O PROBLEMA DO GANDO CEIBO: POSICIÓN DO BNG DE CERDEDO

 

 

Perspectiva xeral .-

 

            A alta concentración de gando no monte (tanto vacún como cabalar), o deficiente control do mesmo, o progresivo despovoamento do rural, o cambio da estructura socio-económica (cada vez menor traballo agrario), e a reforestación intensiva, non só dos montes, senón de moitas terras agrarias, configuran nos últimos anos, unha especial situación conflictiva. Un conflicto no que están  implicados dous sectores estratéxicos para o desenvolvemento do noso Concello: o forestal e a producción de carne de calidade.

 

 

O que non se pode negar .-

 

            Para procurar solucións ao conflicto, deberemos escoller algúns puntos de partida comúns, cousas que son de xustiza recoñecer; por exemplo:

·        Non podemos negar a existencia dos danos: destrozos en plantacións, fincas particulares, peches e cerramentos; accidentes de tráfico provocados polo gando; incendios forestais para rexenerar pastos ou por vinganza; gando sen sanear e sen marcar (bestas, sobre todo, pero tamén algunhas vacas); ataques a veciños polo gando bravo, etc. E tampouco podemos negar que, en ocasións, a reacción de certos gandeiros ás demandas dos afectados é xustamente a contraria do que se agarda deles: insultos, ameazas, desplantes…Non son todos, se cadra só unha minoría, pero que desprestixia coa súa actitude ao conxunto do colectivo de gandeiros.

·        Non podemos negar que as Comunidades de Montes son unha institución propia de Galiza, legada de pais a fillos, que chegou ata nós logo de resistir as tentativas que o Estado, os Concellos e tamén algúns veciños aproveitados, fixeron para quedarse co que é de todos: o monte veciñal en man común. Un monte no que hai cabida para uns e para outros: os que queren plantar árbores, os que queren sementar cereal ou herbas aromáticas e os que queren producir a mellor carne do mundo co gando ceibo. E non podemos negar a soberanía dos seus comuneiros e comuneiras na Asemblea Xeral: eles decidirán a qué se debe dedicar o monte, repectando todas as opcións e a normativa vixente. Ou sexa, compatibilizando todos os usos e tendo en conta as tradicións de cada lugar.

·        Non podemos negar tampouco, que a gandeiría extensiva de vacún e a producción de carne ven de moi atrás en zonas importantes do Concello de Cerdedo (Quireza, mais tamén O Seixo), conformando unha fonte de riqueza e de futuro para moitas familias. E agora máis que nunca, posto que na Unión Europea a calidade da carne de vacún estase a vencellar en grande medida ao gando en liberdade. Polo tanto, é unha obriga de primeira orde para as Comunidades de Montes onde existe este tipo de gandeiría, asegurar a súa supervivencia e desenvolvemento. Porque hai sitio para todos.

·        Non podemos negar que tanto no colectivo dos gandeiros, como nas Comunidades de Montes, non todo é trigo limpo. Non todos enfocan a gandeiría como unha actividade de futuro, onde hai que asumir custos, respectar unha normativa e unha carga gandeira racional e esforzarse no coidado do gando e dos pastizais con vistas a unha mellor calidade do producto. Hai “gandeiros” que tan só pensan na subvención de trinta e tantas mil pesetas por cabeza, sen preocuparse de se hai moitas ou poucas reses, de se hai pasto para todas ou non, ou de se a Comunidade de Montes está de acordo con que todo o seu terreo estea aberto ao gando ceibo. Hainos tamén que se prestan a ser testaferros doutros aproveitados que viven na vila ou nas cidades….Estes gandeiros “de ocasión”, cuxa producción de carne deixa moito que desexar, son os que máis problemas causan tanto polo descontrol do seu gando, como pola súa negativa encirrada a procurar solucións que a todos satisfagan.

Tampouco todas as Comunidades de Montes están libres de culpa. Hainas onde o uso forestal vai arrombando progresivamente aos gandeiros-comuneiros, sen que o diálogo sexa o punto de encontro de uns e outros. Outras, ou ben pouco lles importan as prácticas aberrantes que son pan de cada día nos plantíos (subsolados nas ladeiras, eliminación da vexetación das ribeiras…), ou ben arréndanlle a NORFOR o seu monte por catro cadelas anuais para enchelo de eucaliptus, e quedarán co terreo queimado dentro de 30 ou 40 anos. ¿Qué lles van deixar aos que veñan detrás?.¿Non sería mellor arrendalo aos gandeiros da zona e así xenerar riqueza para todos?. ¿E qué dicir dos propietarios particulares que permiten a tala masiva de carballos e castiñeiros, base dunha posible producción de madeira de calidade e garantes dunha riqueza paisaxística e medioambiental que hoxe vale diñeiro, substituíndoos por eucaliptus miserentos que ano tras ano baixan de prezo, enchen o bosque de plagas, estragan prados e terras de cultivo e acaban coa auga de fontes e regueiros?.

Uns e outros, deberían pararse a pensar antes de botar pestes do veciño-gandeiro ou do veciño-forestal.

·        Non podemos negar que as bestas ceibas son unha tradición para moitos veciños do Concello de Cerdedo e que teñen efectos positivos para o monte pechado. Pero tampouco debemos negar que máis de 1500 bestas despendoladas entre as parroquias de San Martiño, Castro, Tomonde, Quireza, Sabucedo e Codeseda, teñen á forza que causar danos e provocar conflictos. Trátase, pois, de establecer un número de cabezas razonable.

·        Por último, non podemos negar que, en xeral, os problemas que causan as bestas son moito maiores que os producidos polo gando vacún, que, ademáis, ten que cumprir unha normativa moito máis estricta e está máis controlado. Compre, pois, deslindar as situacións, e non meter todo no mesmo saco.

 

 

Algunhas solucións.-

 

            Coa finalidade de aportar solucións a algúns destes problemas, demandamos da Xunta de Galiza que adopte as seguintes medidas no menor prazo de tempo:

    

            1º.- Eximir ás Comunidades de Montes da responsabilidade civil no caso de accidente producido pola presencia do gando mostrenco nos viais que discurran polo seu territorio, sempre e cando os propietarios non pertenzan á Comunidade e ista tivese denunciado previamente, e diante dos organismos competentes, o perigo que pode ocasionar o descontrol do gando en cuestión.

 

            2º.- A elaboración por parte da Xunta de Galiza dunha Lei reguladora de pastoreo de gando ceibo, que afecte cando menos o vacún e o cabalar, procurando compatibilizar os diversos usos do monte. Compre así mesmo que se faga respectar tanto a Lei de Montes, como os acordos adoptados polas Comunidades de Montes en Asembleas Xerais e tamén o réxime de propiedade privada; estes acordos serán sempre axustados ás leis vixentes. Polo tanto cada Comunidade ou propietario individual podrá determinar libremente se quere pastoreo extensivo ou non, e en que condicións.

 

            3º.- Que se obrigue a identificar, sanear (no caso das bestas, compre modificar a normativa actual para poder esixir o saneamento), rexistrar (mediante a confección dun listado de marcas) e inventariar todo o gando ceibo vacún e cabalar, dando en calquera caso un prazo suficiente de tempo e contando con que a Administración Autonómica subministre os medios precisos para poder levalo a cabo. Como primeira medida, se procederá á retirada de todo o gando mostrenco (vacún ou cabalar), en previsión dos danos que poida causar e da propagación de enfermidades ao resto da cabana gandeira, tanto extensiva como non extensiva. Para iso, os Concellos afectados darán públicamente mediante Bando un prazo non inferior a tres meses, para permitir que os propietarios procedan a retirar, marcar, sanear e rexistrar as cabezas en cuestión; pasado este prazo, a Administración procederá á retirada do gando mostrenco e actuará conforme á normativa vixente ([1]).

 

            4º.- Que até a entrada en vigor da devandita Lei, se regularice o pastoreo extensivo por parte das Consellerías de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e de Medioambiente, mediante convenio, ordenanza ou Plano Piloto alí onde as Comunidades de Montes o decidan, tendo en conta tanto as áreas de pastoreo a delimitar, como a carga gandeira a aplicar en cada caso. A devandita regularización deberá tomar en consideración os problemas antes enumerados e proceder, como primeira medida, de acordo co ponto 3º.

   

           5º.- Os Planos Piloto poderán extenderse a unha ou máis Comunidades de Montes, debido á mobilidade do gando mostrenco. No caso de interesar a máis de unha Comunidade, o Plano estará xestionado por un organismo composto por representantes da Administración Autonómica, as Comunidades de Montes  (ou Mancomunidades) implicadas e as Asociacións Gandeiras existentes na zona, puidendo ter cabida con voz e sen voto os Concellos e as Asociacións e Sindicatos Agrarios. Sen embargo, as decisións adoptadas para ser operativas terán que ser refrendadas polas Asembleas de Comuneiros en cuestión.

 

         6º.-  En calquera caso, o desenvolvemento do Plano deberá ser avaliado por unha Comisión de Seguimento integrada por todos os axentes implicados. Esta Comisión  terá, asemade, como cometidos mediar en calquera dos posibles conflictos que se presenten e informar aos organismos competentes da Administración Autonómica dos incumprimentos que se produzcan.

 

          7º.- O Plano Piloto atenderá, cando menos, aos seguintes elementos:

-         Infraestructura de xestión e defensa (pistas, puntos de auga…).

-         Reforestacións concibidas para ser compatibles co gando.

-         Tratamentos selvícolas axeitados (podas, desbroces, clareos…).

-         Cercados e pasos canadienses nas zonas de delimitación.

-         Infraestructura de manexo dos animais.

-         Infraestructura de servicio do gando (comedeiros, bebedeiros..).

-         Mellora dos pastizais.

-         Orzamentos e prezos de execución a cargo da Administración Autonómica.

 

         8º.- A aplicación desta ordenanza ou Plano Piloto, deberá contar cando menos coas medidas enumeradas a continuación:

                       

a)      Ás áreas de pastoreo delimitadas naquelas Comunidades que así o decidan, terán acceso os gandeiros en situación legal en canto ao censo do gando, saneamento  e rexistro de marcas, previa solicitude. Terán preferencia os gandeiros que sexan, así mesmo, comuneiros.

b)      Nas solicitudes de pastoreo, fara-se constar:

-         Identificación do propietario ou propietarios.

-         Prazo de permiso.

-         Censo preceptivo de gandeiros.

-         Censo preceptivo de gandos.

-         Libro de explotación con número e marca de cada res, así como xustificante de ter o gando saneado en todos os casos.

c)      O gando non poderá pastar fora dos lugares establecidos, e que así o faga, retiraráselle o permiso de pastoreo, sen prexuizo das sancións que así mesmo lle poideran ser de aplicación.

d)      Que tanto o cumprimento e control das condicións de pastoreo, como as posibles reforestacións na superficie afectada polo Plano Piloto,   sexan obxecto dun regulamento que compatibilice ambos usos e de  obrigado seguimento tanto por parte dos gandeiros como das Comunidades de Montes.

e)      Todos os gandeiros usuarios do pastoreo deberán te-lo gando ao seu nome. Así mesmo, estarán cubertos por unha póliza de responsabilidade civil que, contando coa axuda da Administración, faga frente a todos os danos que ocasione o gando, tanto no patrimonio particular dos veciños, coma no patrimonio da Comunidade e que cubra tamén os posibeis accidentes de calquera indole a terceiros (tanto materiais como persoais).

f)        Os gandeiros deberán cumprir puntualmente todos os convenios asinados e absterse de levar a cabo actuacións que non conten co consentimento das Comunidades de Montes ou propietarios individuais.

g)      Que nas zonas onde se aplique o Plano, convenio ou ordenanza de pastoreo, en caso de calquera incumprimento das partes implicadas, a Xunta de Galiza aplique as sancións administrativas ou económicas que correspondan co obxecto de facer cumprir as condicións acordadas.

h)      Compre artellar un procedemento áxil e rápido para cobro de indemnizacións no caso de danos causados polo gando ceibo tanto nos plantíos, como nos sembrados ou árbores frutais.

 

 

¿Cómo enfocar o problema?.-

            

                       Dende o BNG de Cerdedo non queremos dar leccións a ninguén de cómo debe enfrontar un conflicto que é complexo pero que, pensamos, require antes que nada recoñecer que a outra parte tamén defende intereses lexítimos. A partir de aí, entendemos que compre:

·        Practicar o diálogo e a racionalidade (“sentidiño” que dirían os vellos), antes que a procura da confrontación e o despilfarro da visceralidade. Abonda xa de ter que escoitar: “Isto o amaño eu en cinco minutos” e logo falar de bestas rebentadas a tiros de escopeta ou de escachar coa risa polo arraso que se lle fixo ao plantío de frondosas da Comunidade de Montes X ou Y. Os que así falan e actúan, non contribúen para nada a resolver o problema; polo contrario, radicalizan a cada máis os posicionamentos.

·        Potenciar o asociacionismo, no camiño dunha maior responsabilidade nas actuacións de cada quén, pero con unha condición: que sirva para arranxar os problemas, non como arma para atacar ao veciño. Dende ese punto de vista, benvidas sexan tanto as Asociacións de Gandeiros como a Mancomunidade de CCMM; ogallá que ninguén as utilice directa ou indirectamente como instrumentos de confrontación.

·        Ter vontade de chegar a acordos, satisfactorios para todas as partes. Queiramos que non, as Comunidades de Montes continuarán existindo e, se lles peta, plantando árbores e o gando ceibo permanecerá no monte de unha maneira ou de outra: porque as dúas son riquezas ás que non debemos renunciar xa que hai espacio dabondo. Logo, son dúas realidades que están condeadas a entenderse mediante a compatibilización de usos e a regulación do pastoreo extensivo. Honradamente, pensamos que deste xeito todos saen gañando, ou ¿qué persoa que viva da gandeiría extensiva (deixando a parte ao gandeiro “de ocasión” ou ao “testaferro”) non sairía beneficiada coa aplicación dun Plano Piloto como o que desenvolvemos no punto 7º?. E non nos estamos inventando nada, posto que na bisbarra do Barbanza xa se está aplicar algo semellante con bós resultados e o concurso da Mancomunidade de CCMM da zona e a Dirección Xeral de Montes.

·        Os poderes públicos (Xunta e Concellos, máis que nada) deben mollarse e deixar de mirar para outro lado. E o mesmo deben facer partidos políticos e outras organizacións sociais. É moi cómodo, e ata rendible electoralmente a  prazo curto, tomar a actitude do noso Alcalde: dicir a todos que sí, non enfrontarse con ninguén, e logo non facer nada de nada. ¡Nin tan sequera respostou á solicitude de apoio emitida polo Concello da Estrada, para realizar conxuntamente a retirada do gando mostrenco!. E, dende logo, tampouco atendeu á nosa petición de convocar a Comisión de Asuntos Sociais para publicar un Bando ao respecto. Pois ben, se mañá a cousa estoupa, acabaránselle os réditos electorais e entraremos no capítulo das responsabilidades políticas, por deixar que o problema apodrecera sen procurarlle solucións.

          Pola nosa banda, o BNG de Cerdedo, temos a conciencia ben tranquila: de mellor ou peor maneira enfrontamos a situación dando a cara dende o comezo, falando por igual con uns e outros, coñecendo as súas opinións e aportando o noso grao de area para atopar unha saída xusta a un dos problemas máis graves que hoxe ten o Concello.

 

                                                                                   Cerdedo, Xullo 2002   


[1] Ver páxinas 14 e 15 do “Documento de análise para a ordenación do gando ceibo”, Consellería de Medioambiente/Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. No caso das bestas mostrencas capturadas, se prevé un período de exposición pública de 15 días (cos gastos a cargo da Administración); pasado este prazo e se non existe ningunha reclamación, se procederá a pública subhasta .