CREACIÓN,
XESTIÓN E APROVEITAMENTO DUN COUTO DE
COGUMELOS por Maria del Carmen Formoso Beloso (fragmentos de
interese para motivar e obxetivar un proxecto da cogomelos nas CMVMC da
Mancomunidade CASTROVE-SALNÉS)
As áreas forestais galegas,
polas súas características climáticas, topográficas, de vexetación...
constitúen extraordinarios micotopos para a producción de cogumelos.
Nestes últimos anos, o
aproveitamento dos cogumelos ventureiros está experimentando nos montes galegos
unha enorme medra dada a importancia gastronómica e polo mesmo económica que
están adquirindo.
Esta forte incidencia da
micoloxía gastronómica ven dada por varias razóns:
-
durante moito tempo os cogumelos foron considerados un alimento de
pobres, pero hoxe constitúen un dos pratos máis exquisitos nas mellores
cociñas.
-
o tempo que o home dedica ó lecer é cada día maior polo que moita xente
sae ó monte co obxectivo de divertirse gozando da natureza e ó mesmo tempo
levar un bo aperitivo á casa.
- o número de asociacións, grupos, colectivos... que realizan foros, organizan exposicións e proporcionan información tamén aumenta. Mesmo os Concellos organizan Xornadas Gastronómicas en moitos lugares con exposicións, degustacións,...
Conxuntamente con isto os
cogumelos son a expresión dunha das máis importantes interaccións que planta e
fungo teñen en beneficio mutuo e que constitúe o mundo das micorrizas. Estas
micorrizas indican de xeito claro a capacidade productiva destas matas
forestais.
É por isto que os cogumelos
son un dos productos máis importantes que podemos obter nos nosos montes polo
que o seu aproveitamento debe xestionarse de forma sostible para manter a súa
persistencia no tempo en cantidade e calidade axeitadas. Estes seres teñen
ciclos que debemos coñecer e respectar e xogan un papel fundamental no
desenvolvemento das árbores, pois mediante a simbiose micorrízica, a súa
existencia inflúe na medra, estado fisiolóxico e mesmo na supervivencia dos pés
e o equilibrio da mata.
Amais disto na xestión dos
montes en mancomún de veciños, atopámonos con varios problemas de xestión que
poderían, algún deles, solucionarse parcialmente con estas produccións de
cogumelos:
- ausencia dunha renda económica anual durante o tempo que dura a
quenda de corta da madeira. Esto conduce a unha falta de financiamento para
tódalas labores silvícolas necesarias para a conservación do monte e o
tratamento da mata ata o momento da corta da madeira. O aproveitamento dos
cogumelos pode aportar unha renda anual importante.
- exceso de explotación dos recursos micolóxicos, o que pode
provocar nalgúns casos extremos a desaparición dalgunha especie nun lugar
determinado. Esta problemática lévanos a definir unha programación destes
aproveitamentos.
- esta explotación non está sendo controlada de ningunha maneira:
hai unha inexistencia total de plans técnicos, unha xestión inapropiada, un
emprego de métodos incorrectos de apañado dos mesmos; calquera persoa, con
coñecementos ou sen eles, pode saír ó monte e recoller o que atopa, producindo
nalgúns casos danos irreparables ó fungo chegando a sufrirse intoxicacións por
descoñecemento das diferentes especies.
- necesidade de manter o monte rozado de matogueiras para evitar o
risco de incendios; neste sentido unha das actividades silvícolas máis interesantes
sería a de rozar o monte para dese xeito poder apañar así mellor os cogumelos.
Todo isto lévanos a necesidade
de ordenar e regular o aproveitamento deste recurso para tratar de lograr unha
explotación racional, obtendo así maiores beneficios económicos, sociais,
naturais e a conservación do recurso.
Isto pode facerse mediante un
plan de xestión forestal. Este é o obxectivo fundamental deste traballo.
Trátase de realizar unha
xestión de monte dirixida á obtención e explotación de cogumelos así como a
construcción das infraestructuras necesarias pero sen esquecer a actual
vocación de monte. Por iso optimizaríamos a producción madeireira obtendo desta
forma un compromiso entre as dúas actividades.
Con este proxecto cubriríamos
unha serie de obxectivos:
- obter a máxima renda tanto de cantidade de producto,
variabilidade de especies, como de máxima renda a nivel económico.
- estimar a producción natural de cogumelos na zona.
- estudiar as condicións ambientais e silvícolas necesarias para
mellorala.
- organizar a recollida de cogumelos en cantidade, especie e
momento.
- optimizar a producción de madeira
- proporcionar información e asistencia técnica.
- presentar as vantaxes da reforestación con plantas inoculadas con
fungos comestibles de calidade.
-
facilitar a colaboración entre empresas, propietarios forestais e
centros de investigación.
XUSTIFICACIÓN
Existen varias razóns que
xustifican a elección do monte Castrove para o emprazamento do couto.
Unha das características do
couto de cogumelos é o seu caracter lúdico e de esparexemento por tanto debe
estar situado nun lugar non so apto dende o punto de vista productivo senón
tamén nun lugar que teña atractivo para a xente, ben pola paisaxe, ben por
estar preto da cidade... Ademais, se no monte hai outras actividades pode
facilitarse que a xente veña o couto.
Todas estas características
reúneas o monte Castrove, en primeiro lugar porque é un monte periurbano que
está preto de varios núcleos importantes de poboación como son Pontevedra,
Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Cambados, Poio... todas elas lugares de
atractivo turístico e con capacidade para albergar xente de fóra en calquera
época do ano.
Ademais é un lugar de gran
valor paisaxístico pois dende el pódense ver as rías de Pontevedra e Arousa.
Tamén ten outros atractivos
como son a existencia de castros, petroglifos, e a localización nel de
mosteiros como o da Armenteira.
Nos últimos anos esta vertente
lúdica do monte viuse aumentada e mellorada coa construcción dun campo de golf,
rutas de sendeirismo, rutas de quad, un campo de fútbol, coutos de caza... Todo
isto convérteo nun lugar moi visitado e de grande atractivo para o público.
Ademais disto, a comunidade de
montes de San Vicente de Nogueira está interesada nesta idea, o que facilitaría
a súa localización aquí.
Por todo isto considero
apropiada a súa situación neste lugar.
PROPOSTA
DE COUTO
Considerouse
que a parte alta do monte non era moi boa para a producción micolóxica polo que
seguindo a pauta iniciada á hora de escoller as parcelas de estudio, proponse
unha superficie de couto que engloba a parte baia e media do monte. Esta
superficie comprende 118 has.
1. TRATAMENTOS A REALIZAR
Algunhas
das técnicas aplicadas nas matas, relaciónanse coa productividade dos cogumelos
como xa vimos anteriormente polo que temos que falar de aquelas que se van
aplicar neste monte para tratar de mellorar a producción.
Existen tratamentos silvícolas
e de micorrización. No primeiro caso os tratamentos poden ser manuais,
mecánicos e químicos. Neste caso non se empregan tratamentos químicos,
unicamente mecánicos e nalgúns casos manuais.
No referido a tratamentos de
micorrización pode falarse de aqueles que se realizan en viveiro ou ben dos que
se poden aplicar sobre a planta adulta cando xa está instalada no monte.
1.1 SILVÍCOLAS
1.
CORTAS FINAIS
Para a rexeneración das matas empréganse cortas a
feito ou a matarrasa. Esto é un feito
moi traumático para tódalas asociacións fúnxicas existentes tanto micorrícicas
coma saprófitas que tardarán un tempo variable en volver a colonizar o medio
dependendo das condicións ambientais e da capacidade de cada especie para
espallarse. Diferentes autores coinciden con estas afirmacións ( Ohenoja 1988),
(Hintikka 1988), e (F.A.Magan e R. Fernandez 2000).
Isto coincide coas nosas observacións e queda
reflectido nos datos recollidos pois nas parcelas de rexenerado observouse a
existencia dun menor número de especies.
Por tanto, debe tratarse de minimizar estes
efectos negativos evitando as cortas a matarrasa. Para isto temos varias
solucións:
Podemos realizar unha corta por “furoneo”, sacando
algunhas das árbores e deixando outras.
Outra forma de mellorar esta situación sería
deixar árbores pai pois desta forma o descenso do número de especies é menos
acusado. Estas árbores pai permitirían a subsistencia dos fungos ata o momento
en que a nova mata acade a idade suficiente para o desenrolo nela dos mesmos. Ó
mesmo tempo que nos aseguraríamos que a producción continuase isto axudaría a
implantación dos cogumelos nos novos pes. ( Kardel e Erikson 1987)
Por todo isto se propón que as cortas
finais se fagan desta última forma, é dicir, deixando árbores pai. O número
deles debería ser aproximadamente entre 20-25 pes/ha. O momento da corta destas
árbores pai debería coincidir co momento no que se realice a ordenación da
plantación, cando se aclaran os novos pes abrindo calles. (aproximadamente o
cuarto ou quinto ano despois da corta). Así o material non seleccionado
serviría de “mulching”, é dicir, sería unha capa que evitaría a evaporación e
diminuiría o calentamento do solo o que beneficiaría o fungo e serviríalle de
protección unha vez eliminada as árbores que paliaban estes efectos negativos
da climatoloxía. Tamén é moi positiva a acumulación da materia orgánica que lle
serviría de alimento o fungo.
2. ENTRESACAS
En experiencias feitas no CIF de Lourizán
observouse que en ensaios feitos en soutos de 13 anos de idade, as mellores
produccións obtivéronse naquelas parcelas de menor densidade ( 7x7m ) e nas
mais mestas, despois de facer unha selección de pes observouse unha resposta
positiva na producción dos cogumelos.
Cando a densidade de planta é moi alta e
as copas das árbores chegan a fechar o paso da luz, as especies de fungos que
se atopan varían e os boletos tenden a minguar nas súas produccións. En montes de Pinus radiata de forte
densidade atopáronse especies nas beiras da mata que non medraban no interior.
(F. de Ana Magán e R. Fernández, 2000)
Unificando esto coas nosas observacións
(comparando os rodais mais mestos cos de densidade menor) no terreo,
efectivamente verificamos que cando a densidade é moi alta, o número de especies
é menor, ata o punto de que algunhas especies de valor económico non aparecen
en lugares nos que si se esperaba atopalos.
Por isto se propón a entresaca daqueles rodais
máis mestos ata acadar densidades mais baixas pero adecuadas a idade da mata,
de forma que, sen perder a súa capacidade productiva, a mata permita a máxima
entrada de luz para favorecer a productividade dos cogumelos. Desta forma, a
calidade da madeira tamén mellora pois favorécese o crecemento en espesura.
A mata de idade comprendida
entre 15 e 20 anos debe rebaixárselle a densidade ata, aproximadamente, 1000
pes/ha.
3.
ROZAS
Segundo Rigueiro Rodríguez e outros (Congreso
forestal español 1993) a mellor producción aparece cando a cobertura da
matogueira é menor do 30 %. Isto ten lóxica pois unha vexetación en exceso
podería competir pola humidade, luz, nutrientes,... Por iso é necesario manter limpo o monte de matogueira.
Imos ver agora, de forma moi breve, os distintos
tipos de roza que hai:
-a broza para o aproveitamento de estrumes que ten
o inconveniente de que pode danar o mantillo no caso de que se empregue o
angazo ou outra ferramenta de forma inapropiada.
-roza con maquinaria manual, por exemplo con
desbrozadora. O que se fai neste caso é cortar a matogueira. Isto é moi positivo
pero ten o inconveniente de que se non temos o coidado necesario poderíase
danar a planta dándolle accidentalmente cortes no pe da mesma.
-mecanizado: se a plantación está ordenada é
beneficioso e máis económico pero no caso contrario, se a plantación non está
perfectamente aliñada, ou ben non é posible realizala ou pódense danar as
plantas coa maquinaria. Ademais ten os inconvenientes engadidos de que quedan
as base das árbores e o espacio entre cada pe nas ringleiras sen limpar e pode
levantar o solo se atopa irregularidades no terreo.
-químico: mediante a aplicación de herbicidas. O
seu efecto no medio é moi prexudicial e a toxicidade pode contaminar os regatos
ou acuíferos subterráneos e danar a fauna. Neste caso, neste monte non se
aplica.
-lume prescrito: se se fai de forma moi ben
controlada, nun momento en que se dean as condicións adecuadas ( temperaturas
baixas, humidade elevada,...), pode ser positivo pois cumpre os obxectivos e
pode, nalgúns casos, resultar mais barato. Ademais pode chegar, mesmo, a ser
beneficioso para algunhas especies coma as do xénero Tricholoma.
A forma de realizar a roza que se ven utilizando neste caso deixa a broza no monte polo que, o
descompoñerse, produce un aporte de materia orgánica moi valioso á vez que a acumulación
desta broza no monte, mentres non se descompón, aumenta a humidade do solo o
que é tamén beneficioso. Polo tanto, recomendaríase seguir empregando esta
técnica de roza.
4. XIRO
OU QUENDA
A idade na que a mata comeza a ser productiva
micoloxicamente falando son os 8 anos e que as especies que aparecen varían en
función da idade da mesma polo que debe coidarse de ter en todo momento rodais
de diferentes idades para ter en todo
momento producción de cogumelos.
5.
ESPECIES
Estase a producir unha
gran rexeneración de follosas que sería interesante conservar para obter un
bosque mixto que prolongaría o período productivo dos cogumelos (aqueles que
medran baixo follosas medran antes que os outros) e permitiría obter especies asociadas ós dous grupos (coníferas e
planifolios).
1.2 MICORRIZACIÓN
Hai varias posibilidades para
realizar tratamentos de micorrización.
Os tratamentos de
micorrización para a obtención de carpóforos de interese comercial non están
tan estudiados como no caso de micorrización de planta para a repoboación
forestal.
Os traballos que hai feitos en
relación a isto diríxense principalmente cara ás especies mais apreciadas nos
mercados coma as dos xéneros Boletus, Lactarius ou Cantharellus.
Na actualidade existe unha empresa en Cataluña que proporciona planta de
piñeiro micorrizada con Lactarius deliciosus e hai tamén con Suillus
luteus.
O problema disto consiste en
manter os fungos inoculados no sistema radical da planta, unha vez que esta é
transplantada ó monte, durante os estados xuvenís das plantas pois estes fungos
medran cando as árbores xa son adultas.
En experiencias realizadas
comprobouse que os primeiros carpóforos de Lactarius deliciosus saen
cando a planta ten mais de seis anos de idade, os de Boletus edulis
cando pasa dos dez e para que aparezan Cantharellus cibarius son
necesarias matas de mais de quince anos.
(F. De Ana- Magán e A. R. Fernández, 2000)
Esto quere dicir que o feito
de conseguir a síntese micorrícica non supón o mantemento desta simbiose unha
vez que a planta é posta en condicións naturais senón que presenta moitos
problemas.
Neste monte ademais non se
repoboa de forma artificial senón que as matas rexenéranse de forma
natural.
A outra posibilidade sería
realizar inóculos de especies de interese comercial en planta xa adulta pero as
experiencias que hai feitas e que están tendo éxito están realizadas en
castiñeiros (inoculouse B. edulis) e aínda non se probaron sobre piñeiro polo
que non podemos asegurar que fosen ser válidas.
Visto todo isto, decidiuse que
nun principio non se van aplicar tratamentos de micorrización de ningún tipo e
se vai deixar evolucionar a mata. Se no futuro se vira que a producción diminúe
ou non é suficiente para manter o couto veríase se as técnicas evolucionaron ou
están mais experimentadas que na actualidade e estudiaríase mais polo miúdo a
súa aplicación.
2. VIAIS
Neste monte existe unha
elevada densidade de pistas e carreiros que se atopan en bo estado.
As pistas foron arranxadas
recentemente polo que algunhas delas que tiñan o firme en mal estado de
conservación están agora considerablemente ben. Todas elas contan cunha canle
no lado para o escurrimento do auga e manteñen o firme de terra en bo estado.
Sen embargo na maior parte dos casos non teñen taxeas o que supón que no
momento en que se produzan as primeiras precipitacións un pouco fortes existe
unha posibilidade moi alta de que se levante o firme. Por este motivo sería
necesario realizar esta mellora.
Os carreiros que existen no
medio dos rodais que non están preparados para o paso de vehículos senón que
serven para ir a pe, non teñen ningún tipo de firme, nin canais para o auga
pero atópanse libres de matogueira e o paso por eles e sinxelo e cómodo.
3. ZONA DE RECREO
O obxectivo xeral do proxecto
é realizar unha actividade de ocio aproveitando os recursos naturais da zona de
forma que, á vez que obtemos un beneficio do monte, proporcionamos unha
actividade de ocio ó visitante e atopemos un compromiso entre as dúas.
Pero se queremos realizar unha
actividade atractiva para o público e pola que se quere cobrar unha cantidade
téñense que ofertar unha serie de servicios complementarios.
Ademais así, maior número de persoas sentiranse
atraídas a vir que é un dos obxectivos que finalmente se buscan.
Para incrementar esta oferta
de ocio dotaremos a zona da infraestructura necesaria para o goce e a
aprendizaxe do visitante. Para iso contaremos cun área de recreo no que haberá
un aparcadoiro, un centro de información e axuda ó visitante (aula micolóxica),
un merendeiro e un parque infantil. Tamén se prepararán distintos roteiros polo
monte e un miradoiro.
Todas estas actuacións serán o
máis respectuosas posibles co medio de forma que o impacto sexa mínimo, tanto o
derivado da propia construcción coma o ocasionado polos visitantes. Isto terase
en conta á hora de situar cada unha das infraestructuras, de escoller os
materiais e a forma de realizar as obras necesarias.
3.1 AULA MICOLÓXICA
1. FUNCIÓNS
As súas funcións serán as
seguintes:
- recibir ós visitantes e
proporcionarlle a información necesaria sobre as actividades que poden
realizar, os servicios que se ofrecen, as normas do couto;
- proporcionarlles a
asistencia de persoal especializado para examinar os cogumelos recollidos e
comprobar que non sexan tóxicos;
- servir de lugar de refuxio
para os visitantes do couto en caso de inclemencias meteorolóxicas repentinas:
chuvia, fortes ventos, tormentas,...
- realizar a revisión da
cantidade de cogumelos recollidos por cada persoa ó final da visita
- na tempada apropiada acoller
exposicións (permanentes e non permanentes) de cogumelos e outros programas con
fins educativos e didácticos coma a realización de conferencias;
- explicación a base de paneis
das especies máis importantes e abondosas que se poden atopar no monte;
- tarefas propias do couto,
coma a expedición de permisos e licencias
- base do Guarda no caso de
que exista este servicio
- venda de guías, material
para a recollida como navallas,...
2. SITUACIÓN
O centro de información estará
na parte máis baixa do monte por varias razóns:
- por ser o sitio máis
achegado ás estradas e pistas principais de acceso ó monte;
- para informar o visitante
sobre actividades, normas... no momento da chegada ó monte e ó inicio dos
roteiros;
- porque ó ser a zona con
menor pendente non require a realización de movementos de terra;
- para evitar o tránsito de
vehículos no monte que producirían un grande impacto sobre o ecosistema;
- para evitar molestar as
tarefas forestais como ocorrería se se fixese no centro do monte;
- neste lugar existen tamén os
restos dunha antiga canteira que se prestan a que, no futuro, se faga no lugar
unha pequena poza artificial.
- por medrar neste lugar gran
cantidade de frondosas e haber depositadas moitas grandes rochas procedentes
dos restos da canteira que proporcionan a esta zona un alto interese
paisaxístico
3. CARACTERÍSTICAS
A aula micolóxica será unha
cabana de madeira, convenientemente tratada, de forma que evitemos a
realización de grandes obras.
As razóns desta elección son
variadas. Aínda que en España aínda non son moi populares este tipo de
construccións están gañando cada vez máis adeptos e as súas calidades son cada
vez máis valoradas.
Unha edificación deste tipo
supón rapidez de execución e construcción e aforro enerxético. O illamento que
ofrece este tipo de material é outra das grandes vantaxes que aporta pois
permite aforrar ata un 40 % en calefacción e aire acondicionado. Pola calidade
dos tratamentos ós que é sometida a madeira a súa durabilidade e calidade non
son cuestionables. Para a construcción deste tipos de edificación non son
necesarias grandes obras. Basta con preparar a cimentación e a base de formigón
onde se asentará. Por outra banda, a
casas de madeira non necesitaría permiso municipal pois por ser prefabricada
considérase un elemento móbil. Por todas estas razóns xulgouse apropiada a súa
elección.
4. DESCRICIÓN
A cabana ten unha superficie de 52 m2
con faiado (de 1,85 m de altura no vértice). Dispón de 3 habitacións, 1 baño, e
unha sala de maiores dimensións. Ten 7 cristaleiras ó exterior o que
proporciona gran luminosidade no interior.
Estas características permiten
dividila en dúas zonas independentes: Vista do aspecto exterior da
aula micolóxica
unha pública e outra privada.
Nesta última haberá un aseo, un
almacén, unha habitación reservada ó garda encargado da vixilancia do couto no
caso de que fose contratado e unha oficina onde se poden realizar as tarefas
administrativas do couto como a emisión de permisos e licencias. Esta oficina
terá unha mesa de traballo na que se instalará un ordenador, unha librería e
tres cadeiras. Esta habitación acollerá os fondos bibliográficos cos que conte
o centro e que poderán ser consultados polos visitantes.
Na parte destinada á zona
pública (a sala de maior tamaño), realizaranse as tarefas de recepción e
información dos visitantes, revisión e cuantificación dos exemplares
recollidos, exposicións e realización de charlas e conferencias educativas e
todas aquelas tarefas destinadas a axudar os visitantes do couto. Para isto
contará cunha zona de traballo cunha mesa larga onde se instalarán as lupas,
situada detrás da cristaleira pois este é o lugar que posúe maior cantidade de
luz. Neste espacio tamén pode realizarse a cuantificación do material recollido
por cada persoa ben sexa por cónteo ou pesando as exemplares. Para isto tamén
se contará cunha báscula.
Na parte central desta sala
haberá unha gran mesa que ten como obxectivo acoller as exposicións na época de
actividade do couto. Esta exposición sería moi útil tanto para a xente que
acode o couto coma para escolares.
Este espacio tamén conta cunha
zona apropiada e dotada cos medios necesarios para a realización de
conferencias, charlas,...tanto para escolares coma para o público en xeral.
Para isto instalaranse cadeiras que teñen a vantaxe sobre os bancos de madeira
de que poden moverse segundo as necesidades en cada momento.
Nunha das paredes teremos as
guías e o material de venta.
Por último, as paredes estarán
cubertas por paneis nos que se recollen as especies mais interesantes, tanto
por ser as mais abondosas no couto e por tanto as que temos mais posibilidades
de atopar, coma por ser as de maior interese gastronómico coma aquelas que
poden ter perigo pola súa toxicidade. Nestes paneis teremos información escrita
describindo as especies e debuxos e fotografías das mesmas.
A enerxía necesaria para a realización das actividades que nela se realizarán obterase da enerxía solar por medio de paneis colocados no tellado da cabana. Desta forma evitamos a instalación de tomas eléctricas, evitamos traer unha liña de forza que impacta no medio e minimizamos os danos que a xeración de enerxía provoca no medio ambiente. Os aparatos que se empregarán no centro serán aparatos de corrente continua que é a corrente que proporcionan os paneis. (Ver anexos)
O prezo da cabana inclúe xa o
transporte e a montaxe.
A distribución en planta da
cabana pódese ver no plano.
5. ACTUACIÓNS
En primeiro lugar realizarase
unha roza do terreo no lugar que ocupará a casa e nos arredores. Esta operación
realizarase de forma mecánica pois aínda que esta superficie é moi pequena,
como temos que realizar rozas en zonas pretas a esta, temos a posibilidade de
facer a roza conxunta de todas polo que aproveitamos a subida da maquinaria e
así resulta máis económica. A pendente do terreo permitiría esta roza
mecanizada.
Unha vez realizada a roza do
terreo, procederase á escavación necesaria para a construcción dos cimentos.
Escavarase ata atopar rocha para ter unha base sólida na que
apoiar a cimentación. Isto pode facerse porque nesta zona a rocha aflora a
pouca profundidade. Fíxose un estudio da profundidade do mesmo e unha calicata
e atopouse a rocha a un metro da superficie que, por tanto, será a profundidade
dos cimentos.
A cimentación deste tipo de
construccións non difiren da tradicional pero require de precisión para o
axuste das xuntas. A conexión entre a cimentación e o muro debe realizarse
cunha impermeabilización que impida o paso de humidade as pezas de madeira e un
anclaxe adecuado. No caso de casas sen soto é posible realizar un forxado ( de
formigón ou viguetas de madeira) para o soporte da planta baixa sobreelevado
con respecto ó nivel do terreo, deixando unha cámara de aire ventilada cunha
altura mínima de 15 cm.
Visto isto, neste caso construirase
con formigón armado un muro por todo o perímetro da cabana. Este muro terá unha
base de 60 cm de espesura e unha altura de 15 cm. No resto a súa largura será
de 20cm. A terra extraída do oco
estenderase no espacio destinado a aparcadoiro pois así evitaremos ter que
transportar este material.
Este muro continuarase sobre a
superficie e sobre el instalarase a cabana. Desta forma permítese a circulación
do aire e evítase a condensación do mesmo na base da casa o que axudaría a
estragar a madeira. Esta base terá unha altura de 20cm.
As paredes desta base
cubriranse de pedra (cachotería ordinaria de granito) para evitar que o
formigón quede á vista.
3.2 APARCADOIRO
Estará situado preto da aula
micolóxica e ocupará unha superficie de 550m2.
Terá capacidade para 10 turismos e 2 autobuses. As prazas terán unhas
dimensións de 3x5 m.
1. ACTUACIÓNS
Para a construcción do firme
evitarase a utilización de asfalto que ten un gran impacto tanto visual coma
estético e ecolóxico. Escavarase, en primeiro lugar, un oco de 20cm de
profundidade. No fondo do mesmo estenderase de forma mecanizada unha capa de 15
cm de espesura de zahorra que servirá para a drenaxe do auga. Esta primeira
capa compactarase e sobre ela instalarase unha segunda capa de gravilla de 5 cm
de espesura. Esta gravilla será garbancillo de 10-20 mm. A elección deste
material xustifícase porque serve perfectamente para este fin, favorece a
drenaxe do auga e non fai necesario a realización de grandes obras, ademais de
que, coma dixemos antes, non supón un impacto tan grande no medio coma se fora
de asfalto. Para evitar a acumulación do auga terá unha pendente do 0,6 % que
permite o escorremento do auga que non se drene. A pequena pendente permite a
caída do auga pero non favorece en demasía o arrastre da gravilla.
Na zona xa existen pes de
sobreiras, carballos e piñeiros que axudan a diminuír o impacto visual
impedindo que se vexa moito dende as partes altas do monte e ó mesmo tempo
prestan sombra o aparcadoiro.
3.3 MERENDEIRO
Esta zona está pensada para o
descanso e para repoñer forzas unha vez terminada a xornada de recollida.
Non se situará nunha zona
especialmente acondicionada para este fin senón que se espallarán as mesas de
forma irregular ocupando un rodal de frondosas adultas (sobreiras, carballos e
castiñeiros) que existe neste lugar.

Aspecto do lugar onde vai ser instalado o merendeiro
1. ACTUACIÓNS
En primeiro lugar procederase
á roza de toda a zona que vai ser ocupada para este fin.
Despois colocaranse as mesas e
bancos que serán de madeira tratada en autoclave, o que lle proporciona a
resistencia adecuada para a súa colocación en exteriores e papeleiras.
A madeira empregada será de Robinia
pseudoacacia que, aínda que é un material non moi empregado por aquí, é moi
apropiada para o seu uso en exteriores pois é moi resistente ós fungos da
podremia. Se a isto engadimos a bonita cor da súa madeira unimos razóns
funcionais e estéticas polo que queda xustificado o seu uso.
Debaixo do espacio ocupado por
cada conxunto de mesa e bancos instalarase un pavimento similar ó Aspecto do conxunto de mesas e
bancos
colocado no aparcadoiro. É dicir, escavarase un
oco de 2x2m e de 20 cm de profundidade, no fondo do cal estenderase unha capa
de zahorra natural de 15 cm de espesura que se compactará antes de engadirlle 5 cm de altura e que se
volverá a compactar.
Colocaranse un total de 6
mesas cos seus respectivos bancos e 6 papeleiras.
As dimensións da mesa son as
seguintes: 2000 x 1500 x 800
mm
3.4 ÁREA DE XOGOS INFANTIS
Habilitarase unha zona para o
esparexemento dos máis novos que non estará delimitada mais que polas árbores,
castiñeiros e érbedos, que están sendo plantadas na zona o que aproveitaremos
para facer esta plantación de forma que rodeen a área que escollemos.
Este parque contará con
actividades para diferentes idades. Contará cun tobogán, un bambán, dous
balancíns, dunha e dúas persoas respectivamente, e un labirinto de cordas.
Tamén se instalará nel unha papeleira das mesmas características cas da área de
recreo.
1. ACTUACIÓNS
A superficie aproximada
destinada a esta actividade é de 200m2. Como é unha zona xa plana e
sen matogueira non haberá que realizar explanación nin rozas. Haberá que
realizar o despedregado da superficie para evitar posibles accidentes e tamén
se fertilizará a herba que a cubre para fortalecela e protexela fronte o
pisoteo. Por último se procederá as tarefas propias da instalación das
actividades.
3.5 BEIRA DA CANTEIRA
No
lugar onde están os restos da antiga canteira hai unha zona na que existe un
desnivel moi grande que pode ser perigoso, sobre todo se temos en conta que
esta preto de parque infantil. Ademais medran nese oco gran cantidade de
matogueira. Por ese motivo adecuaremos
este lugar.
1. ACTUACIÓNS
En primeiro lugar realizarase unha roza do lugar que terá que ser manual pois debido a pendente que hai resulta imposible empregar a maquinaria. Despois colocarase unha baranda de madeira para evitar posibles caídas e por último realizarase unha hidrosembra de herba no borde para mellorar a vista do lugar. Beira da canteira
4. ROTEIROS
Deseñaranse varias rutas de
diferente duración e dureza polos sitios de máis interese tanto paisaxístico
coma micolóxico.
Estas rutas estarán descritas
en paneis informativos ó principio do percorrido. Estes paneis conterán, entre
outras cousas: a descrición do itinerario, a lonxitude do percorrido, a
duración, unha valoración da dificultade, un debuxo do perfil de toda a ruta
onde aparecerán a cota mínima e máxima e a pendente máxima, as especies máis
representativas que atoparemos e os puntos de máis interese do percorrido.
Ó longo da ruta haberá sinais
que indiquen ó visitante que está seguindo o roteiro adecuado.
Estableceranse tres roteiros. Durante a estancia no couto non é
obrigatorio estar neles pero servirán como punto de apoio para non perderse,
como oferta secundaria de entretemento e ademais serven para que a maior parte
do público se mova por eles evitando así que outras partes do monte sexan
danadas por unha sobrecarga de xente. Así evitamos prexudicar ós animais, á
propia flora micolóxica e ó resto da vexetación.
Por este motivo os roteiros
irán polas pistas forestais xa abertas e, nos lugares onde se utilicen
carreiros, estes non se ampliarán nin se pavimentarán de forma algunha senón
que se manterá a cuberta natural de herba que posúen. Ademais dos beneficios
que esto ten para o ecosistema resulta máis agradable á hora de percorrelo.
As lo