NOTA DE PRENSA DA ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA
A APDR VEN DE PRESENTAR ALEGACIÓNS AO BORRADOR DA NOVA LEI DE
MONTES DE GALICIA
A Consellería do Medio Rural elaborou e fixo chegar aos sectores interesados
na xestión forestal o Borrador da Lei de Montes de Galicia para que estes
fixeran os seus comentarios e alegacións.
Despois de analizar o contido do borrador, a Asociación Pola Defensa da Ría ven
de enviar á
Consellería do Medio Rural as súas alegacións, solicitando modificacións no
texto que permitan que a lei sexa un instrumento eficaz de cara a deter a
acelerada degradación que están a sufrir os nosos montes.
Dende a APDR queremos amosar o noso acordo cos principios que inspiran o texto e
con multitude de aspectos positivos que este contén como o que establece, de
cara á conservación da diversidade xenética das especies forestais, o fomento da
educación e a divulgación co obxecto de concienciar sobre a importancia dos
montes, ou o fomento dos montes ordenados co obxectivo da fixación de CO2 e a
protección dos solos.
Para a APDR, a elaboración dunha lei galega de montes é unha valiosa
oportunidade para deter a acelerada degradación que se está a producir nos
sistemas forestais de Galicia e iniciar a
recuperación e restauración dos mesmos como fonte de beneficios para a
sociedade, unha
oportunidade que non se debe desperdiciar nunha situación de rápida perda de
superficie forestal en moitas zonas do noso país e máis baixo a ameaza do cambio
climático. A mala xestión que teñen sufrido os nosos montes ten conducido a unha
pendente de degradación que se manifesta nunha acelerada perda dos seus valores
ambientais, económicos e sociais. É necesario reverter a regresión ecolóxica, a
perda de solos por degradación e erosión, a redución da produtividade, a
diminución da superficie forestal e a mala percepción social do monte.
Pero a Lei de Montes de Galicia, tal e como figura no borrador, non parece que
poda acadar estes obxectivos, máis ben ao contrario, tralo articulado, pódese
apreciar unha aposta por un modelo produtivista aberto ao intensivismo, á
privatización, ás malas prácticas e xa que logo á continuidade na degradación de
solos, sucesións ecolóxicas e sistemas forestais; a norma deixa de lado a
protección e aposta por un modelo insostible que pode proporcionar beneficios á
iniciativa privada a curto prazo pero que hipoteca o futuro do monte.
O Borrador da Lei de Montes de Galicia propón unha norma de difícil
aplicabilidade, sendo inútil mentres non se regulamenten un gran número dos
aspectos que normativiza e mentres non se elaboren os instrumentos de xestión
comezando polo Plan Forestal de Galicia; en tanto isto non ocorra, a lei é un
documento estéril. Para a APDR a propia lei debe conter os elementos básicos que
permitan aplicar dende o principio as medidas de protección de solos e da
diversidade para evitar dende a publicación da norma as prácticas máis
destrutivas.
Doutra cara, a lei non regula a participación pública nos procedememtos que
contempla nin na toma de decisións relacionadas co monte e co medio ambiente. Os
beneficios da participación pública sentan doutrina xurídica básica a nivel
europeo e estatal na lexislación relacionada co medio ambiente, pero a nova lei
de montes, polo contrario, non establece as canles para esta participación da
cidadanía en asuntos ambientais. A APDR solicita neste sentido que se inclúan na
lei vías definidas para a participación cidadá en xeral e dos grupos de defensa
ambiental en particular.
No relativo ás condicións ambientais e de produtividade do monte, evitar os
danos asociados as malas prácticas forestais debería ser un dos obxectivos da
lei, deste modo deberían evitarse os disturbios mecánicos asociados á
construción de pistas e á introdución de maquinaria pesada nos montes e a
degradación química e biolóxica que implica o uso abusivo de agroquímicos. Sen
embargo, de acordo co Borrador, está autorizada a utilización das técnicas de
traballo máis agresivas como a introdución de maquinaria pesada no monte, o uso
e abuso de agrotóxicos e todo tipo de malas prácticas de xestión que están
detrás dos problemas actuais máis graves do noso monte. A lei debería neste
sentido promover e facilitar as boas prácticas aplicando procedementos
sancionadores e de expropiación forzosa no caso de que se aprecie que, como
consecuencia da mala xestión nun monte, se produza erosión de solos, perda de
biodiversidade ou regresión da sucesión ecolóxica.
A figura de montes protectores, que establece a lei dentro dos seus obxectivos
de protección de solo, biodiversidade e recursos hídricos, debería recoller
todos os sistemas nos que aparecen formacións correspondentes a etapas de
sucesións ecolóxicas naturais incluídas as máis primarias e, especificamente,
montes nos que aparecen as formacións da lista da Directiva Hábitats. Deben
incluírse tamén aquelas áreas de monte que pola súa pendente non poderían ser
sometidas a explotación sen risco de erosión e as formacións de fondo de val
polo seu papel no mantemento dos ecosistemas fluviais e dos recursos hídricos.
Neste sentido a lei non deixa claro en que medida se van protexer os valores
esenciais do noso monte e os usos e recursos a eles asociados.
Así a lei tampouco pon coto, máis ben a fomenta, á privatización do monte para
empresas dedicadas ao monocultivo intensivista de especies xeradoras de
combustible que favorecen a expansión dos incendios forestais. Tampouco se frea
á futura expansión de cultivos enerxéticos, de especies que poderían ser materia
prima para a elaboración de biocombustibles, e que están resultando moi
degradantes nos países do sur.
En definitiva, o Borrador da Lei de Montes de Galicia, ofrece unha norma
esperanzadora na súa filosofía, nos seus principios e nos seus obxectivos pero
carece dun articulado que permita acadar o que se propón e xa que logo non será
útil para frear a degradación irreversible que pesa sobre a superficie forestal
de Galicia; a APDR ven de solicitar á Dirección Xeral de Montes que faga no
texto as reformas necesarias para, dándolle contido, convertela nunha ferramenta
eficaz de cara a conseguir un monte ben conservado, diverso, seguro e útil ao
servizo da sociedade. Tamén ten solicitado que se permita á Asociación
participar nun proceso aberto que recolla as aportacións de sectores sociais
interesados na xestión do monte de cara á elaboración da definitiva lei.
Pontevedra, martes, 13 de maio de 2008
Pola Asociación Pola Defensa da Ría, Benito Andrade