NOTA DE PRENSA
As comunidades de montes
apoian o borrador da Lei de Montes de Galicia
A Xunta Rectora da Organización
Galega de Comunidades de Montes, na reunión celebrada o pasado sábado, realizou
unha valoración xeral positiva do borrador da Lei de Montes de Galicia, aínda
que lamenta que non se tiveran en conta unha gran parte das súas emendas.
Na citada reunión, a directiva dos comuneiros fixo unha valoración polo miúdo do resultado das súas alegacións ao anterior borrador da Lei de Montes de Galicia, que está próximo a ser remitido ao Parlamento Galego. Como parte positiva destaca o reforzo do concepto xermánico do monte, que consolida un tipo de propiedade singular diferente da pública e da particular, e que se reflicte en tres artigos.
A situación de abandono do monte e os modelos de xestión neste caso constituíu outro dos puntos polémicos. A ORGACCMM admite que nos casos de incumprimento por unha comunidade das súas obrigas legais e de coidado do monte comunal, a Administración debe facerse cargo do monte e poderá ceder a xestión a outro organismo durante un tempo para reactivar a comunidade. Pero nos casos de abandono do monte por desaparición da poboación rural, a Consellería soamente xestionará o monte durante o período de ausencia de poboación e, no caso de restablecemento da comunidade veciñal, cedera a ésta a xestión do monte, establecendo unha etapa de transición na que a xestión será compartida. A Consellería de Medio Rural aceptou esta alegación.
A Organización das comunidades tamén valora en positivo os cambios producidos na composición do Xurado Galego de Clasificación de Montes Veciñais, cunha composición na que a representación dos técnicos da administración e dos vocais das comunidades de montes seguirá sendo provincial, participando estes nos expedientes que afecten a cada provincia, e quedando eliminados os representantes dos concellos, como pretendía a Xunta de Galicia.
Cuestión de fondo ao que a Xunta Rectora das Comunidades de Montes concede a máxima importancia é o recoñecemento da capacidade xurídica ás comunidades de montes sen dotalas de personalidade xurídica. É esta unha vella defensa que a ORGACCMM vén mantendo, fronte aos que pretenden dotar ás comunidades de montes de personalidade xurídica, como camiño para converter esta propiedade en privada plena e, xa que logo, ás comunidades en empresas. As teses dos comuneiros xa foran defendidas e refrendadas polo III Congreso de Dereito Galego celebrado na Coruña en 2002 e pola Lei de Dereito Civil de Galicia de 2005, pero novamente fortes intereses financeiros e especulativos queren aproveitar a oportunidade da redacción desta Lei para de novo tentar desnaturalizar a figura do monte veciñal como propiedade singular de Galicia. Pero a Consellería tamén aceptou as razóns das comunidades de montes e ésta é outra das razóns polas que a ORGACCMM apoia este derradeiro borrador da Lei.
Outras alegacións non aceptadas, como a eliminación da identificación dos termos “monte” e “forestal” ou o establecemento da propiedade veciñal como unha terceira forma de propiedade, a medio camiño entre a pública e a privada, conta a ORGACCMM de poder acadalas durante o período de tramitación parlamentaria, que parece estar próximo.
A xunta
rectora.