|
Alén de protexer antigos
edificios e conxuntos históricos de grande
importancia, a UNESCO preocúpase tamén por recoñecer
a importancia de formas culturais que carecen de
manifestacións materiais deste tipo. Deste xeito, en
1998, este organismo internacional creaba a categoría
de Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial, e en 2001
recoñecías as primeiras dezanove manifestacións
culturais distinguidas con esta categoría. Linguas,
literatura oral, música, danza, xogos, mitoloxía,
ritos, indumentaria, artesanía ou formas tradicionais
de comunicación, así coma espazos culturais son algúns
dos elementos que poden aspirar a este recoñecemento.
Na actualidade existen corenta e sete destas Obras
Mestras, e máis de catro mil formas culturais
declaradas Patrimonio Inmaterial.
A proposta galega
Aínda que, evidentemente, o patrimonio inmaterial
galego-portugués existe desde hai séculos, a súa
proposta para ser considerado pola UNESCO Obra Mestra
da Humanidade naceu aproximadamente hai dous anos
dentro da iniciativa radiofónica "Ponte... nas
ondas", organizada por centros escolares das dúas
bandas do Miño. "Levamos traballando sobre
patrimonio inmaterial en 'Ponte... nas ondas' desde o
ano 2002, e fomos constatando que existía un
patrimonio común a Galicia e a Portugal",
explica Santiago Veloso, un dos promotores da proposta.
"No traballo nas escolas víronse estas
evidencias, contrastáronse as analoxías e as
pequenas diferenzas e de aí que xurdise un pouco
iniciativa". A asociación que organiza cada ano
"Ponte... nas ondas" sinalan que "aínda
que a iniciativa está aberta a calquera achega,
estamos a traballar naqueles aspectos da tradición
oral nos que resultan evidentes os aspectos unitarios
ou comúns".
Os aspectos máis semellantes
Deste xeito, e a pesar das múltiples manifestacións
comúns da cultura galego-portuguesa, o proxecto céntrase
na oralidade vencellada ao ciclo agrario e da natureza,
polo alto grado de identidade que existe entre as
tradicións deste tipo das dúas bandas da fronteira.
Cantigas comúns, ritos, símbolos, mitoloxías, xogos,
nomes de elementos naturais e mesmo xeitos de traballo
e de organización social fan parte dese legado
unitario. Entre outros exemplos desta identidade a
organización gravou un vídeo no que se pode ver o
grupo galego interpretando a cantiga tradicional
"Nosa Señora da Guía" e os portugueses
Gaiteiros de Lisboa facendo o mesmo con "Chula da
Póvoa", e comprobando que as dúas cantigas teñen
exactamente a mesma música. "Esta cultura
tradicional común corre perigo de desaparición co
paso dunha sociedade agraria a unha industrial",
explica Veloso.
As vantaxes
"A guía que ten a UNESCO para as candidaturas
estima que deben ser as asociacións de base e os
propios portadores do patrimonio os que fagan as
propostas de declaración de Obra Mestra", sinala
Veloso. Alén diso, o feito de ser unha candidatura
transfronteiriza, a segunda deste tipo que se presenta
en Europa, dálle un valor engadido á proposta. O
perigo de desaparición da cultura tradicional, o
feito de estar promovido por unha asociación na que
se integran centros que fan parte da propia rede de
escolas da UNESCO e o feito ser aínda un patrimonio
vivo son factores que apoian a proposta. "Xa o
proceso de presentar a candidatura como nós o facemos
supón un traballo de transmisión do patrimonio nas
escolas. Nestes anos o tema foi levado ás aulas e os
alumnos que participan na iniciativa "Ponte...
nas ondas" ás dúas beiras do Miño coñeceron
oficios tradicionais, contos e historias locais
contadas polos seus propios maiores e levaron estes coñecementos
ás ondas nas xornada anual de radio que se celebrou o
pasado sete de maio.
Actividades
Alén desta xornada radiofónica, o colectivo está a
organizar desde hai tres anos a mostra da oralidade
galego-portuguesa "queremos darlle visibilidade a
esta candidatura, amosar como esa cultura común pode
ser contemplada nun teatro", indica Veloso.
"Tamén pensamos nunha ferías de oficios
tradicionais comúns, ou unha grande manifestación
para que se vexa aos ollos do mundo como esta cultura
ten unha expresión común clara". Entre os
proxectos que barallan está organizar un grande acto
en París acompañando a entrega do dossier da
candidatura na UNESCO. Nos últimos anos multiplicáronse
os apoios oficiais a esta proposta. "A maioría
das entidades de Galicia e Portugal xa amosaron o seu
apoio, tanto desde a Real Academia Galega coma desde o
Consello da Cultura, a Xunta, o Eixo Atlántico, a
Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ou os
Ministerios de Agricultura e de Cultura de
Portugal".
Os apoios e o proceso
Faltan no entanto os avais oficiais máis importantes.
"Na súa guía, a UNESCO estima que deben ser as
asociacións de base e os portadores do patrimonio os
que promovan estas iniciativas pero os gobernos deben
amosar que se implican na conservación en o
compromiso dese patrimonio", explica Santiago
Veloso. "Tivemos xa conversas co ministerio de
cultura en Lisboa, onde hai todo o interese mais están
aínda pendentes do que diga Madrid. En Madrid xa se
lle enviou o dossier e temos unha entrevista
solicitada coa nova ministra". O tempo para
presentar as candidaturas deste ano acaba o trinta de
setembro. En maio do ano que ven farase a avaliación
final por parte do xurado e agárdase qeu para xuño
do ano 2005 se coñeza as lista definitiva das novas
Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial Intanxíbel.
"Unha proclamación da UNESCO suporía colocar no
mundo a nosa cultura común. A UNESCO promovería esta
cultura en todo o mundo e sería un atractivo máis
para os visitantes que veñen a Galicia e a
Portugal", explica Veloso, "sería un
escaparate permanente en todo o mundo para a nosa
cultura". Quedan aínda doce meses de agarda,
pero boa parte do camiño está xa andada.
|