Xoves
15.12.2005Lei de montes propia en contra dos lumes |
| Axencias . Santiago |
| Galicia contará cunha lei de montes propia na
que se apostará pola ordenación do territorio e pola reforestación con
especies autóctonas e frondosas (castiñeiros e carballos) para obter unha
madeira de calidade, co que se pretende non só valorizar o patrimonio
forestal galego senón incidir na diminución dos incendios, xa que se trata
de tipos arbóreos con dificultade de combustión. Así llo anunciou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, ó Consello Forestal de Galicia ó que lle adiantou as "liñas mestras" de actuación para 2006 en materia de política forestal do departamento que dirixe. Deste modo, a primeira medida será que Galicia conte cunha lei de monte propia. Suárez Canal lembrou que a única normativa de rango legal sobre a política forestal é a de montes comunais e "en certos aspectos está desfasada e haberá que modificala". Con esta nova normativa preténdese a posta en valor do patrimonio forestal galego con plantacións de calidade e investigacións de xenética forestal. "No monte galego hai sitio para todas as especies pero debe haber unha presenza grande de frondosas e autóctonas", avogou Suárez Canal, quen destacou que estas cumpren unha función de loita contra os lumes, xa que contan con máis dificultade de combustión. Ademais, Medio Rural porá en marcha "de inmediato" proxectos pilotos de ordenación do monte. Suárez Canal explicou que se trata de actuacións por parte da Xunta co obxecto de que sirvan de "motor" para "tirar de proxectos ós que se sumen comunidades de montes e a iniciativa privada". Así, entre xaneiro e febreiro do 2006 producirase unha reordenación que abranguerá o ámbito comarcal. Menor presenza da Xunta no Consello Suárez Canal anunciou, durante a reunión do Consello Forestal Galego, unha redución do número de representantes da Administración autonómica neste. O novo Consello vai reducir a presenza de vocais da Administración autonómica, dado que agora conta con dezaseis membros "para facela máis operativa", declarou Suárez. "Fixemos partícipe o Consello das grandes liñas que pretendemos levar adiante sobre política forestal que estamos a deseñar na Consellería de Medio Rural", afirmou o conselleiro. O conselleiro nacionalista manifestou durante a reunión do Consello que a Xunta de Galicia pretende que a política forestal teña no futuro un sentido amplo para a posta en valor da cadea monte/industria. |