

                7) Tódalas demais que resulten da aplicación da lexislación vixente, dos presentes Estatutos e do desenvolvemento funcional da Mancomunidade aprobado en Asemblea Xeral.

 

Capítulo IV

Sobre o reparto de cargas

Artigo 13

As cotas da Mancomunidade serán anuais e aprobadas en Asemblea Xeral a proposta da Xunta Rectora. A primeira cota será pagada por cada comunidade no intre de formalizar a súa integración e será igual á cota anual correspondente, independentemente do mes no que se integre.

 

Artigo 14

A cota anual deberá ser satisfeita polas comunidades no derradeiro trimestre de cada ano.

Artigo 15

Se excepcionalmente algunha comunidade de montes veciñais demostrase claramente a súa imposibilidade de pagar a cota anual, poderá quedar exenta da mesma se así o aproba a Asemblea Xeral da Mancomunidade. Esta exención non impide o disfrute pola comunidade de tódolos dereitos como membro da Mancomunidade e será temporal, pois rematará no momento en que a situación económica da comunidade posibilite o pagamento da cota anual.

 

Artigo 16

Os presupostos extraordinarios aprobados en Asemblea Xeral Extraordinaria serán sufragados polas comunidades asociadas do xeito que a propia Asemblea estableza.

 

Capítulo V

Sobre os órganos de goberno

Artigo 17

O goberno e administración da Mancomunidade de Montes de Pontevedra realizarase por:

                -A Asemblea Xeral de Comunidades.

                -A Xunta Rectora.

Capítulo VI

Sobre a Asemblea Xeral de Comunidades

Artigo 18

A Asemblea Xeral de Comunidades é o órgano supremo da Mancomunidade, que expresa a vontade da mesma e está composta por tódalas comunidades asociadas, que deberán constar no correspondente libro de rexistro.

 

Artigo 19

A Asemblea Xeral reunirase en sesión ordinaria dúas veces ó ano. Na primeira, a celebrar no primeiro trimestre do ano, daranse contas do exercicio económico anterior e aprobarase a memoria de actividades. Na segunda, a celebrar no último trimestre, aprobaranse presupostos, planos de actividades e as altas e baixas de comunidades integradas.

 

Artigo 20

Serán extraordinarias tódalas demais xuntanzas que se convoquen polo Presidente, a solicitude da Xunta Rectora ou do 20% das comunidades asociadas.

 

Artigo 21

As convocatorias da Asemblea Xeral, tanto en xuntanza ordinaria como extraordinaria, serán efectuadas polo Presidente da Mancomunidade, que tamén ostenta o cargo de Presidente da Xunta Rectora, mediante escrito que realizará o Secretario, no que se incluirá o lugar, data e hora na que ha celebrarse, en primeira e segunda convocatoria, o seu carácter ordinario ou extraordinario, e incluíndo a orde do día cos asuntos a tratar.

 

Artigo 22

A convocatoria á que se refire o apartado anterior comunicarase cun mes de antelación á data de celebración mediante notificación escrita certificada con acuse de recibo ás xuntas rectoras de tódalas comunidades asociadas.

Artigo 23

Para a validez dos acordos requerirase, en primeira convocatoria, a asistencia dos representantes da maioría das comunidades asociadas, e en segunda convocatoria cando menos os representantes do 20 % das mesmas. Entre a primeira e a segunda convocatorias deberá transcorrer dúas horas.

 

Artigo 24

A Asemblea Xeral da Mancomunidade estará integrada por todos e cada un dos membros das xuntas rectoras das comunidades asociadas.

 

Artigo 25

O delegado de cada comunidade asociada será o presidente da mesma ou persoa que o represente. O presidente deberá presentar, a primeira vez, certificación da súa elección realizada polo secretario, e renovalo cada vez que se elixa novo presidente. Se o delegado dunha comunidade na Asemblea Xeral non é o presidente da mesma, deberá presentar previamente ó comenzo de cada Asemblea Xeral certificación do secretario da comunidade do seu nomeamento. Tódolos membros da Asemblea Xeral terán voz. O voto será individual por comunidade, emitido polo delegado da mesma.

 

Artigo 26

Menos nos casos tipificados expresamente na actual lexislación ou nos presentes Estatutos, os acordos para a súa validez deberán ser aprobados pola maioría dos asistentes. Estes acordos constituirán a postura oficial da Mancomunidade, pero respectaránse as opinións minoritarias e permitirase a discrepancia pública.

 

Artigo 27

Calquera comunidade integrada poderá incluir, nun punto específico da orde do día das asembleas xerais ordinarias, as propostas que considere oportunas para o seu debate, sen máis condición que a de poñelo en coñecemento do Presidente da Asemblea antes do comenzo da sesión.

 

Artigo 28

A documentación dos asuntos que figuran na orde do día das asembleas poderá ser revisada polas comunidades integradas unha hora antes do comenzo da sesión ou ben solicitando copia por escrito con 15 días de antelación.

 

Artigo 29

Do resultado da xuntanza redactarase a correspondente acta polo Secretario, na que deberá constar a decisión da maioría sobre cada un dos temas tratados, expresando claramente o resultado das votacións efectuadas e, cando algún asistente así o solicitara, farase constar a súa opinión, o seu nome e apelidos e a comunidade á que representa.

 

Artigo 30

Unha copia da acta de cada asemblea xeral será remitida a tódalas comunidades asociadas no prazo máximo de dous meses.

 

 

Artigo 31

Son competencias da Asemblea Xeral Ordinaria de Comunidades:

                1- A elección da Xunta Rectora da Mancomunidade e dos seus cargos.

                2- A ratificación do ingreso de novas comunidades que reúnan os requisitos necesarios.

                3- A aprobación das cotas anuais, a proposta da Xunta Rectora.

                4- A aprobación dos presupostos anuais, convenios e as contas do exercicio anual.

                5- O arredamento de comunidades de montes asociadas polas causas establecidas no art. 8.

                6- Decidir, mediante votación, a postura oficial da Mancomunidade sobre calquera cuestión relacionada coa propiedade veciñal en man común.

                7- Aprobar o plano xeral anual de actividades presentado pola Xunta Rectora.

                8- Ratificación ou rectificación de tódolos acordos da Xunta Rectora que se consideren prexudiciais ou contrarios a outros da Asemblea Xeral.

                9- Resolver as reclamacións previas á vía xudicial contra os acordos adoptados pola propia Asemblea Xeral e a Xunta Rectora.

                10- Dirimir amigablemente nos desacordos entre comunidades de montes asociadas cando a súa actuación sexa aceptada por tódalas comunidades en conflicto.

                11- Aprobar o establecemento de federacións ou unións con outras mancomunidades.

                12- Cantas competencias lle foran atribuídas pola lexislación vixente ou a que se dicte no futuro, e cantas outras lles atribúan os presentes Estatutos, especialmente no exercicio de voto e elección de cargos da Mancomunidade.

 

Artigo 32

Son competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria de Comunidades:

                1- A reforma dos Estatutos da Mancomunidade.

                2- A aprobación de cuestións propias da Asemblea Xeral Ordinaria, cando na mesma non puidera terse realizado.

                3- A aprobación de presupostos e cotas extraordinarias.

                4- A toma de acordos considerados de urxencia.

                5- A remoción de cargos da Xunta Rectora.

 

Capítulo VII

Sobre a Xunta Rectora

Artigo 33

A administración e xestión da Mancomunidade corresponde á Xunta Rectora, que estará constituída por:

                - O Presidente

                - O Vicepresidente

                - O Secretario

                - O Tesoureiro

                - O responsable de comunicación.

                - Os vocais

 

 

 

Artigo 34

a- Os cargos deben ser elixidos entre os membros das xuntas rectoras mancomunadas e teñen unha duración de catro anos. Son honoríficos e gratuítos, sufragando a Mancomunidade os gastos derivados da súa xestión. Serán substituídos por outros, do xeito que se estipula máis adiante, nos seguintes casos:

                1) Falecemento ou incapacidade de obrar.

                2) Perda da condición de comuneiro da súa comunidade.

                3) Renuncia voluntaria.

                4) Remoción pola Asemblea Xeral extraordinaria da Mancomunidade.

                5) Por cese no seu cargo como membro da xunta rectora da súa comunidade, agás se conta coa expresa autorización da xunta entrante para a permanencia no cargo da Mancomunidade.

b- No caso de baixa ou renuncia do Presidente, ocupará as súas funcións o Vicepresidente con carácter provisional ata a terminación do mandato, tendo que ser ratificado pola primeira Asemblea Xeral que se celebre. No caso de que a Asemblea Xeral non acepte a substitución ou de que máis dun tercio da Xunta Rectora acorde presentar a súa renuncia, o Presidente deberá convocar Asemblea Xeral para a celebración de novas eleccións. Do mesmo xeito se procederá en caso de dimisión do Secretario ou do Tesoureiro, que serán substituídos por vocais nomeados polo Presidente e ratificados na seguinte Asemblea Xeral.

c- Cando as baixas supoñan a imposibilidade de cubrir os cargos de Presidente, Secretario ou Tesoureiro, procederase á elección dunha nova Xunta Rectora.

d- No caso de baixa ou renuncia de calquera outro membro da Xunta Rectora, os seus postos quedarán sen cubrir deica a finalización do mandato.

 

Artigo 35

Os vocais da Xunta Rectora, en número indeterminado, serán propostos polas comunidades asociadas. Cada comunidade poderá propoñer un vocal entre os membros da súa xunta rectora. Tódolos vocais deberán ser ratificados pola Asemblea Xeral da Mancomunidade.

 

Artigo 36

A Xunta Rectora poderá nomear comisións de traballo para a mellor atención de certos aspectos da situación do monte veciñal, para a elaboración de informes sobre a súa problemática ou cumprir misións específicas dentro da Mancomunidade. Estas comisións estarán presididas por un membro da Xunta Rectora e poderán estar compostas por membros da Asemblea Xeral e, no seu caso, de asesores cualificados. Da súa creación e disolución deberá ser informada a Asemblea Xeral de Comunidades.

 

Artigo 37

A Xunta Rectora reunirase en sesión ordinaria obrigatoriamente, cando menos, unha vez por trimestre e en sesión extraordinaria cando o dispoña o Presidente ou o pida como mínimo o 20% dos seus membros.

 

Artigo 38

Para que fique validamente constituída a reunión da Xunta Rectora, deberán asistir como mínimo a maioría dos seus membros e en tódolos casos o Presidente ou, coa súa delegación, o Vicepresidente. Os acordos adoptaranse por maioría. A asistencia ás reunións da Xunta Rectora será sempre persoal, sen que se admitan delegacións.

Artigo 39

Son funcións da Xunta Rectora:

                1- A execución dos acordos da Asemblea Xeral da Mancomunidade.

                2- A presentación á Asemblea Xeral das solicitudes de ingreso de novas comunidades para a súa ratificación.

                3- A presentación á Asemblea Xeral da proposta de cotas ordinarias e extraordinarias.

                4- A realización e presentación á Asemblea Xeral de presupostos, proxectos e balances.

                5- Facer xestións e pagamentos de diñeiro, non incluídos nos presupostos aprobados, ata un total de cen mil pesetas en cada exercicio anual, dando conta polo miúdo á Asemblea Xeral Ordinaria seguinte.

                6- A creación de comisións temporais de traballo para cumprir os acordos da Asemblea Xeral ou mellorar o funcionamento da Mancomunidade.

                7- A esixencia ás comunidades de montes das súas obrigas como membros da Mancomunidade.

                8- En xeral, administrar a Mancomunidade e exercitar as funcións que delegue a Asemblea Xeral ou impoñan os presentes Estatutos.

 

Artigo 40

O Presidente da Mancomunidade ostenta a representación legal da mesma. Convoca e preside as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Rectora.

 

Artigo 41

O Vicepresidente substituirá ó Presidente na súa ausencia ou en asuntos de representación e axudarao nas súas funcións.

 

Artigo 42

O Secretario é o encargado de redactar as actas da Asemblea Xeral e da Xunta Rectora, expedir certificacións e outros documentos co visto e prace do Presidente. Así mesmo custodia os libros de actas e inventarios, rexistro de membros, arquivos e, en xeral, toda a documentación da Mancomunidade. Tamén redacta as convocatorias e a memoria anual da Asemblea Xeral.

 

Artigo 43

O Tesoureiro leva o libro de contas e custodia os fondos económicos da Mancomunidade, realizando pagamentos e cobros, e controla os ingresos e gastos da institución. Levará a cabo a cobranza das cotas ós membros.

 

Artigo 44

Os fondos económicos da Organización contarán con tres sinaturas recoñecidas na entidade bancaria. A disposición dos fondos poderase realizar co aval conxunto de dúas sinaturas.

 

Artigo 45

O responsable de comunicación é o encargado das roldas e notas de prensa, así como doutros actos e campaña de propaganda e imaxe da Mancomunidade. Ten tamén ó seu cargo as relacións coas comunidades mancomunadas a través de circulares e comunicados.

 

 

Artigo 46

Os vocais desempeñarán as funcións que lle sexan asignadas pola Xunta Rectora, entre as que poderán estar a asistencia ó Secretario ou ó Tesoureiro nas súas funcións ou a presidencia de comisións de traballo.

 

Capítulo VIII

Sobre a responsabilidade dos órganos de goberno

Artigo 47

A Asemblea Xeral será responsable ante as comunidades integradas da boa marcha da Mancomunidade e do cumprimento das súas obrigas, dos presentes Estatutos, da Lei de Montes Veciñais en Man Común e do seu Regulamento, e da demais lexislación vixente aplicable.

 

Artigo 48

A mesma responsabilidade do artigo anterior afecta á Xunta Rectora, tanto no que atinxe ós asuntos da súa competencia como ós que lle encomende a Asemblea Xeral, e dos danos e perdas que cause á Mancomunidade por culpa, engano, neglixencia ou morosidade na súa actuación. A súa responsabilidade é colexiada, a non ser que algún dos seus membros traspase os lindes das facultades que lle fosen outorgadas e actúe a nivel persoal con terceiros, pois neste caso esixiráselle responsabilidade individual.

 

Capítulo IX

Sobre a impugnación dos acordos dos órganos de goberno

Artigo 49

Os acordos da Asemblea Xeral contrarios á Lei de Montes Veciñais en Man Común e ó seu Regulamento, os que crebanten os presentes Estatutos e os non axeitados ós intereses xerais da Mancomunidade poden ser recorridos por calquera das comunidades integradas dentro dos 15 días naturais seguintes no caso de que o representante da tal comunidade asistise á Asemblea na que se tomou o acordo, e tres meses se non asistiu á mesma, debendo resolver a Asemblea Xeral sobre o devandito recurso dentro dos dous meses seguintes á súa  presentación. Tal resolución poderá ser recorrida perante a xurisdicción ordinaria dentro dos dous meses seguintes.

 

Artigo 50

Se se trata de acordos da Xunta Rectora que adoezan dos mesmos defectos dos que trata o artigo anterior, poden ser impugnados polas comunidades integradas que se consideren prexudicadas ante a Asemblea Xeral no prazo dun mes desde a súa publicación, e a súa resolución pode ser impugnada do xeito previsto no artigo anterior.

 

Artigo 51

Se a comunidade de montes que quere presentar unha impugnación demostrase que non tivo información do acordo da Xunta Rectora dentro do prazo para a presentación da mesma, poderá presentala na Asemblea Xeral seguinte.

 

 

Capítulo X

Sobre as eleccións

Artigo 52

a- Para a primeira elección da Xunta Rectora convocarase Asemblea Xeral pola Xunta Xestora da Mancomunidade cando menos con quince días de antelación á data de celebración. Con tódalas comunidades asistentes realizarase o primeiro censo de comunidades.

b- A Mesa Electoral estará integrada polo Presidente e o Secretario da Xunta Xestora se non forman parte de ningunha candidatura. De estar integrados nalgunha candidatura, os seus postos na Mesa Electoral deberán estar ocupados por outros membros da Xunta Xestora elixidos por sorteo. De non existir membros da Xunta Xestora alleos ás candidaturas, os membros da Mesa Electoral serán o máis vello e o máis novo dos asistentes á Asemblea Xeral, actuando o primeiro como Presidente e o segundo como Secretario. As candidaturas que concorran poderán nomear cadanseu interventor, sempre que non formen parte de candidatura algunha.

c- Tódalas condidaturas deberán ser presentadas inmediatamente despois de constituirse a mesa electoral. Cada candidatura non deberá incluír máis de dous membros dunha comunidade de montes e deberá facer constar o cargo ó que opta cada aspirante.

 

Artigo 53

Tódalas comunidades de montes integradas serán electores, baixo o principio dun voto por comunidade, exercido polo delegado da mesma. Son elexibles tódolos membros da Asemblea Xeral da Mancomunidade, tanto representantes como delegados das comunidades.

 

Artigo 54

a- A votación será por sufraxio universal directo e secreto. Resultará elixida a candidatura que maior número de votos obteña, sempre que supere o número de abstencións. En caso de empate entre dúas candidaturas, realizarase unha nova votación entre elas para escoller a elixida.

b- Se soamente hai unha candidatura presentada, a votación poderá ser a man alzada, e a candidatura será elixida se obtén maior número de votos a favor que en contra.

c- Se ningunha candidatura obtén os requisitos para ser elixida, a Xunta Xestora da Mancomunidade iniciará un novo proceso electoral e convocará nova Asemblea Xeral no prazo máximo dun mes.

 

Artigo 55

Para as demais eleccións, o Presidente da Mancomunidade convocará Asemblea Xeral de Comunidades para elixir ós membros que compoñan a nova Xunta Rectora. A convocatoria incluirá lugar, día e hora para a celebración  da elección.

 

Artigo 56

a- A Xunta Rectora designará de entre os representantes das comunidades, por sorteo, para compoñer a Mesa Electoral, ó Presidente da mesma, ó Secretario e un máximo de dous vocais, así como catro suplentes e obter a sucesiva aceptación dos designados para o desempeño do cargo.

b- A designación efectuada e a aceptación manifestada para o desempeño deste cometido é renunciable soamente por imposibilidade ou causa de necesidade xustificada.

 

 

Artigo 57

A Asemblea Xeral para a elección de nova Xunta Rectora convocarase cando menos cun mes de antelación á data de celebración e mediante notificación escrita con certificación aberta a cada unha das comunidades incritas no censo de membros. Tamén se deben incluír as normas  que rexerán  no proceso, a composición da Mesa Electoral cos suplentes e a relación de comunidades integradas co enderezo e teléfono de contacto.

 

Artigo 58

A Mesa Electoral, no desenvolvemento das súas responsabilidades, velará pola igualdade de oportunidades para tódalas candidaturas.

 

Artigo 59

a- As distintas candidaturas depositaranse para a súa formalización ante a secretaría da Mesa Electoral, presentadas por calquera dos seus compoñentes en escrito no que figure a composición da mesma e os cargos ós que cadaquén aspire, dentro dos quince días seguintes ós da data da convocatoria. Cada candidatura non deberá incluír máis de dous membros dunha comunidade de montes.

b- A Mesa Electoral notificará ás candidaturas con defectos de forma, dentro dos 3 días seguintes ó remate do prazo anterior e en escrito certificado, as deficiencias para a súa rectificación, dándolle un periodo dunha semana para facelo. Unha vez superados estes prazos comunicará, a tódalas comunidades integradas, as candidaturas presentadas que cumpren os requisitos legais.

 

Artigo 60

As candidaturas poderán designar cadanseu interventor, que non será candidato a ningún dos cargos, e que estará presente na mesa electoral para que fiscalice a transparencia das eleccións.  O proceso electoral desenvolverase conforme ás normas contidas nos artigos 52 e 53.

 

Artigo 61

a- Calquera incidente ou recurso que se presente durante a celebración das eleccións será resolto pola Asemblea Xeral unha vez rematado o escrutinio dos votos e recollido na acta a levantar polo secretario da mesa electoral.

b- Esta resolución poderá ser impugnada ante a xurisdicción ordinaria dentro dos dous meses seguintes, sen que sexa de aplicación no presente caso o disposto no artigo 50 dos presentes Estatutos.

 

Artigo 62

Unha vez resoltos os recursos ós que se refire o artigo anterior e finalizado o escrutinio, a Asemblea Xeral ratificará a validez da elección, do escrutinio e do reconto de votos, procedendo de seguido a declarar electa como nova Xunta Rectora á candidatura que acadase o maior número de votos, a cal tomará posesión nese momento. O traspaso de documentación realizarase nun prazo máximo de 15 días.

 

 

 

 

Capítulo XI

Sobre a lingua da Mancomunidade

 

Artigo 63

O idioma galego é a lingua de uso da Mancomunidade nas súas relacións internas e externas, así como da súa documentación. Respectarase o uso doutra lingua.

 

 

Capítulo XII

Sobre a modificación dos Estatutos e a disolución da Mancomunidade

Artigo 64

A modificación total ou parcial dos presentes Estatutos realizarase a proposta da Xunta Rectora ou do 30 % das comunidades integradas. Deberá ser aprobada en Asemblea Xeral Extraordinaria polo voto favorable da maioría dos presentes.

 

Artigo 65

A Mancomunidade de montes veciñais en man común de Pontevedra poderá disolverse en Asemblea Xeral Extraordinaria co mesmo procedemento previsto no artigo anterior. No caso de disolución, o patrimonio da Mancomunidade será repartido entre as comunidades de montes integradas do xeito que a mesma Asemblea determine, sen que en ningún caso supoña a entrega ás mesmas de cantidade monetaria algunha.

 

Disposición final única

a- No non previsto nos presentes Estatutos será de aplicación o estipulado na Lei 13/1989 de Montes Veciñais en Man Común, o Regulamento 260/92, a lexislación vixente aplicable ó monte veciñal, e no seu defecto o costume inveterado como fonte especial do dereito foral galego en virtude do Artigo 38.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

b- O presentes Estatutos surtirán efecto despois de ser aprobados pola Asemblea Xeral da Mancomunidade e remitidos ó Rexistro de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra por duplicado e con certificación do secretario da Xunta Xestora da Mancomunidade de ter sido aprobados, xunto coa relación das comunidades de montes integradas. Os presentes Estatutos entrarán en vigor ó día seguinte da súa recepción polo antedito organismo.

 

Disposición adicional única

Cada comunidade de montes integrada na Mancomunidade recibirá unha copia dos presentes Estatutos no momento da súa integración.