Na
arrancada do ano,
Por
Xesús López Fernández
O 2005 arranca (ou non arranca) con avisos que fan telumbrar un período
de fortes crispaciós. O “tsunami” (palabra xaponesa: tsu, bahía; nami, vagallón)
de Indonesia foi como unha especie de
rúbrica que a Terra quixo poñer á serie de despropósitos dos homes da
guerra, que levan tempo a sementaren miserias e morte. ¿Armas de destrucción
masiva?. Pois aí témo-la mostra: mortos incontables e illas desaparecidas nunha
demostración de forza equivalente á enerxía de 32.000 bombas atómicas como a de
Hiroshima, algo que convén non esquecer e facérmonos solidarios cos
desamparados, espallar na medida do posible os documentos dese desgarro que a
Terra, aínda nova polo que se ve, pode reiterar cando se lle ocurra, sen
apelación posible. Pero parece que o home, que tanto fala de recupera-la memoria
histórica, pode esquecer acontecementos como o do gran “tsunami” e outras
catástrofes aínda recentes: Azores, Agadir, Lisboa, Krakatoa....etc. Mais á nosa
clase pública preocúpanlle máis ben outros posibles terremotos: os que poidan
coincidir co tempo electoral que ven, coas autonómicas, obviando xa a votación
do 20F en relación coa Constitución europea.
Algunha das últimas noticias serven pra evidenciaren que hai nerviosismo
na tropa política, que algúns tentan salva-los mobles por si se dése un improblable “tsunami”
electoral, porque a verdade non parece que nengún grupo estea a facer méritos,
alén dun progresismo de camelo que é máis ben unha especie de fascismo sen
correaxe, populismo barato según definía Agapito Maestre en “El ruído de la
calle”, en Libertad digital. Pero os medos están vivos detrás do discurso e a
CIG descobreu a presunta trampa. Os medios do 7.1.2005 daban a nova da súa
denuncia ante o Defensor del Pueblo, a petición de recurso ante o T.
Constitucional, porque a Lei de Presupostos de Galicia prevé que os altos cargos
de organismos públicos cobren unha indemnización no momento do seu cese, según
Europa Press. E apunta CIG que o que tenta face-lo PP é blindar a esos
directivos no caso de perderen as elecciós. O sindicato vai recurrir tamén o
complemento de persoal incluído na lei, polo que o conselleiro de Economía pode
retribuir libremente a cantos considere altos cargos. E a cousa non acaba aí,
senon que a Xunta quere equiparar tamén ós delegados de consellerías adscriptos
a unha provincia ou territorio determinado, en ingresos, como se tivesen a
categoría de subdirector xeral, cando na maior parte dos casos non son
funcionarios de carreira.
Outra das cousas raras que traen
un certo cheiro a xofre neste comezo de ano é a nova Lei 15/2004, do 29 de
decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que
modifica a Lei 9/2002 do 30 de decembro. Son cousas que non se entenden, como
unha especie de actuación con nocturnidade e alevosía. Leis nacidas nos remates
de dous anos, sen que tivese trascendido un verdadeiro debate nen a actitude de
censura ou moderación de certos colectivos. É decir, fanse as leis pra, á volta
de dous anos, modificalas. Confío en que han xurdir denuncias e comentarios á
mesma, que mesmo nos poidamos referir a algún que outro dos aspectos negativos
da lei, que vai entrar en vigor ós vinte días da súa promulgación no DOG se
alguén non o remedia. Parece que non estamos a falar de transparencia e que,
ademáis, en nengún momento se dou ó país a necesaria información. E se houbo
debate político, pasou desapercibido. É evidente unha certa falta de escrúpulos
neste como en outros asuntos. ¡Se ata parece que o Plan Galicia non existe máis
alá das fantasías e discursos duns e dos outros!.
A ver se algún día nos explican o por qué de certas
fidelidades e sumisiós ó poder económico, algo do que non parece nos vaian sacar
Touriño e Narbona. Por eso traio aquí o escándalo que tratou Intervíu, no seu n. 1495 do 20.12.2004, de cómo a
Xunta está a permiti-la instalación de piscifactorías en santuarios da nosa
costa. No mes de setembro pasado, Fraga inauguraba unha granxa de rodaballos
construída en cabo Vilán, espacio protexido pola UE, ó tempo que a mostraba como
nova fachada marítima. A granxa, a máis grande do mundo, é propiedade da
multinacional Stolt Sea Farm, que foi subvencionada pola Xunta con 8,4 millós de
euros, coa agravante de que os vellos propietarios, baixo ameaza de expropiación
ou con afirmaciós de que os terreos non valían nada acabaron vendendo, nun caso
conocido, 20.100 metros cuadrados por 20.100€. Coaccionados. I eso está
acontecendo noutros lugares. ¿Por qué non se concede apoio institucional á
pesca, ó marisqueo e ó turismo? Mellor leé-la reportaxe, na que se evidencia un
certo efecto “tsunami” sobre o patrimonio natural e a economía dos desherdados,
comidos polo Peixe Gordo que acariña a Xunta. Miseria e traición.