ESTATUTOS
DA MANCOMUNIDADE DE M.V.M.C
"NOROESTE DE PONTEVEDRA"
(Aprobados na Asemblea do dous de Abril do
2.000)
ARTIGO 1.- O amparo do que dí o punto 3 do Art. 15 da Lei 13/89,
constitúese a Mancomunidade de M.V.M.C "Noroeste de Pontevedra" co
fin xeral da defensa e mellora dos Montes Veciñais en Man Común nas suas
funcións tradicionais: a productiva, a ecolóxica e a social. As normas
que se establecen nestes Estatutos inspíranse na Lexislación actual e
nas experiencias acadadas ó traverso dos derradeiros anos polas
Comunidades e outras Mancomunidades.
ARTIGO 2.- Son obxetivos da Mancomunidade:
- A búsqueda de canles de información e o asesoramento lexislativo,
económico, fiscal, administrativo, cultural, técnico e xurídico.
- O intercambio de experiencias que leve ó enriquecemento dos coñecementos
da xestión das Comunidades.
- O fomento dun sentimento da apoio e solidaridade entre as Comunidades.
- A promoción de plans de desenrolo global dos Montes Mancomunados
e posible coordinación de traballos nos Montes.
- A prevención e loita mancomunada contra incendios forestais, pragas
e enfermidades.
- A merca de material de calquera tipo, ben sexa porque a sua adquisición
mancomunada mellore o custo ou porque o seu uso mancomunado millore os
rendementos. Na compra de maquinaria terase a obriga de facer un plan de
traballo da mesma, como tamén ter en conta o seu mantemento e garda.
- Representar a todos e cada un dos seus membros ante as Administracións
Públicas, Institucións, empresas e, en xeral, calquera persoa física ou
xurídica. A estos efectos darase a persoa ou persoas que a representen
o poder bastante tal como regula o Art. 47 do Decreto 260/1.992.
- Calquera outra actuación, no campo público o privado, que dentro
das peculiaridades de acción das Comunidades de Montes integradas na Mancomunidade,
poida resultar axeitada para o cumprimento dos seus fins.
- A Mancomunidade poderá asociarse a diferentes niveis para chegar máis
doadamente a consecución dos seus fins.
- A axuda a outros para constituirse en Comunidade ou Mancomunidade.
ARTIGO 3.- A Mancomunidade velará para que as Administracións cumpran
cos compromisos que lles sinala a Lexislación vixente en cada momento.
Demandará da Administración a participación naquelas decisións que teñan
que ver, dalgun xeito, cos Montes Veciñais en Man Común.
CAPITULO
2: DOS MEMBROS DA MANCOMUNIDADE
ARTIGO 4.- Poden ser membros da Mancomunidade todalas Comunidades que
se atopen nos Concellos de Pontevedra (só a Parroquia de Campaño), Barro,
Portas, Caldas de Reis, Catoira, Vilagarcía, Meis, Vilanova, Ribadumia, Meaño,
Poio, Sanxenxo, A Illa da Arousa, Cambados e O Grove.
Teñen que ser Comunidades legalmente constituidas i estar autorizadas
para se mancomunar polas suas Asambleas Xerais. Nun primeiro momento éntrase
na Mancomunidade por acordo da Xunta Rectora da Comunidade. Este acordo da
Rectora deberá ser ratificado antes de nove meses pola Asemblea da Comunidade.
As Comunidades que estean en proceso de legalización poderán asistir as
Xuntanzas da Mancomunidade con voz máis sen voto. A Mancomunidade apoiará
diante dos Organismos competentes a máis rápida legalización desas Comunidades.
ARTIGO 5.- As Comunidades mancomunadas manterán o seu funcionamento
interno con independencia.
ARTIGO 6.- A condición de membro da Mancomunidade pérdese por:
- Renuncia voluntaria
- Desaparición de Comunidade.
- Incumprimento do sinalado nos Estatutos.
- Incumprimento dos acordos tomados pola Xunta Rectora da Mancomunidade
ou nas Asembleas da mesma.
- Rexeitar unha reforma dos Estatutos que teñan aprobado a maioría
das Comunidades.
Nestos tres derradeiros casos ten que ser adoptada a decisión
nunha Asemblea Xeral por unha maioría de dous tercios dos seus membros.
A perda de calidade de Comunidade mancomunada non da dereito a devolución
das cotas achegadas nen a ningunha compensación polos bens que a Mancomunidade
posua.
Namentras non sexa firme a perda da condición de membro da Mancomunidade
manterá dita condición.
ARTIGO 7.- Son dereitos das Comunidades mancomunadas:
- Voz e voto na Asemblea da Mancomunidade.
- Participar na administración, control e goberno da Mancomunidade.
- Recibir información de tódalas actividades da Mancomunidade e das
disposicións de carácter legal relacionadas coas Comunidades.
- Impugna-los acordos da Xunta Rectora da Mancomunidade.
- Dirixirse cando o coide oportuno á Xunta Rectora da Mancomunidade.
- Ter asesoramento sobor do procedemento de solicitude e tramitacións
de subvencións e nas relacións coa administración.
- Presentar candidatos ós postos da Mancomunidade.
- Facer diante da Xunta Rectora da Mancomunidade proposta de nomeamento
de membros colaboradores da Mancomunidade entre aquelas persoas físicas
ou xurídicas que coa sua experiencia ou valía podan contribuir ó
cumprimento dos fins expostos nestes Estatutos. Os membros colaboradores
ostentarán o seu cargo de xeito honorífico, aconsellando a Xunta Rectora da
Mancomunidade naquelas cuestións da sua competencia. Non terán dereito ó
voto.
ARTIGO 8.- As obrigas das Comunidades mancomunadas son:
- Cumpri-lo establecido nos presentes Estatutos e nos acordos da Asemblea
e da Xunta Rectora da Mancomunidade.
- Aportar nos prazos que se fixen as cotas para o funcionamento da
Mancomunidade.
- Asistir a cantas xuntanzas sexa requerido.
CAPITULO
3: DISTRIBUCION DE CARGAS
ARTIGO 9.- Nos orzamentos anuais fixarase a cota anual. As Comunidades
que se incorporen deberán aboar a cota anual vixente.
ARTIGO 10.- A Asemblea da Mancomunidade poderá dispensar de aboar a cota
a Comunidade na que concurran especiais circunstancias.
ARTIGO 11.- No caso de que se acorde en Asemblea un Orzamento Extraordinario,
a distribución de cargas fixarase no mesmo, sen perxuicio do sinalado no
Artigo anterior.
CAPITULO
4: DOS ORGANOS DE GOBERNO DA MANCOMUNIDADE
ARTIGO 12.- Os órganos de goberno da Mancomunidade son:
-A Asemblea Xeral da Mancomunidade
-A Xunta Rectora da Mancomunidade.
ARTIGO 13.- A Asemblea Xeral da Mancomunidade é o órgano supremo da
mesma e estará presidida polo Presidente da Xunta Rectora. Está composta por
todolos membros da Mancomunidade. O quorum para celabrala Asemblea na súa
primeira convocatoria é do 50% dos seus membros. No caso de non obterse o
quorum anterior, celebrarase en segunda convocatoria, duas horas despois,
e sendo suficiente a asistencia do 25% dos membros. Poden asistir a ela
calquera membro das Comunidades que a forman con voz mais sen voto. Poderá
limitarse o número de asistentes en función do aforo dos locais nos que se
celebren as Xuntanzas. Por cada Comunidade mancomunada, só poderá
votar o que exerza como representante da Comunidade. As Comunidades
poderán nomear como seu representante ó doutra Comunidade mais un
representante só poderá ter unha delegación. E responsabilidade do
representante delegado cumprir coas instruccións que teña da Comunidade
que lle deu a delegación.
ARTIGO 14.- Os acordos da Asemblea Xeral serán tomados por maioría
simple e afectan a todolos seus membros. Non embargantes, respectarase as
opinións da minoría sempre que non entorpezan a marcha da Mancomunidade. Tamén
respectarase a discrepancia pública. Nos acordos que teñan que ver coa
modificación dos Estatutos observaranse as maiorías que sinala o Regulamento
vixente.
ARTIGO 15.- A Asemblea Xeral xuntarase duas veces ó ano, coincidindo,
a primeira, co primer trimestre do ano para rendelas contas do ano anterior e, a
segunda, no derradeiro trimestre co fín de debater e aprobar os Proxectos
e Presupostos do ano seguinte.
ARTIGO 16.- As convocatorias para as Asembleas Xerais, tanto de caracter
ordinario coma extraordinario, serán feitas polo Presidente da Xunta Rectora da
Mancomunidade mediante escrito que extenderá o Secretario con 15 días de
antelación. Na comunicación da mesma terá que iren expresada a data, o
lugar e a hora na que se celebre a Asemblea Xeral, seu caracter de ordinaria
ou extraordinaria, e o orde do día dos temas a tratar.
ARTIGO 17.- Unho dos puntos do orde do día en todalas Asembleas será a
consulta, na propia Asemblea, ós representantes de se houbera algun asunto
que pola trascendencia ou urxencia fora preciso incluir a debate ou decisión
na Asemblea. A Asemblea decidirá sobor da pertinencia ou non da inclusión
efectiva dese asunto no orde do dia.
ARTIGO 18.- A Asemblea Xeral extraordinaria poderá convocala o Presidente
por razóns de necesidade ou cando sexa solicitada por, como mínimo, tres
Comunidades. Neste derradeiro caso, o Presidente ten a obriga de convocala
para que se celebre antes dun mes de ter recibido a solicitude. En ambolos dous
casos terá que existir un orde do día.
ARTIGO 19.- Dos resultados das Asembleas levantarase a correspondente
acta polo Secretario. Deberán constar as decisións da maioría, expresando
o número de votos. Asimesmo figurará tamén a opinión da minoría. As actas
aprobaranse na Asemblea máis próxima, por cuestión de prazos, en que
poda facerse.
ARTIGO 20.- Unha copia do borrador da acta enviarase as Comunidades
membro no prazo maxímo de un mes despois da celebración da Asemblea. As
Comunidades disporan doutro mes para expoñer súas obxecións ou propoñela
corrección de erros. No caso de que houbera modificacións na acta aprobada
en Asemblea en relación co borrador enviado tería que enviarselle ás
Comunidades copia da acta aprobada.
ARTIGO 21.- Son competencias das Asembleas Xerais:
-A elección da Xunta Rectora da Mancomunidade.
-A aceptación de novos membros da Mancomunidade.
-A aprobación e reforma dos Estatutos.
-A fixación tanto das cotas anuais coma as de caracter extraordinario.
-A aprobacion das contas anuais, presupostos anuais e extraordinarios
e os Proxectos da Mancomunidade.
-Dirimir nos desacordos entre varias Comunidades membros sempre e cando a
súa actuación sexa aprobada por todalas Comunidades en conflicto.
-Aprobar as posibles federacións ou unións con outras Mancomunidades.
ARTIGO 22.- A Xunta Rectora da Mancomunidade é o seu órgano de administración
e xestión. Seus cargos son honoríficos; a Mancomunidade, somentes,
sufragará os gastos que lles ocasione a súa xestión. Dunha mesma Comunidade
non poderán existir máis de dous membros na Xunta Rectora.
ARTIGO 23.- Déixase de ser membro da Xunta Rectora da Mancomunidade
nos seguintes casos:
- Por morte ou incapacidade.
- Por renuncia voluntaria.
- Por perde-la calidade de veciño comuneiro na Comunidade que o nomeou.
- Por perde-la sua Comunidade a calidade de membro da Mancomunidade.
- Por decisión da Xunta Rectora da Comunidade a que perteñeza.
- Por incumplimento das súas obrigas coma Xunteiro. Neste caso ten que
ser aprobada a baixa en Asemblea.
ARTIGO 24.- A Xunta Rectora da Mancomunidade fará xuntanzas ordinarias
nos meses de Xaneiro, Marzo, Xuño, Setembro e Novembro. Nesta derradeira
xuntanza aprobaránse os presupostos e Proxectos a levar á Asemblea e
na de Xaneiro prepararase a rendición de contas á Asemblea correspondente.
As xuntanzas extraordinarias faranse cando o dispoña o Presidente ou
calquera dos seus membros, neste caso, o Presidente ten a obriga de celebrala
nun prazo de vinte días.
ARTIGO 25- O quorum para celebrar Xuntanza establécese no 50% das
Comunidades que teñan representación nela. Os acordos tomaranse por maioría
simple, con voto de calidade do Presidente en caso de empate. Cada Comunidade
só terá un voto nas xuntanzas da Rectora da Mancomunidade. Respectaráse
o mantido polas minorías sempre que non entorpeza a marcha da xestión
da Xunta Rectora e, a máis, permitirase a discrepancia pública.
Para que sexa válida a xuntanza da Xunta Rectora deberá asistilo
Presidente ou, coa súa delegación, o Vicepresidente. A asistencia as xuntanzas
é persoal non admitíndose delegacións.
ARTIGO 26.- As reunións da Xunta Rectora da Mancomunidade poderá
acudir, con voz somentes, calquera membro das Xuntas Rectoras das Comunidades
membros.
ARTIGO 27.- Son competencias da Xunta Rectora da Mancomunidade:
- Desenrola-los obxetivos da Mancomunidade.
- A execución dos Acordos das Asembleas.
- A presentación de novos membros diante da Asemblea Xeral.
- A confección de orzamentos e cotas, tanto anuais como extraordinarios.
A confección, tamén, das contas anuais e Proxectos da Mancomunidade.
- Plantexar ante á Asemblea as propostas de sanción polo incumprimento
dos Estatutos ou acordos da Asemblea Xeral da Mancomunidade.
- Estudialos desacordos entre os membros sempre que as Comunidades en
conflito o soliciten.
- Estudio das posibles federacións ou unións con outras Comunidades,
mancomunidades, federacións, organizacións, etc.
- Propoñela reorganización da Mancomunidade noutras Mancomunidades.
- Levar a Asemblea a aceptación de doacións, subvenciós, etc.
- Propoñer os posibles colaboradores da Mancomunidade.
- Resolver as reclamacións previas á decisión asemblearia contra
acordos adoptados.
- Colaborar por mandato da Asemblea con outras asociacións ou mancomunidades
semellantes.
CAPITULO
5: DOS MEMBROS DE XUNTA RECTORA DA MANCOMUNIDADE
ARTIGO 28.- A Xunta Rectora da Mancomunidade terá un mandato de catro
anos. Estará formada por: Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro
e un número de Vocais indeterminado. Procurarase que haxa un xunteiro por
cada Concello das Comunidades-membro. Todolos cargos son de libre eleción
da Asemblea Xeral.
ARTIGO 29.- O Presidente da Xunta Rectora da Mancomunidade terá a
representación legal da Mancomunidade e presidirá, moderará e convocará
as Xuntanzas. No dito anteriormente, quen presida a Mancomunidade deberá
se ater ó que se exprese nas Leis, nos Estatutos e nos acordos da Asemblea
Xeral da Mancomunidade e das Xuntanzas da propia Xunta Rectora. Terá
conxuntamente co Tesoureiro o asino para disposicións de fondos da
Mancomunidade. O Vicepresidente sustituirá nas suas funcións ó
Presidente nas suas ausencias.
No caso de deixar de ser membros da Xunta Rectora da Mancomunidade o
Presidente e mailo Vicepresidente, procederase, polo Secretario, á
convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria para elexir unha nova Rectora
da Mancomunidade.
ARTIGO 30.- O Secretario é o responsable de levar o Libro Rexistro de
Comunidades membros e o Libro de Actas, recollendo nel os acordos das
Asembleas Xerais e os das xuntanzas da Xunta Rectora da Mancomunidade.
Xunto co Presidente encargarase das relacións coas Administracións.
Manterá o arquivo xeral da Mancomunidade co seu Libro rexistro da Documentacion.
No mes de Xaneiro de cada ano presentarase na Delegación correspondente
copia certificada do Libro Rexistro de Comunidades membros. Os
devanditos libros terán a dilixencia de apertura da Delegación correspondente.
ARTIGO 31.- O Tesoureiro é o responsable de leva-las contas da Mancomunidade,
de prepara-los orzamentos, a rendición das contas anuais e, en xeral, de todolos
asuntos na Mancomunidade que teñan que ver coa economía. Xunto co Presidente
asinará os talóns de disposición de fondos nas entidades financieiras.
Levará o Libro de Contas da Mancomunidade que terá a mesma dilixencia que os
outros.
ARTIGO 32.- O número de Vocais é indeterminado. Os Vocais terán misións
de apoio ós restantes postos da Xunta. As Comunidades que se mancomunen
durante o periodo de mandato da Rectora poderán nomear unha ou duas persoas
para formar parte da Rectora da Mancomunidade.
CAPITULO
6: RESPONSABILIDADE DOS ORGANOS DE GOBERNO
ARTIGO 33.- A Asemblea Xeral será responsable ante as Comunidades
membro da boa marcha da Mancomunidade, e do cumprimento das súas
obrigas, dos Estatutos e demáis leis, regulamentos e disposicións sobor
dos Montes Veciñais.
ARTIGO 34.- Na mesma responsabilidade incurre a Xunta Rectora diante da
Asemblea Xeral. A responsabilidade da Xunta Rectora da Mancomunidade será
colexiada, agás que algún dos seus membros traspase as facultades que lle
foron encomendadas ou actue a nivel persoal diante de terceiros, caso
en que esixiráselle responsabilidade persoal.
ARTIGO 35.- O representante dunha Comunidade que sobor dalgún asunto teña
orde imperativa será responsable do seu cumprimento diante de Xunta Rectora
que a teña ordeado.
CAPITULO
7: IMPUGNACIONS DOS ACORDOS
ARTIGO 36.- Os acordos contrarios á Lei, Regulamento, disposicións
legais, Estatutos e a outros acordos prevalentes das Asembleas Xerais serán
nulos nos seus efectos dende o día que se teñan tomado. A impuganción de
tais acordos poderá ser feita, sen prazo, por calquera Comunidade ou
comuneiro.
ARTIGO 37.- Calquera Comunidade ou comuneiro poderá defende-los intereses
da Mancomunidade, tendo que serlle reintegrados os gastos que lle ocasione tal
defensa, sempre que prosperen as súas pretensións ou sexa aprobado pola
Xunta Rectora da Mancomunidade.
CAPITULO
8: RENOVACION DE XUNTA RECTORA DA MANCOMUNIDADE
ARTIGO 38.- O finalizaren o prazo de catro anos a Xunta Rectora da
Mancomunidade terá o caracter de "en funcións". O Presidente convocará
Asemblea Xeral co fin de:
-Anuncialas eleccións para nova Xunta Rectora da Mancomunidade.
-Sinalala data, lugar e hora de celebración das eleccións.
-Designala Mesa electoral.
-Aprobalo calendario electoral.
ARTIGO 39.- A Asemblea Xeral para a elección da Xunta Rectora convocarase
canto menos con 30 días de antelación.
ARTIGO 40.- Co fin de que prevaleza o principio de igualdade de oportunidades,
a Xunta Rectora en funcións elaborará as papeletas de todalos candidaturas
entregandoas ó Presidente da Mesa Electoral. As papeletas teñen que ser
iguais en forma, tamaño, cor e número. A Xunta Rectora en funcións enviará
a cada Comunidade membro unha papeleta de cada candidatura presentada.
ARTIGO 41.- O prazo para presentar candidaturas será de 20 días naturais
contados a partir do día seguinte o que se celebrou a Asemblea Xeral para
marcala data e demais circunstancias das eleccións.
ARTIGO 42.- No suposto de só haxa unha candidatura, a votación será a
man alzada. Será secreta se algun representante o solicita.
ARTIGO 43.- No caso de empate entre varias candidaturas, na Asemblea
Xeral se fixarán as circunstancias dunha nova Asemblea no que só poderán
participalas candidaturas empatadas co maior número de votos.
ARTIGO 44.- Cada candidatura poderá designar un interventor para a
millor marcha do proceso electoral coa condición de que ningun interventor
poderá ser membro de ningunha candidatura.
ARTIGO 45.- Calquera incidente ou recurso que se presente durante a
celebración das eleccións reflectirase na acta levantada a tal efecto polo
Secretario da Mesa electoral e resolverase na na propia Asemblea Xeral a
continuación do escrutineo e reconto dos votos.Tal acordo poderá
ser impugnado diante da Xurisdicción ordinaria nos dous meses seguintes.
ARTIGO 46.- Unha vez resoltos os incidentes e recursos ós que se refire
o artigo anterior, acordarase sobre a validez da elección. Se é o caso,
procederase a proclamación da nova Xunta Rectora.
Nunha Xuntanza na que participaran as Xuntas Rectoras nova e vella e que
se celebrará antes dos 15 días seguintes á proclamación procederase o
relevo e traspaso de documentación. O resultado da Xuntanza reflectirase nun
Acta.
CAPITULO
9: EXTINCION DA MANCOMUNIDADE
ARTIGO 47.- A Mancomunidade extinguirase por calquera das seguintes
causas:
- Por disposición legal
- Por renuncia de todo-los seus membros
- Por deixar de existi-las causas que á motivaron.
ARTIGO 48.- Unha vez extinguida a Mancomunidade procederase pola Xunta
Rectora da Mancomunidade ó reparto equitativo de tódolos seus bens entre as
Comunidades que a formen no intre da extinción.
DISPOSICIONS
TRANSITORIAS
PRIMEIRA.- Para a elección da primeira Xunta Rectora convocarase á
Asemblea Xeral da Mancomunidade polos promotores destes Estatutos. No caso de
que non se chegue á formación dunha Rectora por acordo unaníme, procederase
do seguinte xeito:
A Mesa electoral estará composta polo comuneiro presente de máis idade
que actuará como Presidente da Mesma e o máis mozo que actuará como
Secretario. As candidaturas que concorran ás eleccións poderán designar
cada unha delas un interventor na Mesa coa condición de que non formen
parte de ningunha candidatura.
Terá capacidade para ser elexido calquera comuneiro que sexa avalado
pola Xunta Rectora da Comunidade á que perteñeza. Todalas Comunidades
que presenten candidaturas ou candidatos deberán cumplilos requisitos
que se exixen nestes Estatutos para seren membros da Mancomunidade.
No non sinalado nesta disposición encol da elección rexirá o que se di
nestes Estatutos para as eleccións sucesivas.
SEGUNDA.- Se fixa en 9.000 ptas. a cota para o primeiro ano, o da constitución
da Mancomunidade. Con esta cantidade farase frente ós custos iniciais de
constitución e de funcionamento no primeiro ano. Abonarase no intre de
constituirse a primeira Xunta Rectora da Mancomunidade.
DISPOSICION
ADICIONAL
PRIMEIRA.- Cada Comunidade membro ten dereito a ter un exemplar dos
Estatutos vixentes na Mancomunidade.
DISPOSICIONS
FINAIS
PRIMEIRA.- No non previsto nestes Estatutos regulará a Lei 13/1.989 do
10 de Outubro de Montes Veciñais en Man Común promulgada polo Parlamento
de Galicía, o Regulamento para e execución da dita Lei aprobado polo
Decreto 260/1.992 e, no seu defecto, a lexislación xeral.
SEGUNDA.- Estes Estatutos surtirán efecto ó día seguinte da sua presentación
no rexistro que corresponda ós MVMC.