Asociación Pola Defensa da Ría
apdr@apdr.info
www.apdr.info
Benito Andrade González, co D.I.: 35256847 D e enderezo a nivel de notificación
na Rúa
Eduardo Pondal, 39, 1ºH, C.P. 36003 de Pontevedra, como membro da Asociación
Pola Defensa
da Ría e no nome de dita asociación; despois de analizar o contido do Borrador
da Lei de
Montes de Galicia, desexa realizar as seguintes consideracións e alegacións:
1. INTRODUCIÓN
A elaboración dunha lei galega de montes pode ser unha valiosa oportunidade para
deter a
acelerada degradación que se está a producir nos montes de Galicia e iniciar a
recuperación e restauración do monte como fonte de beneficios para a sociedade,
a través
do fomento e regulación dos seus múltiples usos e servizos.
A mala xestión que teñen sufrido os nosos montes ten conducido a unha pendente
de
degradación que se manifesta nunha acelerada perda dos seus valores ambientais,
económicos e sociais. A regresión ecolóxica, a perda de solos por degradación e
erosión,
a redución da produtividade, a diminución da superficie forestal e a mala
percepción social
son síntomas dun estatus que é necesario reverter; a elaboración dunha norma que
regule
o estatus dos montes debería ter como obxectivo esta reversión.
Pero o Borrador da Lei de Montes de Galicia non recolle as necesidades dunha
normativa que
permita frear a degradación, máis ben ao contrario, tralo articulado, pódese
apreciar unha
aposta por un modelo produtivista aberto ao intensivismo, á privatización, ás
malas
prácticas e xa que logo á degradación de solos, sucesións ecolóxicas e sistemas;
a norma
deixa de lado a protección e aposta por un modelo insostible que pode
proporcionar
beneficios á iniciativa privada a curto prazo pero que hipoteca o futuro dos
montes.
2. UNHA NORMA INEFICIENTE
A eficacia da lei galega de montes dependerá da súa aplicabilidade real segundo
sexa un
instrumento que regule á xestión e ordenación do monte. Neste sentido a norma
debe ser
clara e concisa en cada un dos aspectos regulados de tal modo que sexa un
instrumento
útil en si mesmo, cun corpo normativo que oriente a xestión forestal sen
necesidade de
depender en exceso de posteriores regulamentos ou aberto a interpretacións que
quebranten os principios que a fundamentan.
Aínda que a lei mellorará a súa aplicabilidade coa concreción posterior dos
procedementos que
se contemplan na mesma, a propia norma debe contar cos elementos que permitan
aplicala inmediatamente sen a necesidade de agardar a esas futuras concrecións.
A lei
debe conter os elementos básicos que permitan aplicar dende o principio as
medidas de
protección a través do establecemento e a atribución das figuras de protección.
Así, os procedementos de catalogación, clasificación, declaración, afectación e
desafectación e
de elaboración de plans, deben estar regulamentados pola norma xa que solo así
esta
poderá aplicarse esta de forma eficaz dende o momento da súa aprobación. Sen
embargo
a referencia a continua regulacións posteriores en aspectos esenciais do
articulado
converterían á lei, de aprobarse tal e como se presenta no borrador, nun
elemento
ineficiente en si mesmo, totalmente dependente de regulamentacións posteriores.
É
necesario que a lei estableza de partida cun certo grado de concreción todo o
relativo á
posta en marcha de procedementos de actuación e tramitación, ás condicións nas
que se
realizan determinadas actuacións e aos innumerables de aspectos que quedan
pendentes
de regulamentación posterior.
Un aspecto importante no relativo a utilidade da norma e a súa aplicación é a
claridade con que
se establecen os conceptos e definicións e algúns deles deben estar claramente
concretados, o concepto de sistema natural como sistema correspondente en
estrutura e
composición ás diferentes etapas das sucesións ecolóxicas que se dan nas
distintas zonas
de Galicia debe diferenciarse con claridade dos sistemas artificiais, cultivos,
nos que están
presentes especies que non corresponden a ningunha das etapas de sucesión
ecolóxica
natural. O concepto de Biomasa forestal primaria estimula á instalación de
cultivos
enerxéticos de exóticas que están a provocar graves danos sociais e ambientais
en todo o
mundo. A inclusión da definición de Certificación forestal abre o camiño ao
recoñecemento
de certificados que están amosando non ser máis que sistemas fraudulentos ao
servizo de
empresas que ocultan a peor xestión forestal tras falsos selos verdes. Están sen
embargo
sen definir nin concretar en todo o texto as características das malas prácticas
forestais
que están a provocar danos ao solo e aos sistemas naturais forestais.
3. UNHA LEI POUCO ABERTA Á PARTICIPACIÓN PÚBLICA
A participación pública na toma de decisións medioambientais e o acceso dos
cidadáns á
información en materia de medio ambiente, son unha peza fundamental do noso
dereito e
están, é certo, recollidas na nosa lexislación, sen embargo comprobados os
beneficios
desta participación é necesario fomentala establecendo, nas normas de claro
contido
medioambiental, as canles que favorezan e estimulen esta participación.
Ademais da participación dos individuos, debe fomentarse a participación das
asociacións e
grupos de público en xeral ou daqueles sectores interesados, en particular das
organizacións que traballan pola protección do medio ambiente. Neste sentido, a
lei de
montes debe especificamente garantir a participación do movemento ecoloxista, a
través
das súas organizacións, nas tomas de decisións relativas á xestión dos montes e
debe
prever as vías para atender ás súas iniciativas e as da cidadanía en xeral de
tal modo que
se regule o seu papel no inicio de procedementos e na súa tramitación, así como
a
participación na elaboración dos diferentes instrumentos de xestión forestal e
na toma de
decisións que teñen consecuencias para o medio ambiente.
Explicitamente a lei debería incluír, de forma regulada, aos grupos do movemento
ecoloxista e a
outros colectivos sociais interesados como axentes participantes nos procesos de
catalogación de montes. A lei, tal e como figura no borrador, non contempla a
posibilidade
de participación pública nos procedementos de declaración de utilidade pública,
nin
solicitando o inicio dun procedemento de declaración, nin alegando e
participando no
mesmo e o mesmo ocorre cos procedementos de catalogación de montes protectores e
cos de especial protección autonómica, procedementos que se contemplan nos
artigos 14,
32 e 33.
4. NON SE PROTEXEN NIN RESTAURAN AS SUCESIÓNS ECOLÓXICAS NIN SE GARANTE
A CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE
A degradación ten provocado, en zonas de risco especialmente sensibles, a
regresión, nos
casos máis graves, ata etapas pioneiras de sucesión ecolóxica. A lei de montes
debería
establecer medidas eficaces para deter esta regresión e favorecer a evolución
das
sucesións sobre todo alí onde a degradación é máis notoria.
É claro que os incendios forestais están a ser a causa primeira da dramática e
acelerada perda
de solos por erosión, pero existen de todos modos algúns outros elementos que de
forma
evidente están a disparar tamén procesos erosivos de menor entidade pero que
sumados
son causa dunha lenta pero continua e paulatina perda do recurso. Evitar os
danos
asociados as malas prácticas forestais debería ser un dos obxectivos da lei de
montes que
deste modo debe evitar os disturbios mecánicos asociados á construción de pistas
e á
introdución de maquinaria pesada nos montes e a degradación química e biolóxica
que
implica o uso abusivo de agroquímicos.
A figura de montes protectores debe recoller todos os sistemas nos que aparecen
formacións
correspondentes a etapas de sucesións ecolóxicas naturais incluídas as máis
primarias e,
especificamente, montes nos que aparecen as formacións da lista da Directiva
Hábitats.
Deben incluírse tamén aquelas áreas de monte que pola súa pendente non poderían
ser
sometidas a explotación sen risco de erosión e as formacións de fondo de val
polo seu
papel no mantemento dos ecosistemas fluviais e dos recursos hídricos.
5. NON SE GARANTEN OS BENEFICIOS SOSTIDOS DO MONTE
A norma debe buscar a conservación e mellora dos beneficios que o monte
proporciona aos
sistemas naturais e xa que logo á sociedade. A conservación dos recursos
hídricos é unha
das funcións básicas dos sistemas forestais a través da función protectora dos
cursos por
medio dos bosques de fondo de vale, pero ademais a vexetación forestal regula a
infiltración e a escorrentía evitando os caudais punta de risco, son a base
enerxética das
pirámides tróficas fluviais e constitúen un elemento esencial á hora de
preservar o ciclo de
auga e regular a auga como recurso na cantidade e coa calidade que a
necesitamos.
Por outra banda, o solo é un recurso non renovable e cada gramo de solo que se
perde, pérdese
definitivamente minorando a súa capacidade para soportar vexetación. A perda de
solos
tradúcese nunha regresión do sistema, nunha perda de biodiversidade, de biomasa
acumulada, de nutrientes minerais e, en definitiva, de capacidade de produción.
As malas
prácticas forestais teñen provocado a perda irreversible nos últimos anos de
centos de
miles de toneladas de solo e xa que logo a conservación é fundamental de cara a
manter
ou minimizar as perdas no substrato dos nosos montes. A lei de montes de Galicia
debe
prohibir e sancionar as malas prácticas forestais que provocan alteracións no
solo que ou
ben o deixan exposto á erosión ou ben o alteran compactándoo; a prohibición
expresa de
certas técnicas agresivas de subsolado, da introdución de maquinaria pesada nos
nosos
montes e a construción de vías que impliquen disturbios mecánicos é esencial
para evitar
a sangría que destrúe e seguirá a destruír os horizontes edáficos.
A progresión das sucesións ecolóxicas precisa do mantemento dos recursos
alimenticios para os
organismos presentes no monte; faise necesario conservar estes recursos de cara
a
manter as sucesións e polo tanto ordenar as actividades extractivas de modo que
se
manteña o sistema.
6. PERMITE AS MALAS PRÁCTICAS NO TRABALLO FORESTAL
A mala xestión forestal está a ser a causa da rápida degradación dos sistemas
forestais e da
escasa rendibilidade do monte; a expansión dos monocultivos de especies
invasivas de
crecemento rápido en réxime intensivista, con técnicas de traballo fortemente
agresivas
para o solo e a vexetación como a utilización masiva de agrotóxicos e a
utilización de
maquinaria pesada, a introdución de pragas, as políticas de derrube de prezos, o
abandono do monte como consecuencia do seu empobrecemento e outras malas
prácticas de xestión están entre as causas dos problemas ambientais e sociais
que
padece o monte en Galicia e que a nova lei debería resolver e non resolve. A lei
debe
neste sentido promover e facilitar as boas prácticas aplicando procedementos
sancionadores e de expropiación forzosa no caso de que se aprecie que, como
consecuencia da mala xestión nun monte se produza erosión de solos, perda de
biodiversidade ou regresión da sucesión ecolóxica. De acordo co Borrador, está
autorizada
a utilización das técnicas de traballo máis agresivas como a introdución de
maquinaria
pesada no monte, o uso e abuso de agrotóxicos e todo tipo de prácticas de
xestión que
están detrás dos problemas actuais máis graves do noso monte.
Parece claro que unha lei que pretende eliminar os aspectos máis negativos da
xestión que se
ten vido realizando polo de agora, debe promover todas aquelas actividades
xeneradoras
e conservadoras da capacidade produtiva do monte, dos seus usos e dos seus
servizos. A
erradicación de especies invasivas exóticas como eucaliptos e mimosas faise
necesaria
para o control das sucesións, dos incendios forestais e da erosión. O cultivo de
especies
exóticas perigosas debe ser restrinxido a pequenas áreas cunhas medidas extremas
de
control.
7. UNHA PORTA ABERTA Á DESERTIFICACIÓN
A desertificación e as súas consecuencias de degradación ambiental, perda de
recursos e
xeración de risco de inundación está a avanzar en Galicia; a perda de solo e, xa
que logo,
de capacidade produtiva, non cesa de medrar e a regresión nas sucesións
ecolóxicas
asociada a prácticas forestais pouco axeitadas é un feito cotiá. A loita contra
a
desertificación precisa de elementos normativos dos que carece a lei que, lonxe
de
protexer, inclúe aspectos que máis ben parecen regular a degradación e a perda
de
superficie forestal. Así a lei non pon coto á privatización do monte para
empresas
dedicadas ao monocultivo intensivista, a construción e ampliación de pistas e
infraestruturas, ao uso e abuso de agroquímicos, á mecanización con maquinaria
pesada
nin aos monocultivos de especies exóticas.
Xa que logo, á vista das alegacións realizadas, solicítolle,
Que sexan tidas en conta de cara á realización das necesarias modificacións que
permitan atender aos principios da lei recollidos no seu Artigo 2.
Que se abra un proceso de participación no que se recollan as aportacións dos
sectores interesados na xestión forestal e na defensa do medio ambiente; e que
se
inclúa á Asociación Pola Defensa da Ría entre os interlocutores interesados.
Pontevedra, 10 de maio de 2008
Asdo.: Benito Andrade, da APDR