Primeria Quincena de Abril do 2.004
Creación da Asociación de Amigos dos Montes Veciñais en Man Común
Remitido
En coincidencia co Día Forestal Mundial, a Xunta Xestora da
Asociación de Amigos dos Montes Veciñais en Man Común ven a celebrar a súa
Asemblea Constituínte que terá lugar ás 12,00 horas do vindeiro Domingo 21 de
Marzo no Monte do Castro de Vigo.
Esta asociación sociocultural de ámbito galego, xorde dende a vontade sensible
de distintas persoas de diferentes eidos da vida profesional e cultural coa
finalidade de defender, desenvolver e promover a figura da Comunidade Veciñal
do Monte en Man Común, unha das máis importantes figuras sociais da cultura
galega. Entre outras accións previstas, propoñémonos a creación de foros de
debate e opinión que servan para o intercambio de experiencias e coñecementos;
a difusión da figura do Monte Veciñal no eido urbano e no eido da educación
dos nosos nenos/as; o apoio á formación das comunidades de montes; así como a
elaboración de programas de estudio e investigación arredor do pasado e
presente do Monte Veciñal, figura tradicional galega por excelencia.
Por outra banda, consideramos necesaria a elaboración de propostas que
contemplen e promovan á comunidade veciñal e aos seus montes nos Planos de
Desenvolvemento Local e Rural, e que as mesmas fomenten unha Xestión Sostible
dos seus recursos e aproveitamentos.
Dende esta Asociación promoverémos tamén a relación da comunidade veciñal
galega con figuras semellantes de natureza xermánica doutras autonomías ou países.
A Asociación ten creada unha dirección de correo electrónico para atender a tódolos
interesados en consultar, asociarse ou colaborar con ela, amigosdocomunal@mundo-r.com,
e próximamente vai poñer en marcha a súa páxina Web.