Onte venres 25 de abril a Asociación de Amigos do Monte Veciñal celebrou unha Asemblea de Socios co obxecto de abordar o borrador da lei de montes de Galicia.

No debate do contido da lei considerouse un retroceso abordar os montes veciñais e a súa regulamentación no marco dunha lei sectorial do aproveitamento forestal, na consideración de que o monte veciñal transcende ao seu aproveitamento e debe ser tratado de forma independente como un elemento singular da cultura galega e do noso patrimonio material e inmaterial.

Por outra banda, entrando no desenvolvemento da lei, esta introduce rebaixas na protección dos montes veciñais fronte agresións externas de xeito que se antes tiñan o réxime de protección dos montes públicos agora se lles pasa á consideración de montes privados polo que a tutela administrativa sobre eles queda unicamente regulamentada para o caso do abandono mais non para a defensa da integridade do monte veciñal.

A regulamentación que se fai agora do grave abandono, inda que máis detallada que na lei 13/89 de montes veciñais en man común de Galicia, non acaba de estabelecer indicadores precisos, sendo un acto potestativo da administración sen sequera establecer un procedemento para escoitar á comunidade de montes. Deste xeito ábrese a porta a un alleamento dos montes xa que poderán concederse para o seu aproveitamento privado por un período de tempo tan longo coma a quenda de aproveitamento da especia máis lonxeva, é dicir, podemos estar a falar de privar á comunidade veciñal de recuperar o seu monte en períodos de 100 ou 200 anos.

A administración forestal parece recoñecer con este borrador de lei a súa incapacidade de xestión da protección dos montes veciñais e crea un instrumento para quitarse de enriba este compromiso.

A Asociación de Amigos do Monte Veciñal (AMIVE) constituíuse en Vigo no ano 2005 e ten por finalidade a defensa e recoñecemento público da figura do Monte veciñal e das Comunidades de Montes.

 

Máis información: Claudio Quintillán ou Laura Nieto 629 873 172.