Xunta
de Galicia
Consellería
de Medio Ambiente
Dirección
Xeral de Montes e Industrias Forestais
Sr.
Director de Montes e Industrias Forestais.
D. Tomás Fernandez –Couto Juanas
COMENTARIOS
XERAIS:
A Consellería de Medio Ambiente elaborou e sacou a luz pública o 13 de maio de 2004 o Anteproxecto da Lei de Montes a aplicar en Galicia. Feito que se produce despois da aprobación definitiva polo Congreso dos Deputados (6 de novembro de 2003) da Lei de Montes estatal.
Ata agora tivemos como norma para a conservación, mellora e aproveitamento dos espacios forestais a Lei de Montes de 1957, case medio século coa mesma lei polo que, dende CC.OO. de Galicia consideramos que: o prazo establecido para recoller as observacións e alegacións que poidan realizar as organizacións e entidades representativas do sector é un período de participación pública notoriamente insuficiente. Insuficiente porque un borrador de lei de tanto calado e complexidade obriga a moitas das organizacións consultadas a uns ritmos de debate sobre os seus contidos excesivamente breves. É insuficiente, tamén, se o pomos en relación cos anos que se tardou en elaborar a lei, lei demandada longamente polos axentes sociais. Tampouco se garante a participación social, eixo básico da política medioambiental actual da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia, por falla de tempo non se pode realizar unha análise rigorosa dunha lei tan importante para Galicia. Realmente non é doado entender a que responden estas presas por parte da Administración Autonómica.
Este anteproxecto apenas considera aspectos relativos a sustentabilidade dos espacios e ecosistemas forestais e a conservación da natureza. É unha Lei enfocada principalmente a un simple aproveitamento económico dos montes, non aparecendo unha soa referencia a ecosistemas boscosos tradicionalmente explotados polo ser humano en Galicia como poden ser os soutos, de gran valor económico, cultural e etnográfico. Tampouco se integran os conceptos de bosques maduros ou bosques singulares.
É unha Lei cun enfoque que dominou o último século, mais agora os espacios forestais cumpren outras moitas funcións que os exclusivamente madeireiros e, sobre todo, o enfoque de conservación da natureza e de mantemento da biodiversidade debe de facerse visible e penetrar en tódolos capítulos desta nova Lei. Poderíase resumir que
esta Lei tiña que chamarse “Lei Forestal e de Conservación da Natureza”, adaptándose ás peculiaridades do territorio galego e complementándose coa lexislación medioambiental xa existente.
É unha Lei que pasa de esguello e non fai referencia nin se ten en consideración outros usos característicos dos ecosistemas forestais tales como a caza e a pesca, os usos recreativos, turísticos, deportivos ou os valores paisaxísticos. Non se apoia con igual intensidade os usos sociais e recreativos, nin os beneficios que os montes aportan ó conxunto da sociedade rural e urbana que certos incentivos económicos para determinados propietarios.
Consideramos que se debe de engadir neste apartado tal e como aparece recollido na Lei 43/2003 dous puntos.
Engadir un apartado:
Art. 1.3.
Non se debe de facer distinción entre monte e terreo forestal, consideramos que esto crea equívocos, aplicable aos puntos 2,3,4,5 e resto de artigos da Lei. Parécenos suficiente que se poña no texto MONTE.
A Lei de Montes 43/2003 non fai distinción entre monte e terreo forestal.
Art. 3.
Engadir no apartado E:
...os montes veciñais en man común tal e como os define a súa propia lexislación con independencia dos seus usos e aproveitamentos.
Engadir no apartado G:
A efectiva participación dos axentes sociais nas decisións...dos que habitan o medio rural e as organizacións políticas, organizacións sindicais, organizacións medioambientais, organizacións empresariais, potenciando...
Consideramos que se deben de modificar e ampliar definicións:
Debe de utilizar o termo Ecosistema Forestal, como concepto que engloba ós distintos elementos que configuran o monte e bosque:
Ecosistema Forestal: todo o relativo ao monte no que respecta aos seus aproveitamentos de especies arbóreas, matogueiras ou herbáceas que non sexan características de forma exclusiva do cultivo agrícola. (Art. 6.b da Lei 43/2003). Ampliaríamos a definición engadindo: a súa importancia para a regulación dos recursos hídricos, captador de CO2, protección da biodiversidade, do solo, a relevancia de súa función socioeconómica, cultural e recreativa.
Plan de aproveitamento: documento que describe o obxecto do aproveitamento e especifica a organización e medios a empregar, incluídas as extraccións e sacas e, no seu caso, as medidas para garantir a sustentabilidade acorde coas prácticas de boa xestión recollidas nas normativas medioambientais e nas directrices do PORF. (Lei 43/2003).
Certificación forestal: procedemento voluntario polo que unha terceira parte independente proporciona unha garantía escrita tanto de que a xestión forestal é conforme con criterios de sustentabilidade como que se realiza un seguimento fiable dende a orixe dos productos forestais. (Lei 43/2003).
Axente forestal/Axente Medioambiental: axente da autoridade pertencente a Administración Especial da Xunta de Galicia que, acordo con súa propia normativa e con independencia da denominación corporativa especifica, ten encomendadas, entre outras funcións, as de policía e custodia dos bens xurídicos de natureza forestal. (Lei 43/2003).
TÍTULO II: CLASIFICACIÓN E RÉXIME XURÍDICO DOS MONTES. A PROPIEDADE FORESTAL.
Os montes veciñais en man común teñen natureza especial derivada da súa propiedade en común suxeita as limitacións de indivisibilidade, inalienabilidade, imprescritibilidade e inenbargabilidade (Art. 11.4 da Lei 43/2003).
Art. 9.
Montes de dominio público.
Consideramos que debería de establecerse
que: teñan a consideración, a efectos urbanísticos, de solo non urbanizable
de especial protección.
Sección
terceira. Montes Protectores
Art. 15.
Consideramos non se entende que só o
propietario sexa quen inicie o expediente de clasificación como monte
protector, propoñemos que a
clasificación poida iniciarse tamén de oficio: Un ecosistema forestal,
monte, ou bosque declárase Protector
porque as súas características naturais e de interese xeral así o
reclaman.
Debería de especificarse que os montes protectores incluídos en Espacios Naturais Protexidos, serán xestionados e regularanse, acordo coa lexislación que ampara a creación deses Espacios Naturais.
Consideramos que deberían de crease máis figuras de montes, que definan e protexan as especiais condicións de determinados ecosistemas forestais:
Montes Protexidos, os propios dos Espacios Naturais Protexidos.
Montes Preservados, aqueles que deban de preservarse por incluírse en ZEPA, Zonas Húmidas, ZEC, que posúan especies forestais raras, en regresión, que contribúan a mellora dos valores atmosféricos das cidades ou que posúan valor local propio.
Dada a pouca superficie de propiedade pública de ecosistemas forestais, consideramos que se debe de establecer nesta Lei a conveniencia de incrementar a propiedade forestal das distintas Administracións Públicas.
Art.
48.2
Engadiriamos un novo apartado 2: A Administración procederá previa petición da colectividade afectada a clasificación do monte veciñal pondo tódolos seus medios técnicos a disposición do procedemento de recoñecemento administrativo de ditos terreos, no prazo máximo dun ano.
Débese de suprimir
a parte final do apartado 1
...de idade media superior a 25 anos.
Art. 57.2
Engadir no apartado 2:
Os plans de Xestión
Sostible de Distrito Forestal serán elaborados e aprobados pola Administración
forestal, previa consulta ao (Consello Forestal) integrado polos
propietarios e os axentes sociais representantes do sector forestal...
Consideramos moi positivo o feito de que se lle dedique unha sección a certificación forestal, mais consideramos que a Administración galega debe de fomentar só aqueles sistemas que cumpran os criterios mínimos de credibilidade aceptados internacionalmente. Propomos no apartado 2: Dende a Administración fomentaranse as modalidades de certificación que se axeiten as condicións locais, a estructura da propiedade, aceptadas por todas as partes implicadas, baseados en estándares con niveis mínimos esixibles, definidos a nivel estatal e compatibles cos principios de xestión forestal internacionalmente aceptados; baseados en criterios obxectivos e medibles ; baseados nunha avaliación independente e fiable; creibles para os grupos de interés relevantes (incluíndo consumidores, productores, sindicatos, ONG de conservación da natureza, etc.); transparente.
CAPÍTULO I. DOS APROVEITAMENTOS EN XERAL.
PRINCIPIOS
Sección segunda: Aproveitamentos non madeirables.
Art. 70.
Consideramos que se debe de facer referencia a tódolos aproveitamentos forestais renovables e non renovables, a definición tal e como está é moi limitada. Debería de ampliarse a: Todo uso ou utilización dos recursos dun monte, que alomenos potencialmente poidan xerar ingresos. Falta por tanto incluír os usos sociais, culturais e recreativos, a caza e a pesca, a explotación de canteiras ou actividades extractivas, o aproveitamento enerxético eólico, productos apícolas...
Art. 79.
Engadir: A hora de realizar os traballos necesarios para a implantación da masa terase en conta que o momento e forma de execución non incida negativamente sobre o resto de aproveitamentos do monte, fauna que o habita, risco de erosión.
Art. 85.
Queda prohibido en alomenos os seguintes trinta anos de producido o incendio forestal a recalificación dos terreos afectados polo mesmo.
CAPÍTULO II. CAMIÑOS E INFRAESTRUCTURA FORESTAIS
Art. 92.
Engadir
neste artigo un novo apartado 2:
Realizarase unha planificación axeitada da rede de camiños forestais, débese de xustificar a súa viabilidade evitando o impacto sobre a paisaxe, a vexetación, ecosistemas de gran valor, a erosión, aproveitando no posible os camiños xa existentes.
Art. 95.
Engadiriamos
dous novos apartados.
Apartado
2:
Debérase xustificar sempre a utilidade das infraestructuras que se van a realizar, diferenciándose as zonas con masas xa arboradas das de nova repoboación.
Apartado
3:
Os camiños forestais, devasas, faixas abandonadas, parques de almacenamento de madeira ou calquera outra infraestructura abandonada no medio natural, rexenerarase e repoboarase para evitar a súa progresiva degradación.
TÍTULO
VII.
CAPÍTULO
I. PRODUCTOS FORESTAIS.
Art. 98.
Engadir ...comunidades de montes orientadas a mellorar as técnicas...
TÍTULO VIII.
CAPÍTULO I. EDUCACIÓN E DIVULGACIÓN.
Art. 105.2
Engadir no
apartado 2:
...coa participación dos axentes sociais representativos do sector forestal e do sector medioambiental galego...
Apartado
3:
...aulas forestais, centros de interpretación forestal e centros de interpretación medioambiental...
CAPÍTULO II. FORMACIÓN E INVESTIGACIÓN.
Art. 106.
Engadiriamos
dous apartados novos.
Apartado
3:
Para dotar aos traballadores/as forestais de seguridade e estabilidade nas súas relacións laborais, promoverase o establecemento do correspondente convenio laboral do sector. (Hoxe inexistente en Galicia).
Apartado
4:
Dende as Administracións Públicas fomentaranse plans específicos de formación, asesoramento e divulgación para a prevención de riscos laborais no sector, así como a aplicación efectiva da devandita Lei.
Art. 107.
Engadir no
apartado 1:
...Nas labores de formación se fomentará a
participación das asociacións profesionais do sector e dos distintos axentes
sociais, propietarios, organizacións sindicais, organizacións
medioambientais.
CAPÍTULO
I. PRAGAS E ENFERMIDADES FORESTAIS.
Art. 111.2
Engadir no
apartado 2:
...e enfermidades forestais, e formalizará convenios económicos...
Consideramos que se debe de incluír e definir o concepto de “Loita Integrada”.
CAPÍTULO II. COMPETENCIA, COORDINACIÓN E PARTICIPACIÓN.
Art. 127.
Engadir no
apartado 2:
...poderá colaborar na dotación dos medios de defensa contra incendios forestais coas Administracións Locais e Comunidades Veciñais de Montes.
Art. 131.
Fórmulas de participación.
Engadir
neste artigo un novo apartado 3:
A Consellería de Medio Ambiente regulará a constitución de grupos de voluntarios/as para colaborar na prevención e extinción de incendios e coidará da formación destas
persoas para desenvolver as tarefas.
Igualmente fomentará as agrupacións de propietarios de montes e demais persoas
ou entidades interesadas na conservación dos montes e a súa defensa contra os
incendios forestais. (Art. 44.5 da Lei 43/2003).
Art. 132.3
Engadir no
apartado 3:
...no que están representados as Administracións públicas implicadas, as organizacións de propietarios forestais, organizacións sindicais, organizacións medioambientais, organizacións políticas e as organizacións sociais de ámbito forestal...
CAPÍTULO
IV. PREVENCIÓN.
Considerando a alta siniestralidade existente débese de incluír un apartado que faga referencia a está situación, propomos:
A Administración Autonómica dotárase dun
plan específico de prevención de riscos para todos os traballadores/as que
interveñen nas tarefas de prevención e extinción de incendios forestais.
Art. 137.
Engadir un
novo apartado.
Apartado
3:
A Consellería de Medio Ambiente porá en marcha de forma inmediata plans de restauración e recuperación medioambiental das zonas afectadas polos incendios forestais. Para lograr unha efectiva aplicación deste obxectivo estableceranse convenios e axudas ós propietarios dos terreos afectados para a execución destes traballos.
Art. 155.
Seguro de incendios forestais.
Engadir un
novo apartado:
A Xunta de Galicia, a traveso do Consorcio de Compensación de Seguros, garantirá a cobertura de indemnizacións por accidente exclusivamente para as persoas que colaboren na extinción de incendios. (Art. 49. Lei 43/2003).
CAPÍTULO
III. EXENCIÓNS E BENEFICIOS FISCAIS.
Considerando a propiedade especial dos
Montes Veciñais en Man Común e dado o papel que cumpren no desenvolvemento
rural e os beneficios que aportan ó conxunto da sociedade. Resulta canto menos
curioso que os montes veciñais non
poidan acollerse a ningunha exención
fiscal, polo tanto propomos:
Procedérase a elaborar unha fiscalidad especial para os montes veciñais en man común que recollan as súas características especiais e as súas funcións.
TÍTULO XIII: RÉXIME SANCIONADOR.
CAPÍTULO
II: DAS SANCIÓNS.
Art. 190:
Engadir no
apartado 1:
...dos medios utilizados para comete-la infracción. Tales actuacións consignaranse mediante a oportuna acta de intervención.
Consideramos que este artigo tamén debe de recoller a posibilidade de proceder a paralización cautela da actividade que produza o dano con todas as garantías legais. Propomos un novo apartado 3:
Os axentes da autoridade con competencias
na protección do medio natural poderán paralizar de forma cautelar a actividade
que produza dano o medio coas garantías legais correspondentes.
Consideramos que se ten que recoller neste articulado dous aspectos importantes:
· En expedientes sancionadores reabertos pode terse en conta non só os feitos declarados probados por sentencia, senón que calquera outro feito ou circunstancia non considerada na sentencia, posto que en moitas ocasións estas non abarcan a totalidade dos feitos que puideran ser obxecto de sanción administrativa.
· Debe de establecerse nesta Lei que será pública a acción de esixir diante dos órganos administrativos a observancia do regulado na mesma ou nas súas normas de desenvolvemento.
Sección
terceira: das denuncias dos axentes da autoridade e forestais.
Art. 201.
Presunción de veracidade.
Consideramos que este artigo tal e como está
pode levar a equivocacións ou malas interpretacións ó diferenciar ós Axentes
Forestais do resto de Axentes da Autoridade. Os Axentes Forestais son Axentes
da Autoridade acorde co disposto no Art. 283 da Lei de Enxuizamiento Criminal e
ostentan o carácter de Axentes da Autoridade, cando presten servicio no
exercicio das súas funcións. Consideramos que sobra o apartado 1 deste artigo,
tal e como esta recollido no apartado 2 sería suficiente. Polo que o
artigo 201 quedaría da seguinte forma:
Sección
terceira: das denuncias dos axentes da autoridade.
Art. 201.
Presunción de veracidade.
Nos procedementos de sanción que se instrúan con ocasión de infraccións tipificadas nesta Lei, as denuncias formuladas polos axentes da autoridade que presenciasen os feitos, acompañadas dos elementos probatorios dispoñibles, e logo de ratificación no caso de ser negados polo infractor, constituirán base suficiente, agás proba en contrario, para adopta-la resolución que proceda.
Na Lei de Montes debería de existir un capítulo específico que estableza a regulación básica dos Axentes Forestais/Axentes Medioambientais. Esto aparecía xa indicado na Estratexia Forestal Española (pax. 158), fai falla unha Lei que regule as funcións desta Escala de funcionarios públicos para clarificar unha situación caracterizada dende fai anos pola inseguridade e a falla de normalización das funcións deste corpo. ¡Qué mellor que unha Lei de Montes para definir algunhas das competencias e cuestións básicas
deste colectivo!, funcionarios públicos o servicio de conservación da natureza cunha longa historia de máis de 125 anos. Chama moito a atención o grao de descoñecemento e confusión sobre a actividade destes profesionais e incluso, da súa existencia no conxunto da sociedade.
Dadas as competencias cada vez máis amplías e complexas, así como o establecemento das liñas de colaboración cos órganos xurisdiccionais (xulgados e futuras fiscalías de medio ambiente) e coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a adaptación dos actuais Axentes Forestais o propio desenvolvemento socioeconómico e as novas normativas medioambientais autonómicas, estatais e da Unión Europea. Consideramos que a denominación destes profesionais encargados da policía, custodia, vixilancia e inspección ambiental do medio ambiente natural sexa a de Axentes Medioambientais, en sintonía coa denominación do resto do Estado e da propia Unión Europea.
Propomos a inclusión dun novo capítulo co seu correspondente articulado que recolla os seguintes aspectos que clarifiquen as funcións e competencias dos Axentes Forestais/Axentes Medioambientais:
CARÁCTER DE AUTORIDADE
Os Axentes Medioambientais son funcionarios públicos da Administración Especial da Xunta de Galicia, teñen a consideración de Policía Xudicial acordo co disposto no art. 283 da Lei de Enxuizamento Criminal e ostentan o carácter de Axentes da Autoridade, cando presten servicio no exercicio das súas funcións.
ASISTENCIA XURÍDICA
Os Axentes Medioambientais gozarán da representación en xuízo por letrados da Xunta de Galicia así como de asesoramento xurídico cando sexa preciso na realización da súa labor cotiá.
ACCESO A PREDIOS FORESTAIS
Os Axentes Forestais, no desempeño das súas funcións, poderán acceder ós montes e predios forestais, previa identificación e sen aviso. A obstaculización á labor inspectora de investigación, supervisión, recoñecemento e vixilancia, constituirá unha infracción grave.
FUNCIÓNS DOS AXENTES MEDIOAMBIENTAIS
Estableceránse protocolos de actuación para optimizar os recursos humanos e materiais, evitando a duplicidade nas actuacións.
PARALIZACIÓN CAUTELAR
Os Axentes/Forestais Axentes Medioambientais poderán paralizar cautelarmente a realización de actividades contrarias a normativa ambiental, dando conta o órgano
competente en materia de Disciplina Ambiental no termo de corenta e oito horas mediante a correspondente denuncia.
O órgano instructor deberá resolver no termo de sete días a contar dende a recepción da denuncia se alza ou mantén dita medida de cautela, sen prexuízo de poder acordar as
dilixencia complementarias que estime oportunas en orde a determinación dos feitos de maneira máis detallada.
Consideramos que esta Disposición debe ser suprimida.
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2004
Asdo.: Hortensia Álvarez Folgar
Secretaria de Saúde Laboral e Medio Ambiente
Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.