O
Consello de Ministros do día 21 de marzo de 2003, deu luz verde
ó proxecto de leis de montes do ministerio de Medio Ambiente có
fin de que inicie a súa tramitación parlamentaria de cara a súa
aprobación. No que respecta ós montes veciñais en man común,
no só é
unha lei negativa, senón que é perigosa e atentatoria
contra a figura desta propiedade veciñal que son os montes veciñais
en man común.
A lei de montes estatal, ademais de non recoñece-lo carácter
xermánico da propiedade veciñal, sitúa a estos ós efectos,
ós montes veciñais en man común no ámbito dos montes
privados.
Deste xeito, queda claro que a intención do Goberno Central
e do Partido Popular de Galicia é ir elimando as defensas xurídicas
para tentar de privatiza-los montes veciñais en man común e
eliminar esta propiedade veciñal.
Se a intención non fose esta, ¿por qué o Director Xeral de
Montes se negou no Consejo Nacional de Bosques a introducir unha
enmenda ó anteproxecto da lei de montes estatal para que se
recoñecera o carácter xermánico da propiedade dos montes veciñais
en man común? Proposta formulada por ADENA, que recollía unha
petición da Organización Galega de comunidades de montes veciñais
en man común (ORGACCMM).
Se a intención non fose acabar coa figura dos montes veciñais
en man común, ¿por qué o Director Xeral de Montes, o Sr. Tomás
Fernández Couto, no Consejo Nacional de Bosques, foi o máximo
defensor de que non se introducira esta enmenda, cando el sabe
perfectamente, que a enmenda non atacaba para nada ó contido da
lei de monte estatal? E decir, cando el sabe que se a lei de
montes estatal é mala, seguiría sendo mala cá introducción
da enmenda, e se a lei de montes estatal é boa seguiría sendo
boa cá introducción da enmenda. Con esta actitude, semella
claro que a intención da Consellería de Medio Ambiente da
Xunta de Galicia, é achanzar o camiño para privatiza-los
montes veciñais en man común e eliminar esta propiedade veciñal.
De aí que esta consellería está esperando, como auga de maio,
á aprobación da lei de montes estatal, para elaborar e aprobar
no Parlamento Galego unha nova lei de montes veciñais. Cabe
pois formularse a seguinte pregunta, ¿é necesaria unha nova
lei de montes veciñais en man común?
Entendemos que non. E entendemos que non porque a lei de
montes veciñais en man común actualmente vixente, ten somentes
unha vida de 12 anos. Porque foi aprobada por unanimidade nun
Parlamento Galega, cando éste estaba formado por un goberno de
tres partidos (PSOE, CG, PNG) e por unha oposición de tres
partidos (PP, EG, BNG), é decir, unha lei de consenso. Porque
define claramente o concepto de propiedade veciñal dos montes
veciñais en man común.
E sobre todo, non é necesaria unha nova lei de montes veciñais
en man común, porque a maior crítica que se lle pode facer á
lei de montes veciñais en man común actualmente vixente, é
que foi incumplida sistemáticamente polos sucesivos gobernos do
PP. Porque aínda están sen cumplir moitos dos preceptos que
contiña a lei de montes veciñais (face-los deslindes, asesorar
ás comunidades de montes, redaccións de plans de traballo,
fomento do cooperativismo, cumplimento dos convenios, velar pola
integridade do monte veciñal ).
Outra cousa sería que o goberno da Xunta de Galicia
prantexara a elaboración dunha lei de aproveitamento do monte.
Unha lei que permitise ás comunidades de montes, sen perde-las
súas características, desenvolver tódalas potencialidades dos
seus montes. Que permitise que ese desenvolvemento repercutise
positivamente na mellora de calidade de vida dos habitantes da
zona de influencia do monte e xa que logo, que actuase como un
elemento fixador da poboación no mundo rural.
Pero claro, o goberno da Xunta de Galicia, non está por esta
laboura xa que esto significaría a defensa do monte veciñal en
man común, e o que pretende é a privatización dos montes veciñais
e a eliminación de esta propiedade dos veciños e das veciñas
comuneiros.
Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da ORGACCMM -Val
Miñor